Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 3 de setembro de 2012 Páx. 34918

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de agosto de 2012 pola que se fai pública a convocatoria de trinta prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.

Sendo necesario para o normal funcionamento dos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo a colaboración en todas as tarefas de orde interna e actividades de residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes, e en uso das facultades que ten conferidas esta consellería,

dispoño:

Primeiro.

1. Convócanse 30 prazas de colaboradores bolseiros nos centro residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, dependentes da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da forma que a seguir se relaciona:

CRD A Coruña: 18 prazas.

CRD Ourense: 6 prazas.

CRD Vigo: 6 prazas.

2. A duración da praza concedida comprenderá o período correspondente ao curso escolar 2012/13.

3. O beneficiario da praza de bolseiro non poderá realizar, mentres a desfrute, ningún tipo de traballo remunerado, aínda que poderá facela compatible con outras axudas.

Segundo.

Para optar á praza será preciso que concorran ou se acrediten, se é o caso, os seguintes requisitos:

a) Ser español, nacional dun país membro da Unión Europea ou estranxeiro residente en España no momento de asinar a súa solicitude.

b) Non estar en posesión do título académico que habilita para actividades profesionais, a menos que este título supoña un nivel ou grao inferior ao dos estudos que pretende realizar.

c) Ter cumpridos, como mínimo, dezaoito anos.

d) Estar inscrito ou matriculado no curso 2012/13, nun centro oficial universitario. A distancia do centro universitario ao centro residencial docente en que deberá residir e os medios de comunicación entre ambos os dous deberanlle permitir ao bolseiro o normal cumprimento das súas obrigas.

e) O estado de saúde do colaborador bolseiro deberá permitir o normal desenvolvemento na vida docente da residencia.

Terceiro.

1. Os aspirantes deberán presentar os seguintes documentos:

a) Instancia dirixida á Dirección do Centro Residencial Docente, segundo modelo que figura no anexo a esta orde.

b) Unha fotografía tamaño carné.

c) Documento acreditativo de estar inscrito ou matriculado como alumno oficial de facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario.

d) Currículo do aspirante, con especial mención ás actividades educativas en que participou.

e) Declaración ou declaracións da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio económico de 2011.

f) Certificación de notas correspondente ao curso escolar 2011/12.

2. Os aspirantes presentarán as súas solicitudes, xunto coa documentación correspondente, no centro residencial docente, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez recibidas as solicitudes, e de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende os erros ou complemente a documentación.

Cuarto.

1. Concluído o prazo anterior, constituirase no centro residencial docente unha comisión de valoración que estará integrada polo director do dito centro, como presidente, e como vogais o xefe de residencias, un educador ou profesor de actividades, e actuará como secretario un funcionario administrativo do centro.

2. As comisións de valoración ordenará as súas solicitudes segundo os méritos reflectidos nelas, tendo en conta especialmente as aptitudes do/da candidato/a para o desenvolvemento de tarefas formativas, a vinculación con centros residenciais docentes e o seu expediente académico.

Unha vez concluída a fase de valoración elevarase proposta á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que procederá a conceder as axudas e fará chegar aos que resulten beneficiarios definitivamente as correspondentes credenciais.

Quinto.

1. A resolución da solicitude seralle comunicada ao interesado, que disporá dun prazo de reclamación de quince días. A concesión da praza terá carácter de provisionalidade mentres non se formalice a matrícula.

2. As reclamacións resolveranse no prazo dun mes, contado desde a súa interposición, e consideraranse desestimadas de non seren resoltas nese prazo.

3. A resolución expresa ou presunta das reclamacións formuladas dará carácter definitivo ás adxudicacións.

Contra esta resolución os interesados poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no prazo de 2 meses, contados a partir da data de publicación da presente convocatoria.

Sexto.

Os colaboradores bolseiros terán os seguintes dereitos:

a) Exención do pagamento dos servizos residenciais durante o período de funcionamento destes para os alumnos do centro.

b) Recoñecemento da súa condición de colaborador bolseiro ante o resto dos residentes.

c) Asistencia sanitaria ordinaria por parte dos servizos médicos do centro.

Sétimo.

Os colaboradores bolseiros terán as seguintes obrigas:

a) Someterse a recoñecemento médico previo nos servizos facultativos do centro.

b) Seguir con aproveitamento os estudos para os cales se matricula.

c) Residir no centro residencial docente.

d) Cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro.

e) Colaborar na residencia en todas as tarefas e funcións de orde interna e actividades de residencia que lle poida encomendar a dirección do centro, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes.

Oitavo.

1. A condición de colaborador bolseiro perderase por algunha das seguintes causas:

a) Non cumprir os requisitos necesarios para a súa adxudicación.

b) Ocultar ou falsear datos.

c) Sanción disciplinaria imposta conforme as normas que resulten de aplicación.

Para os casos comprendidos nas letras a) e b), a perda será inmediata, sexa cal sexa o momento en que se constate.

2. O director do centro poderá propor á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que cese como colaborador bolseiro por deficiencia notoria no cumprimento das súas obrigas, en calquera momento despois de rematadas as actividades lectivas do primeiro trimestre, logo do informe motivado da Xunta de Residencias, e sempre que fose advertido expresamente con anterioridade pola mesma causa, e logo da audiencia do interesado.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file