Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 20 de outubro de 2011 Páx. 30779

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 29 de setembro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O 21 de xaneiro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 14, a Orde do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establece que non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos.

Ao abeiro do sinalado nos parágrafos anteriores, cómpre deixar sen efecto esta convocatoria de axudas, co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Déixase sen efecto a Orde do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a conselleira de Traballo e Benestar, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar