Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 2017 Páx. 18569

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buher) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal.

Con data do 21 de xuño de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 6 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza dun novo foco do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación.

Antecedentes:

Primeiro. Durante o ano 2010 detectouse por primeira vez a presenza deste organismo na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto no concello das Neves. Como consecuencia deste feito, estableceuse unha área demarcada e definíronse unha serie de medidas para aplicar dentro dela para lograr o control e a erradicación da praga.

Segundo. Desde esa data desenvólvese en toda a zona demarcada un plan de actuacións encamiñadas á erradicación do nematodo e a vixilancia para detectar a posible aparición de novos focos, tanto na propia zona demarcada como no resto da Comunidade Autónoma.

Terceiro. Como froito das prospeccións realizadas, para a detección e mostraxe das árbores sintomáticas dentro da zona demarcada, detectouse o nematodo nunha mostra procedente dun piñeiro sito no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), a unha distancia aproximada de 3 km respecto do primeiro foco do ano 2010. O resultado da mostra positiva foi confirmado polo laboratorio nacional de referencia para este tipo de pragas.

Cuarto. De acordo co artigo 3 do Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito ata países terceiros, o nematodo da madeira do piñeiro ten status legal de organismo nocivo cuxa propagación debe prohibirse en todos os estados membros da UE se se presentan en determinados vexetais.

Quinto. Mediante o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, declárase de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus e ordénanse as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto, o artigo 18.2 establece que as medidas adoptadas serán realizadas polos titulares do aproveitamento nos prazos sinalados pola normativa de aplicación. Se non se adoptasen nos ditos prazos, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria.

O artigo 20.1 di que no caso de desistencia do propietario de realizar as tarefas de erradicación, ou ben porque se teñan decretado de utilidade pública os traballos de erradicación, a Administración realizará os traballos silvícolas con medios propios ou mediante contratos con empresas do sector. No seu artigo 16 establece que a detección de novos focos dentro da zona demarcada se declarará mediante resolución da dirección xeral competente e se aplicarán as medidas establecidas no mencionado decreto.

Sexto. O artigo 117.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares ou xestores de montes terán a obriga de:

a) Vixiar e manter en bo estado fitosanitario as masas forestais da súa titularidade ou xestión.

b) Extraer aquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan constituír un risco de praga ou enfermidade.

c) Comunicar ao órgano que corresponda da consellería competente en materia de montes toda aparición atípica de organismos nocivos ou de síntomas de enfermidade nas súas masas forestais.

d) Eliminar ou extraer do monte, cando tecnicamente sexa posible, os restos dos tratamentos silvícolas ou dos aproveitamentos forestais que supoñan un risco pola posible aparición de pragas ou enfermidades forestais.

e) Executar ou facilitar a realización das medidas fitosanitarias que a consellería competente en materia de montes determine como consecuencia da declaración de existencia oficial dunha praga ou enfermidade forestal.

Sétimo. Esta resolución é obxecto de publicación, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dada a concorrencia tanto dun interese público na materia como dunha pluralidade de interesados.

Polo anterior, cómpre iniciar a execución das medidas fitosanitarias establecidas na normativa vixente co obxecto de erradicar o organismo de corentena e a adopción de todas as medidas fitosanitarias previstas no Decreto 10/2011 e na Decisión 2012/535/UE, actuacións que se realizarán atendendo ás seguintes

Consideracións legais e técnicas:

1. É competente para ditar esta resolución a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias en virtude do disposto no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, que determina as competencias desta dirección xeral en materia de protección e control da sanidade vexetal.

2. O Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, sobre medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da comunidade europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a países terceiros (BOE núm. 19, do 22 de xaneiro) atribúe ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, a execución das actividades relativas ás inspeccións en orixe, rexistro de produtores, pasaporte fitosanitario e controis fitosanitarios.

3. O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro) habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 de dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado, que sexa ou poida ser vehículo de pragas (artigo 18.b).

A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares dos aproveitamentos procedan á execución das medidas previstas nesta resolución, de conformidade co artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

4. O Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e se ordenan as medidas para evitar a propagación.

5. Cómpre acatar as medidas da Decisión 2012/535/UE da Comisión, do 26 de setembro de 2012, coas súas posteriores modificacións, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a propagación na Unión de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro).

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Establecer como medidas complementarias ás actuacións en zona demarcada:

a) A obriga, por parte dos propietarios, da eliminación de todas as árbores sintomáticas na franxa tampón de 20 km coa fronteira con Portugal, entendida como o lugar xeométrico dos puntos que disten menos desa distancia da liña de puntos que delimita a separación entre os dous países.

b) A obriga, por parte dos propietarios ou administracións implicadas, da eliminación de todas as árbores sintomáticas a unha distancia inferior a 100 metros das vías ferroviarias, estradas, autoestradas e outras vías de alta capacidade de ámbito estatal ou autonómico que constitúan vías directas de comunicación con Portugal ou estean a menos de 100 km da fronteira con este país.

2. Iniciar a execución das medidas fitosanitarias establecidas na normativa vixente co obxecto de erradicar o organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro) en todas as parcelas forestais tanto na zona demarcada de protección fitosanitaria como na franxa tampón da zona de 20 km coa fronteira con Portugal.

3. Os traballos de corta e eliminación de árbores secas ou sintomáticas comezará por aquelas árbores das cales se teña constancia de que estaban secas ou presentaban sintomatoloxía cun mes de antelación á publicación desta resolución, prazo que se considera suficiente para que os propietarios poidan executar persoalmente as medidas previstas.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias