Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2012 Páx. 2796

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Segundo o disposto no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro (DOG n.º 24, do 4 de febreiro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións en materia de cooperativas e outras entidades de economía social, entre as que se atopan as entidades representativas das sociedades cooperativas e das sociedades laborais.

O Programa Operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 recolle no seu eixe número 4 as estratexias dirixidas á promoción da cooperación transnacional e interrexional.

Neste marco e, concretamente, desenvolvendo o seu tema prioritario número 80, imputaranse distintas accións elixibles como as redes de intercooperación no ámbito da economía social, a promoción do emprendemento cooperativo e os servicios de información, orientación e asesoramento.

As axudas establecidas nesta orde para o fomento e consolidación do asociacionismo e para a realización de actividades de promoción intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social.

A través desta orde subvenciónanse os gastos de funcionamento das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, así como as actividades de promoción do cooperativismo e da economía social realizadas por estas. Igualmente, promóvese a modalidade de fomento do emprendemento en rede, co que se reforza a participación e integración das asociacións na Rede de centros de desenvolvemento cooperativo e da economía social en Galicia.

A Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 46, do 8 de marzo) establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión e no Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais aprobadas mediante a Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 46, do 8 de marzo) e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2012.

A finalidade destas axudas é o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, principalmente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, así como a realización de actividades de fomento do emprendemento realizadas en rede.

Sección 1.ª Modificación das bases reguladoras das axudas para o fomento
e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais

Artigo 2. Modificación das bases reguladoras.

Introdúcese a seguinte modificación nas bases reguladoras das axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e sociedades laborais, aprobadas mediante a Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 46, do 8 de marzo):

Modifícase o artigo 5 no seu número 2 e queda redactado como segue:

«Nas convocatorias anuais de axudas amparadas nestas bases establecerase a contía máxima de subvención que poderá acadar cada beneficiario para cada unha das modalidades previstas no artigo 4 (gastos normais de funcionamento, actividades de promoción de cooperativismo e economía social e actividades en rede)».

Sección 2.ª Convocatoria de axudas para o ano 2012

Artigo 3. Convocatoria.

Convócanse para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para os programas de fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, reguladas polas bases da Orde do 25 de febreiro de 2011 e a súa modificación recollida na sección 1.ª desta orde.

As condicións destas axudas no que respecta ás epígrafes e) requisitos para solicitar a subvención, f) órganos competentes para instruír e resolver o procedemento, h) prazo de resolución e notificación, i) documentos e informacións que deben achegarse á petición, k) fin da vía administrativa e recursos, l) criterios de valoración das solicitudes e n) notificación e publicación do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedan reflectidas nos artigos 6, 7, 8, 9 e 10 das bases reguladoras contidas na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 46, do 8 de marzo).

Artigo 4. Contía e límites das axudas.

1. A contía das axudas previstas non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

2. A contía máxima da subvención non poderá exceder os oitenta mil euros (80.000 euros) por beneficiaria para a modalidade de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, de oitenta mil euros (80.000 euros) por beneficiaria para a modalidade de actividades en rede, e de douscentos mil euros (200.000 euros) por beneficiaria para a modalidade de gastos normais de funcionamento.

3. Establécense, así mesmo, os seguintes límites subvencionables para as actividades que se indican a continuación:

– Actividades divulgativas e formativas de duración igual ou inferior a 10 horas: ata un máximo de dous mil euros (2.000 euros).

– Actividades divulgativas e formativas de duración superior a 10 horas: o límite será a contía resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por douscentos euros (200 euros), ata un máximo de cinco mil euros (5.000 euros).

– Asesoramento a emprendedores e público en xeral: ata un máximo de vinte euros (20 euros) por hora de atención e vinte mil euros (20.000 euros) por beneficiaria.

– Asistencia a feiras, mostras e congresos ata un máximo de cinco mil euros (5.000 euros) por beneficiaria.

Artigo 5. Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

As solicitudes presentaranse en formato papel, debidamente asinadas e seladas e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

– Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

– Ficha de solicitude da transferencia bancaria segundo o anexo IV desta orde.

– Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo modelo que figura como anexo III desta orde.

– Memoria asinada polo órgano competente, segundo modelo que figura como anexo II desta orde.

– Orzamento detallado dos gastos normais de funcionamento para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes.

– Proposta das actividades de promoción do cooperativismo e a economía social para as que se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as persoas destinatarias e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes e un orzamento detallado, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento.

– No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e fotocopia compulsada dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso, así como relación de entidades socias debidamente certificada.

Permanecen válidos os anexos de solicitude que se recollen nas bases reguladoras establecidas na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 46, do 8 de marzo).

Non obstante e a modo de apoio, os formularios de solicitude poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática a cal se accederá pola páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es). Para os efectos de facilitar que estes formularios se cubran correctamente, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. Así mesmo, a propia aplicación informática disporá tamén de instrucións de axuda, de xeito que poidan ir visualizándose a medida que se vaian cubrindo os formularios. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidades de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, os solicitantes poderán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 6. Período de execución das acción.

O período de execución das accións elixibles para ser subvencionadas será o comprendido entre o 1 de novembro do ano 2011 e o 31 de outubro do ano 2012.

Artigo 7. Xustificación das accións subvencionadas.

As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme o establecido na resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 11 da Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG n.º 46, do 8 de marzo), e solicitar os correspondentes pagamentos, mediante solicitude conforme ao modelo do anexo V.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 10 de novembro de 2012.

Artigo 8. Financiamento.

1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 12.03.324A 481.1 cunha contía inicial de seiscentos mil euros (600.000 euros) da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. Para os gastos normais de funcionamento e de promoción de cooperativismo e economía social destinaranse trescentos cincuenta mil euros (350.000 euros) de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para atender a modalidade de actividades en rede reservarase a cantidade de douscentos cincuenta mil euros (250.000 euros) correspondentes a fondos cofinanciados polo Fondo Social Europeo (ao 80%) e fondos propios que cofinancian (ao 20%).

Artigo 9. Tramitación anticipada.

Esta orde tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira.

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Disposición adicional segunda.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file