Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 13 de decembro de 2011 Páx. 36379

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria anticipada de subvencións a proxectos de enerxías renovables con financiamento procedente de fondos comunitarios derivados do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas que, unanimemente, están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre enerxías renovables ou aforro e eficiencia enerxética se desenvolven na actualidade.

A Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), contén unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Coa pretensión de acadar os citados obxectivos o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomentan as enerxías renovables e o aforro e eficiencia enerxética.

Esta convocatoria financiarase con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia para o ano 2012 por un importe de 2.535.850,00 euros, para actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia (tramo autonómico) encadradas no eixe 4, medida 40 (actuacións 1, 2, 3 e 4) e medida 41 (actuacións 1 e 2), que se refiren aos distintos tipos de instalacións de enerxías renovables. Un 70% do dito importe corresponde a fondos comunitarios derivados do Programa operativo Feder-Galicia 2007/2013. O 30% restante procede do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI).

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

De acordo con todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións a proxectos de enerxías renovables que a seguir se reproducen, así como convocar a todos aqueles interesados en solicitalas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación.

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de enerxías renovables, tal e como aparecen definidos no anexo I de carácter técnico (Normas por tecnoloxía aplicada), que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no seu articulado e anexos.

2. O procedemento administrativo de concesión será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (BOE núm. 150, do 23 de xuño); Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro); Regulamento (CE) núm. 1083/2006, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao Fondo de Cohesión (DOUE 31.7.2006) e concordantes, ademais dos regulamentos comunitarios en materia de información e publicidade.

3. Cando o beneficiario da subvención deba ter a consideración de empresa segundo o establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008), as subvencións terán o carácter de minimis e con alcance xeral aplicaráselles o previsto no Regulamento (CE) núm. 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006). Serán tamén aplicables as especificacións e límites previstos nos regulamentos (CE) da Comisión núm. 1535/2007 (DOUE 21.12.2007) e núm. 875/2007 (DOUE 25.7.2007) para os sectores produtivos agrícola e pesqueiro, respectivamente.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan.

1. Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións que se axusten ás prescricións técnicas recollidas no anexo I, sempre que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de outubro de 2011 e o 15 de setembro de 2012, coa excepción da liña de axudas de gasificación/biogás, cuxos proxectos se deberán executar entre o 1 de outubro de 2011 e o 31 de decembro de 2013.

2. Non serán subvencionables aqueles proxectos incluídos nos plans industriais que se desenvolvan sobre a base da Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos de Galicia (publicada no DOG núm. 248, 28.12.2010), e posteriormente aceptados pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 3. Financiamento.

1. As subvencións imputaranse ás cantidades consignadas nos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia, con cargo á conta contable 6565021, en contía de 2.535.850,00 euros cuxa execución material se distribúe en dous exercicios de acordo coa seguinte táboa:

Tipo

Fondos Feder+FCI

70% + 30%

2012 (€)

Fondos Feder+FCI

70% + 30%

2013 (€)

Total

Solar térmica

600.000,00

600.000,00

Caldeiras de biomasa

900.000,00

900.000,00

Fotovoltaica conectada á rede

450.000,00

450.000,00

Fotovoltaica illada e instalacións mixtas

92.919,00

92.919,00

Gasificación/biogás

492.931,00

492.931,00

Total

2.042.919,00

492.931,00

2.535.850,00

2. O importe dos fondos para cada tipo de actuación entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de incrementar o crédito coa condición dunha maior dispoñibilidade orzamentaria motivada por algunha das circunstancias previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En particular, estes fondos poderían derivar do convenio de colaboración que se asine entre o IDAE e o Inega para o ámbito de Galicia, relativo á definición e posta en práctica de actuacións de apoio público ás enerxías renovables.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. En canto ás obrigas contraídas, non se verán afectadas pola transformación do Inega en axencia.

5. No suposto de que o número de solicitudes viables nun tipo determinado non esgote o crédito consignado para el, o sobrante poderá asignarse a algún dos restantes que recolle a táboa de financiamento.

Artigo 4. Beneficiarios/as.

1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, en especial os indicados para cada liña de axuda no anexo I:

a) As persoas físicas maiores de idade ou emancipadas que teñan plena capacidade de obrar.

b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos.

c) As empresas que teñan contratada a xestión enerxética, total ou parcialmente, de inmobles e instalacións de titularidade pública ou privada, e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso co visto e prace do titular do inmoble ou instalación, por se dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

d) Os distintos tipos de administracións públicas.

e) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica. Nestes casos deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Fundacións, asociacións, comunidades de bens ou calquera tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen ánimo de lucro, tales como comunidades de propietarios, comunidades hereditarias ou, en xeral, entidades de base patrimonial que, aínda carecendo de personalidade xurídica, conten cunha administración común para levar a cabo a actuación para a que solicitan a subvención.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Cando se trate de axudas de minimis non poderán ser beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (CE) núm. 1998/2006 (DOUE 28.12.2006) da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, ou, se é o caso, no artigo 1 do regulamento sectorial que corresponda dos citados no número 3 do artigo 3 destas bases reguladoras.

4. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas na letra c) do número 1 deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais, contados desde o día seguinte a aquel en que se publique esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo electrónico http://www.inega.es. Correspóndense co anexo II, que é común para todas as liñas de axuda, e cos anexos III, de carácter técnico e individualizado para cada tipo de axuda. Só poderán ser cubertos e confirmados acudindo á aplicación informática dispoñible no dito enderezo electrónico. A súa publicación no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderanse dirixir a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 31/981 54 15 30/981 54 15 24, do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es. O Inega adoptará as medidas que resulten necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Nestes formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Tampouco se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentaron en convocatorias anteriores e lles foi concedida a axuda correspondente, agás que previamente se renuncie a ela.

6. Unha vez cubertos e confirmados os formularios na forma indicada nos parágrafos anteriores, as solicitudes poderanse presentar ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante a sinatura electrónica do solicitante ou do representante legal da entidade que solicite a axuda. Para isto o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509v3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma.

7. Ademais dos medios electrónicos admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro Único do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo 5, San Lázaro, Santiago de Compostela. Tamén nos rexistros de calquera outro órgano da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo a nova redacción dada á letra b) polo Real decreto lei 8/2011, do 1 de xullo (Boletín Oficial del Estado núm. 161, do 7 de xullo).

Artigo 6. Documentación complementaria da solicitude.

Xunto coa solicitude presentarase, en orixinal ou copia compulsada e sen que se admitan as copias simples, a seguinte documentación complementaria: a xenérica e a técnica que figura no anexo I.

Dentro da documentación xenérica parte será común (subepígrafe A.1.) e parte específica en función do tipo de solicitante (subepígrafe A.2.).

A) Documentación xenérica. Cada solicitante cubrirá por una soa vez a parte administrativa exixida na aplicación informática, á marxe do número de proxectos que presente, e a devandita aplicación xerará unha documentación xenérica para cada proxecto solicitado, que o solicitante deberá presentar co referido proxecto técnico.

A solicitude deberaa cubrir o propio interesado ou a persoa que teña a representación legal en cada caso. Coa finalidade de axilizar a tramitación, no suposto de poderes mancomunados, o procedemento seguirase cun único representante que será determinado coa achega dun escrito asinado por todos os apoderados en que se indique quen asume a representación.

A.1. Documentación que deben achegar todos os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo II ADM 00). Marcarase expresamente o procedemento correspondente ao concepto solicitado.

2. Declaración responsable (anexo II ADM 01) referida aos seguintes aspectos:

a) Non atoparse en ningunha das causas de prohibición para ser beneficiario das subvencións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Non atoparse en ningún dos supostos establecidos no artigo 1 do Regulamento (CE) núm. 1998/2006 (DOUE 28.12.2006) da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, ou do regulamento sectorial de minimis que resulte de aplicación.

3. Declaración expresa doutras axudas (anexo II ADM 02).

A solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións expedidas polos organismos competentes que acrediten estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e a consellería competente en materia de economía e facenda.

En caso de que o solicitante denegue expresamente a devandita autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 49 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 (DOG núm. 250, do 30 de decembro).

A.2. Especificacións segundo o tipo de solicitante:

1. Particulares:

Declaración expresa de que o obxecto da subvención non se destina nin se adscribe a unha actividade empresarial ou profesional (anexo II ADM 03).

2. Autónomos:

No suposto de que quen presente a solicitude se defina como profesional autónomo levará implícita a autorización ao órgano xestor para solicitar o certificado da AEAT en que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas (IAE) en que figura dado de alta. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, acreditar o dito aspecto achegando a documentación tributaria correspondente.

3. Empresas:

A solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar ao Rexistro Mercantil toda a información das empresas solicitantes que sexa necesaria para a resolución do procedemento. Se non tivesen o domicilio social en Galicia, deberá acreditarse a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma. As entidades que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

Se se trata dunha empresa que teña contratada a xestión enerxética, total ou parcialmente, dun inmoble ou instalación, deberase achegar ademais unha copia cotexada do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda, así como a constancia por escrito do coñecemento por parte do titular ou titulares do inmoble ou instalación de que se solicita a subvención ao abeiro desta resolución de convocatoria.

4. Administracións públicas:

– Certificación do acordo do órgano competente para solicitar a subvención, en que conste expresamente o compromiso de realizar a actividade para a que se pide, no caso de obtela.

– Certificación expedida pola Secretaría-Intervención ou informe da Intervención-Tesouraría en que se indique se o IVE derivado do gasto que supón executar a actuación que se subvenciona pode ou non ser repercutido, para efectos da súa posible consideración como concepto integrante do custo elixible.

5. Entidades sen ánimo de lucro:

– Documentación que acredite a representación con que se actúa.

– Declaración expresa de que o obxecto da subvención non se destina nin se adscribe a unha actividade empresarial ou profesional (anexo II ADM 03).

6. Agrupación de persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica:

– Documentación que acredite a súa constitución.

– Documentación que acredite a representación con que se actúa.

– Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, indicando a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios (anexo II ADM 04).

B) Documentación técnica. Consta de:

1. Datos xerais do proxecto (anexo II TEC 01).

2. Memoria técnica en función do procedemento e concepto solicitado, debendo presentarse unha documentación completa por cada proxecto para o que se solicita subvención (anexo III).

3. Documentación técnica propia establecida en cada unha das epígrafes do anexo I, en función do tipo de actuación para a que se solicita a subvención.

Artigo 7. Concorrencia e acumulación con outras axudas.

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100% do custo elixible que para cada liña de axudas establece o anexo I destas bases ou, se é o caso, supere o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Enerxético de Galicia tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 16 destas bases reguladoras.

4. Cando a axuda teña o carácter de axuda de minimis segundo o establecido no artigo 1, número 3, destas bases reguladoras, terase en conta o seguinte:

• A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 2.2 do Regulamento (CE) núm. 1998/2006, non pode ser superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. O límite máximo de axuda total de minimis redúcese a 100.000 euros para as empresas que operen no sector de transporte por estrada. A axuda total de minimis concedida a unha empresa durante calquera período de tres exercicios fiscais redúcese a 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro (artigo 3.2 do Regulamento (CE) 875/2007) e a 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas (artigo 3.2 do Regulamento (CE) 1535/2007). Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, con independencia da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

• Antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

• Informarase por escrito o posible beneficiario sobre o importe da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao regulamento que corresponda segundo o sector de actividade a que pertenza a empresa.

• Cando se trate dunha axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida no regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

5. Por estar tamén incluídas as actuacións que se subvencionan dentro do Programa operativo Feder-Galicia 2007/2013, os gastos que se financian cun fondo comunitario non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006.

6. Non se considerarán como posible obxecto de subvención os proxectos promovidos por concellos que sexan susceptibles de ser subvencionados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dentro do marco do convenio subscrito entre esta e o Inega o día 22 de abril de 2010, de acordo co expresado para cada liña de axuda nos anexos desta resolución.

Artigo 8. Gastos que se subvencionan.

1. Os posibles gastos obxecto de subvención son os recollidos segundo o tipo de actividade que se subvencione no anexo I destas bases, entendéndose por custo elixible aqueles conceptos de gasto que poden ser obxecto de subvención.

2. O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase:

a) Cando o solicitante da axuda sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou un particular e, en ambos os dous casos, efectúen unha declaración responsable de que o obxecto da subvención non se destina nin se adscribe a actividade empresarial ou profesional (anexo II ADM 03).

b) Cando o solicitante sexa unha Administración pública e da certificación que debe presentar polo artigo 5, epígrafe A.2, punto 4 destas bases, derive que non pode repercutir o dito imposto.

3. Non se subvencionan os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ao existir cofinanciamento comunitario, ademais dos referidos supostos, observarase o disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo).

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Inega publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

4. O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo n.º 5, San Lázaro, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 10. Órganos competentes.

O Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Instituto Enerxético de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Instituto Enerxético de Galicia ditar as diferentes resolucións que deriven del.

Artigo 11. Instrución dos procedementos.

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará se reúne todos os requisitos e documentos sinalados nos artigos 4 a 6 destas bases. De non ser así outorgarase un prazo de emenda de 10 días hábiles, coa advertencia expresa ao solicitante de que se non atende o dito requirimento terase por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos a que se refire o artigo 5 das bases: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda serán notificados de acordo co establecido na Lei 30/1992; porén, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e a través do taboleiro electrónico habilitado para estes efectos na páxina web do Inega (www.inega.es), onde se establecerá o contido pormenorizado do requirimento que se fai. Poderase facer indicación expresa de que os seguintes actos administrativos do procedemento serán notificados a través do citado taboleiro.

3. A documentación a que se refire a emenda poderá presentarse ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, o Rexistro Único do Inega ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, incluíndo a nova redacción dada á letra b) polo Real decreto lei 8/2011, do 1 de xullo (Boletín Oficial del Estado núm. 161, do 7 de xullo).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 12. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se for o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico dependente da Área de Enerxías Renovables.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

Artigo 13. Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, dentro de cada sector, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios:

– Enerxía solar térmica

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán os seguintes:

• Eficiencia técnica e económica da instalación (70%):

- Deseño do sistema: 10%.

- Eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados: 10%.

- Grao de utilización da instalación: 20%.

- Rateo potencia instalada/investimento: 20%.

- Garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 10%.

• Integración arquitectónica e/ou paisaxística: 15%.

• Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 10%.

• Grao de detalle, claridade e precisión expositiva dos aspectos técnicos relativos ao deseño, dimensionamento e utilización das instalacións obxecto da axuda solicitada: 4%.

• Emprego da lingua galega na solicitude e documentación complementaria: 1%.

– Enerxía solar fotovoltaica illada.

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán os seguintes:

• Eficiencia técnica e económica da instalación (70%):

- Deseño do sistema: 10%.

- Eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados: 10%.

- Grao de utilización da instalación: 20%.

- Rateo potencia instalada/investimento: 20%.

- Garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 10%.

• Integración arquitectónica e/ou paisaxística: 15%.

• Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 10%.

• Grao de detalle, claridade e precisión expositiva dos aspectos técnicos relativos ao deseño, dimensionamento e utilización das instalacións obxecto da axuda solicitada: 4%.

• Emprego da lingua galega na solicitude e documentación complementaria: 1%.

– Enerxía solar fotovoltaica conectada á rede.

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán os seguintes:

• Eficiencia técnica e económica da instalación (70%):

- Deseño do sistema: 10%.

- Eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados: 20%.

- Rateo potencia pico instalada/investimento: 30%.

- Garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 10%.

• Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 25%.

• Grao de detalle, claridade e precisión expositiva dos aspectos técnicos relativos ao deseño, dimensionamento e utilización das instalacións obxecto da axuda solicitada: 4%.

• Emprego da lingua galega na solicitude e documentación complementaria: 1%.

– Biomasa.

Os criterios de valoración e ponderación son:

• Eficiencia técnica e económica da instalación (70%):

- Eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados: 10%.

- Grao de utilización da instalación: 20%.

- Calidade enerxética do combustible empregado: 10%.

- Rateo (potencia/investimento): 15%.

- Garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 5%.

- Grao de automatización e autonomía de combustible da instalación: 10%.

• Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 25%.

• Grao de detalle, claridade e precisión expositiva dos aspectos técnicos relativos ao deseño, dimensionamento e utilización das instalacións obxecto da axuda solicitada: 4%.

• Emprego da lingua galega na solicitude e documentación complementaria: 1%.

– Biogás e gasificación.

Os criterios de valoración e ponderación son:

• Eficiencia técnica e económica da instalación (35%):

- Menor rateo investimento/kW: 15%.

- Rendemento global e eficiencia dos equipamentos utilizados: 20%.

• Vantaxes ambientais do proceso: 15%.

• Viabilidade técnica - administrativa (30%):

- Xustificación contractual de garantías de dispoñibilidade do recurso (cantidades e tipos): 10%.

- Posibilidade de interconexión eléctrica: 10%.

- Grao de avance de licenzas e autorizacións administrativas: 10%.

• Impacto socioeconómico: grao de implicación no proxecto do sector agrogandeiro e forestal e emprego asociado: 15%.

• Grao de detalle, claridade e precisión expositiva dos aspectos técnicos relativos ao deseño, dimensionamento e utilización das instalacións obxecto da axuda solicitada: 4%.

• Emprego da lingua galega na solicitude e documentación complementaria: 1%.

– Outras renovables.

Os criterios de valoración dos proxectos presentados serán:

• Eficiencia técnica e económica da instalación (70%):

- Deseño do sistema: 10%.

- Eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados: 10%.

- Grao de utilización da instalación: 20%.

- Rateo potencia instalada/investimento: 20%.

- Garantías da instalación e dos equipamentos utilizados: 10%.

• Difusión da instalación (non aplicable a particulares): 25%.

• Grao de detalle, claridade e precisión expositiva dos aspectos técnicos relativos ao deseño, dimensionamento e utilización das instalacións obxecto da axuda solicitada: 4%.

• Emprego da lingua galega na solicitude e documentación complementaria: 1%.

Artigo 14. Resolución e notificación.

1. Elaborada a relación prevista no artigo 12.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días hábiles. Porén, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos, nin outras alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega (www.inega.es). Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico de anuncios habilitado para estes efectos na páxina web do Inega.

5. Aquelas solicitudes que resulten seleccionadas e cuxos importes de axuda sexan aceptados polos beneficiarios pasarán a formar parte da lista pública prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión.

Artigo 15. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Instituto Enerxético de Galicia no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 16. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

5. O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao director do Instituto Enerxético de Galicia acompañada daqueles documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo para xustificar o investimento.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director do Instituto Enerxético de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da referida lei.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Instituto Enerxético de Galicia o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Ademais, no caso de fondos comunitarios, someterase á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Instituto Enerxético de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado (particular, autónomo, empresa, entidade sen ánimo de lucro, etc.) por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos resulten obrigados polas bases reguladoras das subvencións e normas comunitarias, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) O beneficiario da axuda deberá darlle publicidade ao financiamento por parte do Inega do investimento que se subvenciona, consistente en incluír a imaxe institucional do Instituto Enerxético de Galicia e da Consellería de Economía e Industria, así como as lendas relativas ao financiamento público nos carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais, ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación.

En todo caso, os beneficiarios estarán obrigados a cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento CE núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, relativas ás medidas de información e publicidade, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

Estas medidas recóllense na Guía de publicidade e información das intervencións que conten con financiamento procedente dos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es).

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Subcontratación.

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Xustificación da subvención.

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionado. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados e operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

2. O prazo de xustificación finalizará o 15 de setembro de 2012, agás para a liña de axudas de biogás/gasificación, cuxa data límite é o 31 de decembro de 2013.

Transcorrido o período de xustificación sen que o beneficiario presentase a documentación, será requirido para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles achegue os ditos documentos que, en todo caso, deberán xustificar a execución e investimentos do proxecto completamente dentro do prazo anteriormente indicado.

3. A documentación a que se refire a xustificación poderá presentarse ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, ante o Rexistro Único do Inega ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, incluíndo a nova redacción dada á letra b) polo Real decreto lei 8/2011, do 1 de xullo (Boletín Oficial del Estado núm. 161, do 7 de xullo).

Os documentos de xustificación en orixinais ou copias compulsadas serán os seguintes:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na resolución de concesión. De existir modificacións no proxecto achegarase un informe técnico cos datos e incidencias máis significativas ocorridas durante a execución.

b) Conta xustificativa composta de:

1. Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

2. Xustificante do pagamento efectuado polo beneficiario:

– Xustificante bancario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

– Naqueles casos en que os investimentos se fixesen mediante contratos de préstamo ou leasing, a axuda aplicarase á amortización anticipada parcial de préstamo/leasing, diminuíndo o principal pendente.

– Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no número 2 deste artigo.

c) Documentos que acrediten a elección da proposta económica máis vantaxosa —ou, de ser o caso, presentación de memoria xustificativa sustentada en criterios de eficiencia e economía de non acollerse a tal criterio de elección— cando o importe do gasto que se subvencione supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros se se trata de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, de entre as tres ofertas que como mínimo debe achegar o beneficiario.

Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas, e non se admitirá o certificado, informe ou documento similar indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida (é dicir, sen concretar o seu alcance).

Porén, non será necesario acreditar tal circunstancia:

• Se a elección entre as ofertas xa se especificou coa presentación da solicitude da subvención.

• Se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

• Se o gasto se realizou con anterioridade á solicitude de subvención.

d) Declaración expresa do conxunto das axudas concedidas destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, e se se trata de beneficiarios suxeitos a minimis tamén das recibidas por calquera concepto neste exercicio fiscal e nos dous anteriores, indicando a súa contía. Deberase achegar unha copia da resolución ou resolucións de concesión das devanditas axudas.

e) Certificación bancaria orixinal acreditativa da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda, en que consten o ordinal bancario, código do banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se dispoña dela na data en que remate o prazo de xustificación, achegarase unha copia da presentación da solicitude e restante documentación do procedemento de autorización correspondente (certificado de instalación, memoria técnica) co selo de entrada ante o órgano competente. Neste último suposto é obrigatorio achegar ao Inega unha copia cotexada da resolución do procedemento unha vez que se lle notifique ao interesado.

g) Fotografía dos equipamentos principais instalados no lugar.

h) Naqueles casos en que así o requira a regulamentación vixente, achegarase o proxecto técnico visado e a dirección de obra presentados na delegación correspondente.

i) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, deberanse achegar tales certificacións.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste artigo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Pagamento.

1. Os órganos competentes do Instituto Enerxético de Galicia poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Instituto Enerxético de Galicia poderán realizar unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

4. Poderanse realizar mediante resolución motivada pagamentos anticipados ás corporacións locais de ata un 50% do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Os ditos anticipos suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas corporacións locais deberán xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Reintegro das axudas.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 23. Réxime de sancións.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Fiscalización e control.

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Enerxético de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 25. Comprobación de subvencións.

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Artigo 26. Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 27. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita Lei 9/2007, así como nos regulamentos comunitarios citados no artigo 1 destas bases, e sen prexuízo da restante normativa que resulte de aplicación.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados da dita xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de que se opte polo recurso de reposición, non caberá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta por silencio do recurso de reposición interposto.

Os interesados poderán aducir calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2011.

Eliseo Diéguez García
Director do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I
Normas por tecnoloxía aplicada

1. Enerxía solar térmica.

a) Instalacións subvencionables.

Instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4 - Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se dedican a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares dedicadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou Fan-coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

No caso de instalacións municipais, non serán subvencionables os seguintes proxectos:

1. Os dedicados a climatización de piscinas de menos de 150 m2 de superficie de captación.

2. Os dedicados a xeración de auga quente sanitaria en polideportivos de menos de 50 m2 de superficie de captación.

3. Os dedicados a outras aplicacións que posúan menos de 35 m2 de superficie de captación.

b) Beneficiarios.

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas, empresas e profesionais autónomos. No caso dos concellos, deberán terse en conta as indicacións establecidas na epígrafe anterior.

c) Investimento subvencionable.

Considérase investimento elixible o custo dos equipamentos e compoñentes que forman parte da instalación (captadores solares térmicos, acumuladores, intercambiadores de calor, bombas de circulación, tubos, válvulas e conexións, vasos de expansión, illamentos, sistema eléctrico e de control, equipamentos de medida e demais equipamentos secundarios), así como a montaxe e conexión do conxunto, obra civil asociada, deseño de enxeñaría da instalación, dirección de obra e posta en marcha.

d) Contía máxima da subvención.

A contía máxima da subvención será o 35% do investimento subvencionable, agás para instalacións municipais en que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 45%, cos seguintes límites máximos:

Tipo de instalación

Subvención máxima

Paneis planos

450 euros/kW (*)

Tubos de baleiro

300 euros/m2 (**)

(*) A potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45 oC, temperatura ambiente 15 oC e 800 W/m2 de radiación.

(**) Superficie de apertura.

No caso de que os fondos non sexan suficientes para atender todas as solicitudes recibidas, nos proxectos dedicados á xeración de auga quente e apoio á calefacción poderase conceder unicamente a axuda correspondente á subinstalación de xeración de auga quente.

Establécese a axuda máxima por proxecto en 60.000 euros.

e) Documentación que se presentará coa solicitude.

– Anexos de datos administrativos.

– Anexo III Documento R-ST-11 (Memoria enerxía solar térmica).

– Documentación xustificativa de que a instalación obxecto da axuda non é obrigatoria en virtude do Código técnico da edificación aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, (esta documentación poderá consistir nunha copia da licenza de obras da edificación, copia das escrituras de compravenda ou de fin de obra da edificación, ou calquera outro documento co cal, a xuízo da comisión de valoración, quede constancia deste feito).

– Na solicitude orixinal é opcional xuntar unha copia da curva característica do ensaio de rendemento do colector solar empregado que estea emitida por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio). Non obstante, no caso de que non se xunte e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerándose esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

– Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/, cunha escala de impresión 1:1000.

– En todas as solicitudes de axudas en que unha das aplicacións da instalación sexa climatización de piscinas, deberanse xuntar fotografías do exterior e interior en que se aprecie claramente a piscina, o cerramento da edificación e a fonte auxiliar utilizada como apoio (caldeira, bomba de calor).

2. Enerxía solar fotovoltaica illada.

a) Instalacións subvencionables.

Instalacións que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica, mediante paneis fotovoltaicos, para o seu consumo illado da rede de distribución, podendo contar o sistema con acumulación en baterías.

b) Beneficiarios.

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; empresas, profesionais autónomos e administracións públicas, agás concellos.

c) Requisitos da instalación.

A potencia máxima da instalación será de 2,5 kWp. Deberá xustificarse a utilización dunha instalación solar fotovoltaica illada pola dificultade ou imposibilidade de conexión á rede de distribución sen implantación de novas liñas eléctricas, ou pola idoneidade desta solución con respecto a outras alternativas de abastecemento eléctrico.

Esta xustificación non será necesaria para instalacións demostrativas promovidas por administracións públicas.

d) Investimento subvencionable.

Formarán parte das partidas elixibles o custo dos equipamentos e instalacións, módulos fotovoltaicos, baterías, reguladores, convertedores, tendidos eléctricos e conexións, así como obra civil asociada, dirección e enxeñaría de proxecto, posta en marcha e documentación técnica.

A contía máxima da subvención será do 40% do investimento subvencionable, cos seguintes límites máximos da axuda por potencia instalada:

Tipo de instalación

Subvención máxima por potencia instalada

Sen acumulación (baterías)

2.000 €/kWp

Con acumulación (baterías)

3.000 €/kWp

e) Documentación que se presentará coa solicitude.

– Anexos de datos administrativos.

– Anexo III Documento R-FI-11 Memoria enerxía solar fotovoltaica illada.

– Na solicitude orixinal é opcional presentar unha copia do certificado de cumprimento da normativa IEC dos paneis fotovoltaicos utilizados, emitido por unha entidade debidamente acreditada (organismos certificadores, institutos tecnolóxicos, etc.). Non obstante, no caso de que non se xunte e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerándose esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

– Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou finca onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/, cunha escala de impresión 1:1000.

3. Enerxía solar fotovoltaica conectada á rede.

a) Instalacións subvencionables.

Instalacións que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica, mediante paneis fotovoltaicos, para a súa inxección á rede eléctrica. Os paneis fotovoltaicos da instalación deberán estar asociados a edificacións, admitíndose unicamente as tipoloxías incluídas no punto 7 do anexo R-FR-11.

Non serán subvencionables aquelas instalacións que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 5 - Contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica do Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

b) Beneficiarios.

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; empresas, profesionais autónomos e administracións públicas.

c) Requisitos da instalación.

A potencia nominal da instalación en inversores será igual ou inferior a 20 kW.

Os paneis fotovoltaicos da instalación deberán estar asociados a edificacións, admitíndose unicamente as tipoloxías incluídas no punto 7 do anexo R-FR-11.

d) Investimento subvencionable.

Formarán parte das partidas elixibles o custo dos equipamentos e instalacións necesarias para o correcto funcionamento do sistema.

e) Contía máxima da subvención.

A contía máxima da subvención será de 900 €/kWp, sendo a axuda máxima por proxecto (ou proxectos situados na mesma edificación) de 6.000 euros, agás para os proxectos solicitados por concellos, para os que estes límites serán de 1.200 €/kWp e 9.000 euros, respectivamente.

f) Documentación que se presentará coa solicitude.

– Anexos de datos administrativos.

– Anexo III Documento R-FR-11 Memoria enerxía solar fotovoltaica conectada á rede.

– Na solicitude orixinal é opcional presentar unha copia do certificado de cumprimento da normativa IEC dos paneis fotovoltaicos utilizados, emitido por unha entidade debidamente acreditada (organismos certificadores, institutos tecnolóxicos, etc.). Non obstante, no caso de que non se xunte, e no Inega non se dispoña deste certificado para o modelo de panel incluído no proxecto, requiriráselle este documento ao solicitante co fin de que complete o expediente, considerándose esta entrega imprescindible para poder optar á obtención da axuda.

– No caso de atoparse no ámbito de aplicación especificado no artigo 1.1. do documento HE 5 - Contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica do Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo. Achegarase documentación xustificativa de que a implantación da instalación obxecto da axuda non é obrigatoria (esta documentación poderá consistir nunha copia da licenza de obras da edificación, copia das escrituras de compravenda ou de fin de obra da edificación, fotografías actuais ou calquera outro documento co cal, ao xuízo da comisión de valoración, quede constancia deste feito).

– Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/, cunha escala de impresión 1:1000.

4. Biomasa.

a) Instalacións subvencionables.

Instalacións para o quentamento dun fluído mediante caldeiras e equipamentos homologados que utilicen biomasa como combustible. Non será subvencionables proxectos que consistan unicamente en substitucións de queimadores en caldeiras xa existentes.

b) Beneficiarios.

Particulares; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas, empresas e profesionais autónomos.

c) Investimento subvencionable.

Formarán parte das partidas subvencionables o custo da caldeira e os seus accesorios, o custo do sistema de almacenamento de combustible e o custo do sistema de alimentación de combustible, así como a súa montaxe e conexión.

d) Contía máxima da subvención.

A contía máxima da subvención é o 30% do investimento subvencionable, agás para instalacións municipais en que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 45%, cos seguintes límites máximos adicionais de subvención por tipo de instalación e potencia térmica:

Tipo de instalación

Subvención máx. (€/kWt).

Tipoloxía 1

Instalación con caldeira de alimentación automática mediante parafuso sen fin ou sistema pneumático, desde un sistema de almacenamento exterior á caldeira (silo de obra civil, depósito exterior, silo flexible, etc.) de capacidade superior ou igual a 1.000 litros

125

Tipoloxía 2

Instalación con caldeira de alimentación automática mediante parafuso sen fin ou sistema pneumático, desde un sistema de almacenamento exterior á caldeira (silo de obra civil, depósito exterior, silo flexible, etc.) de capacidade inferior a 1000 litros

100

Tipoloxía 3

Caldeira sen alimentación automática

75

Tipoloxía 4

Estufa calefactora de aire

30

Tipoloxía 5

Cociña calefactora

30

Establécese a axuda máxima por proxecto en 30.000 euros. No caso de proxectos que prevexan redes de calefacción centralizada a distintos edificios (district heating), a axuda máxima por proxecto será de 50.000 euros.

e) Documentación que se presentará coa solicitude.

– Anexos de datos administrativos.

– Anexo III Documento R-CB-11 Memoria biomasa.

– Folla de características da caldeira utilizada.

– Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/, cunha escala de impresión 1:1000.

5. Biogás/gasificación.

a) Instalacións subvencionables.

Produción de enerxía térmica e/ou eléctrica mediante o aproveitamento enerxético en procesos de gasificación de biomasa (grupos b.6 e b.8 do Real decreto 661/2007) ou en sistemas de aproveitamento do biogás producido por dixestión anaerobia de residuos biodegradables (grupo b.7.2), para instalacións de potencia eléctrica igual ou inferior a 500 kW.

b) Beneficiarios.

Persoas físicas, empresas, profesionais autónomos, entidades públicas, comunidades de veciños, mancomunidades de veciños, asociacións, cooperativas ou empresas xeradoras ou xestoras de residuos biodegradables.

c) Requisitos da instalación.

A potencia nominal das instalacións de xeración de electricidade será igual ou menor de 500 kW.

A memoria descritiva do proxecto especificará os seguintes aspectos:

- Análise da existencia de recurso e xustificación contractual de dispoñibilidade da biomasa empregada en cantidade e prezos de adquisición;

– Loxística para garantía de subministración á planta;

– Xustificación dos aproveitamentos da calor (no caso de coxeracións);

– Redución de emisións contaminantes nos terreos, augas e atmosfera;

– Xestión dos subprodutos do proceso;

– Estudo de viabilidade económico-financeira.

d) Investimentos subvencionables.

As partidas subvencionables corresponden aos sistemas de tratamento, manipulación e control de residuos, equipamentos do proceso de dixestión ou gasificación, equipamentos de tratamento e almacenamento do biogás e subprodutos, grupo de xeración eléctrica e térmica, recuperadores, así como a obra civil asociada, posta en marcha e enxeñería de proxecto.

e) Contía máxima da subvención.

A contía máxima da subvención non superará o 30% do investimento subvencionable, cos seguintes límites máximos adicionais de subvención por potencia instalada:

Rango de potencias

Axuda (€/kW)

P<=50 kW

1.500

50 kW<P<=100 kW

1.500 - 10* (P-50)

100 kW<P<=250 kW

1.000 - 2,5* (P-100)

250 kW<P<=500 kW

625 - 0,9* (P-250)

No caso de que o aproveitamento sexa térmico aplicarase o coeficiente 1/3 aos valores da táboa anterior.

f) Documentación que se presentará coa solicitude

– Anexos de datos administrativos.

– Anexo III Documento R-BG-11 Memoria biogás.

– Memoria técnica descritiva do proceso.

– Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable o predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/, cunha escala de impresión 1:1000.

6. Instalacións mixtas: solar fotovoltaica e enerxía eólica e/ou enerxía minihidráulica.

a) Instalacións subvencionables.

Instalacións mixtas de enerxía solar fotovoltaica con enerxía eólica e/ou enerxía minihidráulica.

b) Beneficiarios.

Particulares; empresas; profesionais autónomos; agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade; fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro; administracións públicas, agás concellos no caso de que se trate de instalacións illadas.

c) Requisitos da instalación.

A potencia eléctrica instalada total sumando todas as tecnoloxías utilizadas será igual ou menor de 10 kW. Este límite será aplicable igualmente á suma das potencias nominais das instalacións que se inclúan en diferentes solicitudes de axudas e que estean situadas no mesmo lugar.

A potencia pico solar fotovoltaica ten que ser, como mínimo, dunha cuarta parte da potencia total da instalación.

No caso de instalacións illadas, deberá xustificarse a utilización deste tipo de instalación pola dificultade ou imposibilidade de conexión á rede de distribución sen implantación de novas liñas eléctricas, ou pola idoneidade desta solución con respecto a outras alternativas de abastecemento eléctrico. Esta xustificación non será necesaria para instalacións demostrativas promovidas por administracións públicas.

d) Investimento subvencionable.

Formarán parte das partidas elixibles o custo dos equipamentos e instalacións, aeroxeradores, turbinas, paneis, baterías, reguladores, convertedores, tendidos eléctricos e conexións, así como obra civil asociada, dirección e enxeñaría do proxecto, posta en marcha e documentación técnica.

e) Contía máxima da subvención.

A contía máxima da subvención para as subinstalacións de enerxía eólica e enerxía minihidráulica será do 40% do investimento subvencionable, cun límite máximos da axuda en función da potencia nominal de 1.500 €/kW. Establécese un límite adicional de axuda máxima para estas subinstalacións de 6.000 euros por proxecto.

A subinstalación solar fotovoltaica deberá cumprir os requisitos para esta tecnoloxía establecidos no epígrafe correspondente do anexo I desta resolución, en función de se se trata dunha instalación fotovoltaica illada ou conectada á rede, e a súa axuda calcularase igualmente cos criterios expostos no punto que lle corresponda.

Os límites anteriores serán aplicables igualmente á suma das axudas para instalacións que se inclúan en diferentes solicitudes que estean situadas no mesmo lugar.

f) Documentación que se presentará coa solicitude.

– Anexos de datos administrativos.

– Anexo III Documento R-OT-11 Memoria técnica outras renovables.

– Folla de características dos paneis fotovoltaicos e do aeroxerador e/ou turbina.

– Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación ou predio onde se executará a instalación. Esta fotografía pode obterse no visor SIXPAC, no enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/, cunha escala de impresión 1:1000.

– En instalacións que incorporen aproveitamento minihidráulico, deberase xuntar unha relación dos permisos e licenzas solicitados ou que se prevén solicitar para a execución da instalación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file