Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 16 de novembro de 2011 Páx. 33574

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 8 de novembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 4 de agosto de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social, na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2011.

A Consellería do Medio Rural, coa finalidade de apoiar as accións formativas en materia agroforestal destinadas a potenciar a inclusión social e laboral das persoas desfavorecidas ou con discapacidades, vén convocando distintas liñas de axudas.

Neste senso, mediante a Orde do 4 de agosto de 2011, a Consellería do Medio Rural convocou axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dada a dilación na tramitación das solicitudes derivada da tardanza na recepción da correspondente documentación pola Consellería do Medio Rural procedente dos diversos lugares habilitados para isto ao abeiro do disposto no artigo 7 da citada orde, resulta procedente modificar, a través desta orde, o período de xustificación da axuda, regulado no artigo 9 da Orde do 4 de agosto de 2011.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo coa Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de agosto de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social.

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 4 de agosto de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas en materia agroforestal por entidades de iniciativa social dedicadas a fomentar a integración social e laboral de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión social.

Un. Modificación do artigo 9.5.

O artigo 9.5 queda redactado nos seguintes termos:

«5. Con carácter xeral, a certificación e xustificación da axuda de cada unha das accións formativas realizarase dentro dos 15 días seguintes a súa finalización e antes do 13 de decembro de 2011».

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural