Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 13 de agosto de 2012 Páx. 32464

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de agosto do 2012 pola que se aproba o deslindamento da parcela Lodairo do monte veciñal en man común de Desteriz, no concello de Padrenda (Ourense), pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Desteriz, na parroquia de Desteriz.

Examinado o expediente de deslindamento da parcela «Lodairo» do monte veciñal en man común de Desteriz, da parroquia de Desteriz, no concello de Padrenda (Ourense), pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Desteriz, e tendo en conta os seguintes,

Antecedentes.

Primeiro. O 21.7.2010, o entón director xeral de Montes autorizou que se realizase o deslindamento da parcela «Lodairo» do monte veciñal en man común de Desteriz, da parroquia de Desteriz, no concello de Padrenda (Ourense), pertencente á comunidade de montes de Desteriz.

O 15.11.2010 dítase resolución do entón director xeral de Montes pola que se acorda corrixir un erro existente na anterior Resolución do 21.7.2010.

O 25.11.2010 María del Carmen Vázquez Meleiro recorreu a Resolución do 15.11.2010 resolvéndose, o 27.4.2011, polo entón secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural inadmitir o dito recurso de alzada.

No Diario Oficial de Galícia núm. 181, do 20.9.2010 publicouse o Edicto do 13.8.2010 polo que se anuncia o comezo do deslinde da parcela Lodairo, que forma parte do monte veciñal en man común denominado de Desteriz (San Miguel) no concello de Padrenda (Ourense). Do mesmo xeito, en cumprimento do artigo 98 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, as operacións de deslindamento notifícanse ás persoas interesadas ás que este fai referencia, contendo as notificacións as mesmas previsións que as fixadas no Edicto do 13.8.2010.

No xa citado edicto, fíxase o 15.12.2010 como día para o comezo das operacións de deslindamento, emprázanse os estremeiros e as persoas que puideran ter un interese lexítimo para que asistan ao acto e dáse un prazo de 45 días naturais desde a publicación deste anuncio para que, os que se consideren con dereito á propiedade do monte ou parte del, e os estremeiros que desexen acreditar o que poida corresponderlles, presenten os documentos pertinentes.

Segundo. No prazo fixado polo Edicto do 13.8.2010, en cumprimento do artigo 97 do Decreto 485/1962, María del Carmen Vázquez Meleiro presentou a documentación relativa ao dereito de propiedade que ela alega, así achega escritura de compra dunha parcela situada dentro do monte que se vai deslindar, e copias do expediente de expropiación dunha parte do predio. Esta documentación foi remitida ao Gabinete Xurídico Territorial de Ourense, para que procedera á súa cualificación, de acordo co disposto no artigo 100 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes. O citado gabinete emitiu informe sobre a documentación presentada por María del Carmen Vázquez Meleiro, indicando que se trata dunha escritura privada de alleamento sen que dela resulten datos de identificación rexistral nin dos que transmiten nin dos adquirentes dos que trae causa segundo o contido do propio Rexistro da Propiedade, para os efectos de continuación do tracto rexistral. Conclúe considerando que, como a documentación presentada non tivo acceso ao Rexistro da Propiedade, débese encadrar este título no artigo 100.b) do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes.

Terceiro. En cumprimento do Edicto de 13.8.2010, ao que se fai referencia no antecedente primeiro, o 15.12.2010 iniciouse á realización da corta polo pé das estremas do monte.

Para a realización da corta polo pé, tívose en consideración o disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que atribúe a propiedade á comunidade veciñal correspondente, en tanto non exista sentenza firme en contra.

Durante a corta polo pé, Manuel Gago Juárez, en representación de María del Carmen Vázquez Meleiro realizou dúas alegacións, concretadas en que a resolución do director xeral de Montes que autoriza para realizar o deslindamento é nula e, como consecuencia, son nulos todos os actos que se realicen con base na dita resolución incluído a corta polo pé. A outra alegación baséase en que os terreos que se deslindan non son monte veciñal en man común e, polo tanto, a administración non é competente para realizar este deslindamento. No vértice número 9 da corta polo pé, Manuel Gago Juárez solicita que se levante unha liña alternativa seguindo o muro que pecha o predio da súa representada. En relación co levantamento desta parcela o presidente da comunidade de montes alega que o predio foi pechado sen o consentimento e coa oposición da comunidade propietaria, por tratarse de terreos pertencentes ao monte veciñal.

A corta polo pé rematou o 21.1.2011.

Cuarto. O 20.5.2011 o enxeñeiro operador emite informe relativo ao deslindamento da parcela do monte veciñal en man común denominada «Lodairo» pertencente á parroquia de Desteriz (San Miguel), no concello de Padrenda (Ourense).

No informe, o enxeñeiro operador propón: a aprobación do deslindamento, que se atribúa ao monte unha cabida total de 47,1 hectáreas sen encravados dentro do seu perímetro e define os límites do monte.

En cumprimento do artigo 119 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, o enxeñeiro operador remite, xunto co informe, o expediente completo ao Servizo de Montes de Ourense co fin de proseguir coa tramitación do expediente.

