Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2012 Páx. 47186

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de novembro de 2012 pola que se derroga a Orde do 7 de maio de 1997, de concertación e acreditación de centros sociosanitarios, e a do 3 de outubro de 2000, que a modifica.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma unha competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.1 establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

O Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, establecía a estrutura orgánica dos servizos centrais da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, existindo, polo tanto, unha integración dos servizos sociais e sanitarios nunha mesma consellería, o que permitía unha complementariedade e integración da asistencia social e sanitaria.

O programa de atención sociosanitaria abranguía sectores asistenciais netamente diferentes, como son a atención a persoas maiores, enfermos/as mentais crónicos/as, discapacitados/as e pacientes terminais. O perfil deste tipo de usuarios/as require unha organización de coidados de media estancia (rehabilitación, convalecencia), de marcado carácter sanitario, e de longa estancia, cun marcado compoñente social que non encadra na estrutura dun hospital xeral.

De acordo coa situación anterior, publicáronse as ordes do 7 de maio de 1997, sobre concertación e acreditación de centros sanitarios, e do 3 de outubro de 2000, que a modifica, que estableceron o réxime de concertos entre o Sergas, a Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e as persoas, naturais ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares de centros, servizos e establecementos sanitarios, para a atención sociosanitaria a persoas con dependencia que estivesen protexidas pola Seguridade Social e fosen beneficiarias do Servizo Galego de Saúde.

Co transcurso do tempo foise producindo unha especialización na prestación dos servizos que fixo que o desenvolvemento en materia social e de sanidade fose afastándose cada vez máis, con competencias separadas e cada vez máis definidas, aínda que mantendo a debida coordinación na asistencia integral ás persoas.

Así, o Decreto 306/2001 separou as competencias sanitarias e sociais en dúas consellerías: a Consellería de Sanidade e a Consellería de Asuntos Sociais.

Esta diferenciación nas competencias da asistencia sanitaria e social fai necesario mo-dificar e regular certos aspectos da modalidade de concertación dos antes denominados centros sociosanitarios e que, en realidade, son hospitais que veñen prestando a asistencia sanitaria nomeada de media estancia (rehabilitación, convalecencia).

Ademais, seguindo as directrices polas que se creou o Comité de Planificación de Atención Sociosanitaria de Galicia, mediante Orde conxunta do 7 de agosto de 2009, da Consellería de Sanidade e da Consellería de Traballo e Benestar, e dado o actual contexto económico desfavorable, é obrigado facer un enorme esforzo de contención do gasto público, que impide que as administracións públicas poidan afrontar o mesmo nivel de gasto que viñan asumindo, debendo sentar as prioridades na asignación dos recursos públicos, de xeito que se eviten duplicidades no ámbito social e sanitario, quedando en todo caso garantida a prestación dos servizos esenciais.

Doutra banda, e coa derrogación expresa destas dúas ordes, evítase a eventual situación de inseguridade xurídica que pode supoñer a existencia de normativa que recolle competencias de determinadas consellerías que non se corresponde coa atribución competencial vixente.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Derrógase a Orde do 7 de maio de 1997, de concertación e acreditación de centros sociosanitarios, e a Orde do 3 de outubro de 2000, que a modifica.

2. Aqueles centros sociosanitarios que, no momento da entrada en vigor desta orde, estean concertados co Servizo Galego de Saúde e, en xeral, calquera centro que vaia prestar atención sanitaria a enfermos crónicos, discapacitados e terminais, deberán cumprir os criterios de autorización e acreditación hospitalaria e someterse ao procedemento de autorización administrativa de funcionamento e á auditoría de acreditación hospitalaria, segundo a normativa aplicable.

3. As condicións da prestación de asistencia sanitaria concertada axustaranse ao disposto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade