Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 13 de decembro de 2011 Páx. 36343

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se publica o Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa para o curso 2011-2012.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, sinala no seu artigo 148, punto 2, que lles corresponde ás administracións públicas competentes ordenar, regular e exercer a Inspección Educativa dentro do respectivo ámbito territorial e encomenda á Inspección Educativa as funcións recollidas no título VII, capítulo II.

O Decreto 99/2004, do 21 de maio (DOG do 25 de maio), e a Orde do 13 de decembro de 2004 (DOG do 22 de decembro), que o desenvolve, regulan a organización e o funcionamento da Inspección Educativa na Comunidade Autónoma de Galicia baixo criterios de xerarquía, traballo en equipo, profesionalidade e especialización.

O Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa, previsto no artigo 9 do citado decreto e no artigo 4 da Orde do 13 de decembro de 2004 é o plan de actuación necesario para garantir o adecuado cumprimento das funcións encomendadas á Inspección Educativa e para promover a mellora da calidade do sistema educativo.

Este plan constitúe o marco de actuación da Inspección Educativa de Galicia para o curso 2011-2012, e establece os obxectivos xerais para este período, o marco de intervención nos centros educativos e as directrices para a elaboración dos plans de inspección provinciais baixo criterios que propicien unha actuación coordinada.

En consecuencia, abrangue as actuacións de asesoramento, control, supervisión e avaliación que a Inspección Educativa, no exercicio das súas competencias, realiza de modo habitual, integrándoas coas actuacións prioritarias e coas actuacións específicas para este curso, en función das necesidades detectadas e das prioridades establecidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, encamiñadas á mellora do sistema educativo. Ademais destas, outro bo número de actuacións son encomendadas puntualmente ao longo do curso por ser de difícil previsión, e, polo tanto, pode ser necesario incorporar actuacións incidentais con carácter de inmediatez que se xulguen necesarias, por situacións sobrevidas ou non previstas.

Este plan elaborouse, logo de consulta coas direccións xerais e secretarías xerais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre as actuacións da Inspección Educativa relacionadas con asuntos das súas respectivas competencias. Igualmente, tivéronse en conta as propostas recollidas nas memorias dos servizos territoriais de Inspección Educativa e na memoria xeral de inspección correspondentes ao curso 2010-2011, co obxecto de mellorar o plan xeral.

Para dar cumprimento ao establecido nos artigos 10 e 20 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, as xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa elaborarán os plans provinciais de actuación da Inspección Educativa aténdose ás liñas básicas e prioritarias fixadas no plan xeral, sen prexuízo da marxe de flexibilidade e autonomía que a singularidade provincial exixe para adecuar o plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.

Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no artigo 9 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, por proposta da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e en virtude das competencias e funcións atribuídas mediante o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Facer público o Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2011-2012, que figura no anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO
Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2011-2012

1. Lexislación aplicable.

Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio).

Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 25 de maio).

Orde do 13 de decembro de 2004 pola que se desenvolve o Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 22 de decembro).

Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 24 de xuño).

2. Obxectivos.

Contribuír á mellora da calidade do sistema educativo e dos seus resultados.

Establecer o marco en que se desenvolven as actuacións de asesoramento, supervisión, control e avaliación encomendadas á Inspección Educativa.

Determinar as actuacións que terán carácter prioritario durante o curso 2011-2012 en función das necesidades detectadas e dos obxectivos de mellora programados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Establecer as directrices e os criterios para orientar a elaboración dos plans provinciais de actuación da Inspección Educativa.

Consolidar a aplicación de protocolos comúns no funcionamento dos servizos de Inspección Educativa que propicien unha actuación coordinada no exercicio das súas funcións.

Potenciar o uso das TIC na Inspección Educativa para optimizar a xestión propia e a intervención nos centros educativos, dentro das aplicacións informáticas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Actuacións.

As actuacións que realizará a Inspección Educativa de Galicia para o período de vixencia deste plan clasifícanse en: prioritarias, habituais, específicas e incidentais.

Boa parte destas actuacións desenvolveranse a través de protocolos normalizados achegados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3.1. Actuacións prioritarias.

Veñen determinadas polas liñas prioritarias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en resposta ás necesidades do sistema educativo.

Durante o curso 2011-2012 levaranse a cabo as seguintes actuacións prioritarias:

Asesoramento aos centros, seguimento e avaliación das accións previstas nos contratos-programa.

Seguimento e avaliación da implantación e desenvolvemento do proxecto Abalar.

Supervisión da implantación, seguimento e avaliación dos centros plurilingües.

Supervisión da implantación, seguimento e avaliación das seccións bilingües.

Supervisión do desenvolvemento do programa CUALE.

Seguimento da matrícula nos centros educativos e dos itinerarios formativos na ESO e no bacharelato.

Seguimento do cumprimento das condicións previstas nos concertos educativos, con especial atención ás aulas concertadas e aos requisitos de acreditación do profesorado.

Supervisión da rede de orientación e das medidas de atención á diversidade.

3.2. Actuacións habituais.

Son aquelas que a Inspección Educativa realiza de modo habitual no exercicio das funcións establecidas no artigo 3 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e funcionamento da Inspección Educativa en Galicia. Son moitas e moi variadas, inherentes á complexidade do sistema educativo e véñense repetindo todos os anos. Isto explica que, aínda que sexan previsibles pola experiencia acumulada, resulten difíciles de concretar dun modo exhaustivo, debido ao seu elevado número e a que se enmarcan en diferentes ámbitos relacionados coa organización e funcionamento dos centros, programas e servizos, ordenación académica, procesos de planificación educativa, centros, servizos e profesorado, procesos de escolarización e procesos de avaliación do sistema educativo.

Sen prexuízo doutras que se poidan realizar no ámbito das competencias e atribucións da Inspección Educativa, destácanse as seguintes:

Validación dos datos iniciais de matrícula.

Seguimento dos procesos de inicio e fin do curso nos centros educativos e da súa adecuación ao calendario escolar.

Supervisión da documentación pedagóxica, académica e administrativa dos centros educativos, e dos desenvolvementos curriculares e organizativos, con especial atención ás programacións didácticas.

Análise dos resultados de avaliación e promoción do alumnado e asesoramento aos centros con propostas de mellora.

Participación no desenvolvemento da avaliación de diagnóstico e no establecemento de propostas de mellora nos centros educativos.

Supervisión da organización e funcionamento dos centros públicos, programas e servizos.

Asesoramento aos equipos directivos e ao profesorado sobre aspectos curriculares, normativos, técnicos e científicos da organización e funcionamento dos centros educativos.

Supervisión da escolarización do alumnado das diferentes ensinanzas e asesoramento aos pais e ás nais sobre os aspectos normativos.

Supervisión dos procesos de elección aos consellos escolares.

Seguimento do cumprimento dos dereitos e deberes do alumnado.

Participación nos procesos de selección de directores e directoras de centros escolares públicos.

Participación na modificación da rede de centros e arranxos escolares.

Participación nos procedementos de recoñecemento de acreditacións do profesorado.

Participación nos procedementos de homologación de títulos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

Previsións da oferta de ensinanzas e estudo da racionalización da oferta educativa.

Previsións de necesidades de profesorado e optimización dos recursos.

Participación na determinación de catálogos de profesorado.

Avaliación da función directiva.

Avaliación da fase de prácticas do profesorado que accede á función pública docente.

Seguimento da actividade docente e das actividades de formación do profesorado en centros.

Control do absentismo do profesorado e do alumnado.

Emisión de informes previos á instrución de expedientes disciplinarios e instrución destes.

Emisión de informes de desafectacións, do uso de instalacións, ampliacións, arranxos e reformas nos centros escolares.

Emisión de informes de adaptacións curriculares, de incorporación a programas de diversificación curricular, de incorporación a PCPI con carácter excepcional e de flexibilización do período de escolarización.

Supervisión da asistencia do alumnado nos ciclos formativos, das renuncias e baixas de oficio.

Velar polo cumprimento da normativa en materia de plurilingüismo.

Participación en comisións e tribunais cando así o determinen as convocatorias.

Calquera outra actuación que por razóns de servizo lle sexan encomendadas no marco das funcións e competencias que ten atribuídas a Inspección Educativa.

3.3. Actuacións específicas.

No curso 2011-2012 levaranse a cabo as seguintes intervencións específicas, relacionadas con aspectos concretos da actividade educativa:

Seguimento das ensinanzas de formación profesional en todas as súas modalidades con especial atención ao seguimento das programacións e do módulo de proxecto.

Estudo das necesidades de ciclos formativos de acordo co catálogo novo de titulacións, as necesidades do contorno produtivo e os recursos necesarios de profesorado, equipamentos e espazos.

Estudo das necesidades e seguimento dos PCPI en todas as súas modalidades, tendo en conta o réxime ordinario e o novo réxime integrado.

Seguimento dos programas e actividades de emprendemento realizadas con alumnado de FP e da adecuación das actividades na FCT.

Seguimento do procedemento para o recoñecemento, a avaliación e a certificación da competencia profesional.

Seguimento das ensinanzas de réxime especial.

Seguimento das actividades nos centros integrados de formación profesional.

Seguimento das ensinanzas de adultos en todas as súas modalidades.

Seguimento do proxecto lingüístico de centro.

Avaliación da organización e funcionamento dos equipos de ciclo e dos departamentos didácticos en centros educativos.

3.4. Outras actuacións puntuais.

O traballo da Inspección Educativa non se limita á realización das actividades recollidas nos puntos anteriores. A inspección intervén en multitude de situacións imprevisibles caracterizadas pola inmediatez, que implican a realización doutras actuacións puntuais que, por razóns do servizo, lle son encomendadas no marco das funcións e competencias que ten atribuídas.

3.5. Coordinación, apoio e seguimento da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

A Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, ademais de impulsar e coordinar as actuacións dos servizos territoriais de Inspección Educativa, desenvolverá actuacións encamiñadas a:

Elaborar e implementar protocolos normalizados para o desenvolvemento das actuacións da Inspección Educativa.

Impulsar a utilización dos sistemas informáticos para a xestión dos plans provinciais e do Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa.

Potenciar a formación, actualización e perfeccionamento das inspectoras e inspectores, incidindo na utilización das TIC.

Crear e coordinar grupos de traballo interprovinciais no ámbito da Inspección Educativa en áreas e temas de interese para a mellora da calidade do sistema educativo.

Manter actualizado o portal dispoñible para a Inspección Educativa, asesorar nos aspectos relativos ás súas aplicacións e elaborar recursos para uso da inspección.

Facilitar aos servizos territoriais de Inspección Educativa os modelos para a elaboración dos plans provinciais de actuación e das respectivas memorias.

3.6. Xestión das actuacións dos inspectores e inspectoras de educación.

As actuacións dos inspectores e inspectoras para as que existan protocolos normalizados xestionaranse na aplicación informática de xestión da Inspección Educativa (XIE). A través dela a Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e os servizos territoriais de Inspección Educativa realizarán o seu seguimento.

3.7. Actividades de formación.

Para a formación e perfeccionamento, así como a actualización, en todo o que se refire ás competencias e atribucións dos inspectores e inspectoras de educación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza actividades tales como cursos, encontros, xornadas e outras modalidades de formación. Igualmente fomenta a súa participación en convocatorias formativas, para as cales se reservan prazas para os membros da Inspección Educativa.

Xornadas periódicas que terán lugar ao longo do curso. Nelas trataranse temas de interese para a formación da Inspección Educativa e coordinarase a información das diferentes unidades da consellería.

Participación noutras actividades formativas específicas. En xeral, os inspectores e as inspectoras poden participar en xornadas, encontros e outras modalidades de formación que organice a consellería, ou recoñecidas por esta e que poidan ser útiles para unha posta ao día nos aspectos curriculares e relativos á organización de centros e do sistema educativo. Así mesmo, poden participar en modalidades formativas para docentes como son: licenzas por estudos, estadías no estranxeiro, programa de aprendizaxe permanente, congresos, xornadas, e encontros promovidas polas administracións educativas ou por asociacións de inspectores.

4. Plans provinciais de actuación da Inspección Educativa.

4.1. Aspectos xerais.

O plan xeral recolle as liñas, as actividades e os criterios de actuación da Inspección Educativa, que serán concretados para cada provincia nos respectivos plans provinciais de actuación.

Correspóndelle á xefa ou xefe de cada un dos servizos territoriais de Inspección Educativa a elaboración do plan provincial de actuación da Inspección Educativa previsto no artigo 10 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 13 de decembro de 2004.

De acordo co que xa se vén aplicando nos últimos cursos, en todas as provincias deberase seguir destinando os luns de cada semana a realizar as distintas reunións, para planificar e avaliar o desenvolvemento, entre outras, das actuacións prioritarias previstas neste plan de traballo. Así mesmo, manteranse ao día as bases de datos propias da Inspección Educativa.

O plan provincial de actuación da Inspección Educativa será remitido, co visto e prace da xefatura territorial, á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, de acordo coas datas establecidas no artigo 5 da Orde do 13 de decembro de 2004.

4.2. Estrutura dos plans provinciais.

Deberán recoller, como mínimo, os seguintes aspectos:

Introdución ao plan xeral.

Desenvolvemento de obxectivos.

Planificación das actuacións prioritarias, habituais e específicas, indicando a súa cuantificación, temporalización e seguimento.

Planificación das actividades de organización e funcionamento da propia inspección indicando a súa temporalización.

Persoal ao servizo da Inspección Educativa:

Inspectores e inspectoras.

Persoal de apoio á Inspección Educativa.

Estrutura e organización do servizo:

Sedes, sectores e subsectores.

Grupos de traballo específicos por áreas e temas de interese que determine a consellería.

Gardas.

Plan de reunións.

Plan de visitas aos centros: criterios, tipos de visita e documentos de rexistro das decisións.

Planificación das actividades de formación.

Áreas de mellora e propostas de mellora.

4.3. Seguimento dos plans provinciais.

O seguimento interno de cada plan provincial será responsabilidade da xefa ou xefe do servizo territorial. Para conseguilo incluirá a súa revisión na orde do día da reunión mensual ordinaria da xunta provincial de inspección, ademais das que considere necesarias coas inspectoras e inspectores coordinadores de sector, de ser o caso.

O seguimento externo dos plans provinciais de actuación é competencia da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo. Para tal fin, a subdirectora xeral incluirá o seguimento na reunión mensual da xunta de xefes e xefas de servizo e ademais poderá solicitar os informes puntuais que xulgue oportunos referidos ao cumprimento das actuacións previstas nos plans de traballo provinciais.

4.4. Avaliación dos plans provinciais.

A avaliación interna de cada plan provincial de actuación será competencia do respectivo servizo territorial de Inspección Educativa. Para tal fin constituirase un equipo de avaliación integrado polas persoas que desempeñan as funcións de xefatura de servizo e coordinación de sector.

Ao final do curso académico, a xefatura do servizo elaborará, coa colaboración das/os coordinadoras/es, unha memoria en que recollerá os resultados da avaliación. Co fin de analizar a citada memoria, a xefatura do servizo convocará unha reunión do servizo territorial de inspección educativa no mes de xullo ou incluirá o dito asunto na orde do día da reunión ordinaria da xunta provincial de Inspección do citado mes. A memoria, xunto coas achegas, se for o caso, feitas polos inspectores e inspectoras que integran o servizo, será remitida á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo antes do 15 de xullo de 2012.

A avaliación externa dos plans provinciais corresponde á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, que elaborará unha memoria anual en que se recollerán os resultados. Esta memoria do grao de cumprimento dos plans provinciais e do Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa, unha vez analizada xunto coas xefaturas dos servizos territoriais de Inspección Educativa, será elevada á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.