Quinto. En cumprimento do disposto nos artigos 120 e 121 do xa citado Decreto 485/1962, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 6.7.2011, o Edicto do 14.6.2011, da Xefatura do Servizo de Montes de Ourense, polo que se anuncia a apertura do período de vista e reclamacións, no presente expediente de deslinde, dando, para tales efectos, un prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do edicto. Do mesmo xeito, notifícase persoalmente ás persoas interesadas cuxo domicilio se coñecía.

O 26.7.2011 Celsa Rodríguez Estévez formulou alegacións á traza da liña entre os vértices 15, 16 e 17.

O 18.10.2011 foron citadas as persoas interesadas para realizar a comprobación sobre o terreo das alegacións presentadas non tendo en conta a alegación efectuada por Celsa Rodríguez Estévez polas razóns expostas no informe do Servizo de Montes de Ourense, deste xeito indica: que a comunidade de montes veciñais en man común propietaria mostrou o seu desacordo coa reclamación presentada, que sobre a alegación non se presentou documentación algunha pola Sra. Rodríguez Estévez no prazo establecido no artigo 97 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes e, que sobre o terreo, a interesada apenas podía situar a liña sobre a que reclama, por descoñecer a situación dos posibles predios afectados.

Sexto. O 24.4.2012 o xefe do Servizo de Montes de Ourense, dando cumprimento ao artigo 125 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, emite informe relativos ao deslindamento da parcela do monte veciñal en man común denominada «Lodairo» pertencente á parroquia de Desteriz (San Miguel), no concello de Padrenda (Ourense).

O 27.7.2012 o secretario xeral do Medio Rural e Montes propón a aprobación do deslindamento da citada parcela do monte veciñal en man común.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. De acordo co disposto nos reais decretos 167/1981, do 19 de xaneiro; 1706/1982, do 24 de xullo e 1535/1984, do 20 de xuño, sobre transferencias de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza, no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, a conselleira do Medio Rural e do Mar é competente para ditar esta orde.

Segundo. O Servizo de Montes de Ourense é competente para levar adiante este deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos esixidos nos artigos 82 ao 125 do Regulamento de Montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

Terceiro. As resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común atribúen a propiedade destes ás comunidades veciñais, en tanto non exista sentenza firme en contra, ditada pola xurisdición ordinaria, segundo determina o artigo 30 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e o informe e proposta do xefe do Servizo de Montes de Ourense, esta conselleira por proposta da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar o deslindamento da parcela Lodairo do monte veciñal en man común de Desteriz, pertencente á comunidade de Desteriz, parroquia de San Miguel no concello de Padrenda, na provincia de Ourense, de acordo coas actas, rexistro topográfico e plano que figuran no expediente, así como coa descrición perimetral. A cabida total do monte é de 47,1 hectáreas, sen encravamentos dentro do seu perímetro. Os lindeiros do monte quedan definidos do xeito seguinte:

Norte: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Descrición do perímetro exterior.

Comeza a descrición no vértice número 1, que queda marcado sobre unha construción de ladrillo empregada como garaxe, no cruzamento dun camiño que sae do monte e a denominada «pista da capela». En todas as estremas o monte limita con propietarios particulares.

Desde o vértice 1 ao 5 a estrema do monte queda materializada por muros de pedra. Desde o vértice 5 ata o 10 a estrema está materializada basicamente por camiños antigos que servían para enlazar o lugar de Lordelo (entidade de poboación máis próxima ao monte) con Trado e O Condado.

Desde o vértice 10 ao 16 o límite vén definido por unha liña poligonal que se apoia nalgún marco de pedra, muros e camiños.

Desde o vértice 16 ata finalizar no vértice 1 a estrema volve a materializarse sobre o terreo mediante diversas pistas e camiños.

Encravamentos.

Non existen encravamentos dentro do perímetro descrito no punto anterior.

Servidumes.

Da documentación non se deduce a existencia de servidumes, aínda que deben considerarse as servidumes habituais de paso nas estradas, devasas, camiños e pistas forestais existentes dentro do monte.

Segundo. Que se cancele total ou parcialmente calquera inscrición rexistral en tanto sexa contraditoria coa descrición da parcela Lodairo do monte veciñal en man común de Desteriz.

Terceiro. Desestimar as reclamacións sobre propiedade presentadas por María del Carmen Vázquez Meleiro e por Celsa Rodríguez Estévez, declarando expresamente que no referente ás reclamacións de propiedade, a presente resolución esgota a vía administrativa deixando expedita a xudicial civil.

Cuarto. Que se notifiquen os novos datos resultantes da descrición do monte ao rexistro provincial de montes veciñais en man común de Ourense.

Quinto. Que se inmatricule o monte coas características resultantes no rexistro da propiedade.

Sexto. Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán interpoñer contra esta resolución recurso de reposición, con carácter potestativo, no prazo dun mes ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Ambos os dous prazos computaranse desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal polos interesados, ou ao da publicación para os que non puidesen ser notificados persoalmente.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar