Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2020 Páx. 10328

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de febreiro de 2020 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ares.

O Concello de Ares, con data do 27.11.2019, remite para a súa aprobación definitiva o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e á disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo concello, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. O municipio de Ares está rexido polas Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 4.12.1978, tras a anulación do PXOM aprobado en 1999.

2. Está afectado polos seguintes instrumentos de ordenación do territorio:

• Directrices de ordenación do territorio (DOT), aprobadas definitivamente polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro.

• Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro.

• Plan sectorial eólico de Galicia.

• Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal.

• Plan sectorial de modificación da rede viaria de Ferrol, Fene, Narón, Neda, Ares, Mugardos e Cabanas.

• Proxecto sectorial Gasoducto Mugardos-As Pontes-Guitiriz e Ramal á CCC das Pontes e instalacións auxiliares.

• Decreto 2234/1971, do 13 de agosto, que declara á Comarca Eumesa como Conxunto Histórico e Lugar Pintoresco.

• Rede Natura 2000.

3. Seguindo o establecido no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, o concello remitiu ao órgano ambiental o 4.11.2011 o Documento de Inicio para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o Documento de referencia o 3.1.2012.

4. Logo de informe técnico e xurídico do 9.7.2013, e en virtude do artigo 85.1 da LOUG, o concello achega á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o documento do PXOM, que emite o informe previo á aprobación inicial o 13.9.2013.

5. O 6.3.2014, o Concello Pleno de Ares aprobou inicialmente o PXOM. Someteuse a información pública dous meses mediante anuncios no DOG do .3.4.2014 e nos xornais Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 3.4.2014. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Mugardos e Fene e solicitáronse os informes sectoriais.

Tendo en conta a data de aprobación inicial do PXOM, e de acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, o disposto nese regulamento non lle resulta de aplicación.

6. O 24.1.2017, o Concello de Ares presentou ao órgano ambiental o documento do PXOM adaptada á LSG. Mediante Resolución do 2 de maio de 2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM (DOG do 5 xullo).

7. O 30.11.2017, o Concello Pleno aprobou provisionalmente o PXOM, logo de informe dos servizos municipais xurídicos e técnicos. Previamente á aprobación definitiva, remitiuse o documento á Dirección General de Sostenibilidad de la Costa e del Mar do Ministerio para la Transición Ecológica e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, segundo o establecido na lexislación sectorial de costas.

8. O 7.3.2019, o Concello Pleno aproba correccións requiridas polos informes sectoriais en materia de Costas, logo do informe do secretario municipal; e o 9.10.2019 o Concello Pleno aproba a incorporación ao PXOM de documentación complementaria.

9. O PXOM co seu expediente administrativo foron remitidos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en data 9.5.2019, solicitando a súa aprobación definitiva. O 7.6.2019 requiriuse a emenda de integridade documental e o 27.6.2019, respecto do cumprimento das determinacións da memoria ambiental.

10. De acordo co informe dos servizos municipais e co expediente administrativo achegado, solicitáronse informes sectoriais aos seguintes organismos competentes:

• Ministerio para a Transición Ecolóxica-Subdirección Xeral de Dominio Público Marítimo Terrestre-Demarcación de Costas del Estado. Informe final en 2019, con reparos por condicións sen cumprir.

• Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo-Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións. Informe final de 2015, favorable.

• Ministerio de Fomento-Dirección Xeral de Aviación Civil. Informe de 2014, favorable con condicións pendentes de cumprimento.

• Ministerio de Defensa-Dirección Xeral de Infraestruturas. Informe de 2015, favorable con condicións cumpridas na normativa mais non nos planos.

• Ministerio de Facenda e Administracións Públicas-Delegación de Economía e Facenda en Galicia. Informe de 2015, sen afección.

• Ministerio del Interior-Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias. Sen contestación.

• Ministerio de Fomento-Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria-ADIF. Informe de 2019, favorable con observacións, algunhas pendentes de cumprimento.

• Deputación Provincial de A Coruña-Servizo de Vías e Obras. Informe de 2014, favorable con condicións.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de Costas. Informe final de 2019, favorable con condicións pendentes de cumprir.

• Augas de Galicia. Informe de 2015, favorable con condicións.

• Instituto de Estudos do Territorio. Informe de 2015 de Paisaxe, condicionado.

• Dirección Xeral de Mobilidade. Sen contestación.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Informe de 2014, con consideracións.

• Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). Informe final de 2016, favorable.

• Consellería de Economía e Industria. Informe de 2014, respecto minería, sen afección.

• Dirección Xeral de Industria. Sen contestación.

• Servizo de Montes. Informe de 2015, con consideracións.

• Portos de Galicia. Informe de 2017, favorable.

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Sen contestación.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. Sen contestación.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Informe final de 2017, favorable.

• Dirección Xeral de Educación, Formación profesional e Innovación Educativa. Sen contestación.

• Consellería de Facenda. Sen contestación.

• Empresas subministradoras dos servizos de abastecemento e saneamento: Emafesa e Geseco Augas. Informes de 2017, favorables.

• Constan notificacións da aprobación provisional do PXOM ás administracións titulares de bens de titularidade pública: Delegación do Goberno en Galicia, Ministerio de Facenda e Consellería de Facenda.

• Segundo informe da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de xuño de 2019, non se cumpriron as determinacións 3 e 14 da memoria ambiental do 2.5.2017.

II. Análise e consideracións.

A documentación que integra o PXOM de Ares está redactada pola consultora Cerne Ingenieria, S.A., datada e asinada en febreiro de 2019.

II.1. Estrutura xeral e orgánica, e modelo territorial.

1. O concello de Ares, segundo datos do INE en 2019, ten 5.732 habitantes. Na memoria xustificativa calcúlase a capacidade máxima residencial derivada do PXOM segundo a LSG, sobre a potencialidade no solo urbano, urbanizable, e de núcleo rural, nun horizonte de 16 anos, concluíndo que, de esgotar o solo edificable, acadaría 11.822 habitantes, relacionados co aumento estacional no verán polo turismo e a segunda residencia.

2. As reservas de solo propostas polo PXOM na súa ordenación, cumpren cos estándares mínimos establecidos pola LSG.

3. Respecto das dotacións do sistema xeral, o cemiterio civil de Ares consta na memoria co mesmo código que o campo de fútbol (SXEQ-08), o que deberá emendarse.

4. Os ámbitos das zonificacións acústicas conteñen erros, sinalados pola memoria ambiental, na determinación 14.

5. De acordo cos informes da Dirección Xeral de Aviación Civil sobre as servidumes aeronáuticas, estas afectan a totalidade do concello. Existe vulneración desas servidumes nos contornos do pico Bailadora e Montefaro, onde non están sinaladas nos planos.

6. De acordo co informe do Ministerio de Defensa-Dirección Xeral de Infraestruturas, deberán grafarse as zonas de seguridade que afectan as instalacións da súa propiedade referidas no artigo 111 da Normativa.

7. Corrixiranse as referencias á lexislación derrogada en materia de transporte ferroviario.

8. Cumpriranse as condicións do informe do Servizo de Obras e Vías da Deputación.

9. Deberanse cumprir as condicións do informe da DXOTU en materia de costas.

II.2. Clasificación e determinacións do solo.

1. Solo urbano.

– O corredor ecolóxico da Xunqueira no contorno da AC-123, sinalado no POL, non está ben delimitado, segundo a determinación 3 da memoria ambiental. As parcelas baleiras con ordenanza 6B cualificaranse de acordo co indicado nesa determinación 3.

– Non se acredita a execución completa e recepción, das obras de urbanización do ámbito do Plan parcial da Granxa, polo que deberá clasificarse como solo urbanizable.

– Solo urbano consolidado de Ares: o plan considera o trazado de novas vías nas que é necesario un proceso de urbanización, polo que deberán incluírse en ámbitos de solo urbano non consolidado ou delimitar accións illadas, nos casos de:

• Viario limítrofe co solo rústico ao sur de Ares, que deberá integrarse nunha acción illada en solo urbano consolidado.

• Viario de conexión coa CP-0401 do p-4, e conexión deste polígono no sur-leste; que deberán incorporarse a el.

• Solo destinado a viario, na zona denominada Punta da Pena con fronte á Avda dos Castros, que segundo o catastro é de titularidade privada, incluirase no SXZV-20.

• Viario perpendicular ao SXV-07 e á avenida Mugardos; que debera incluírse no SUB-R.

- Solo urbano consolidado de Redes:

• Engádese parte dunha parcela baleira no límite sur, con fronte á rúa Nova, fóra da estrutura urbana existente, con ordenanza 2 Núcleo Antigo de Redes, que provocará a aparición de novas medianeiras. Deberá eliminarse esta parcela do solo urbano ou cualificarse coa ordenanza 6B edificación extensiva, como as edificacións do contorno.

• Algúns solos cualificados como viario público non contan con accións de xestión do solo para a súa obtención, nomeadamente: vía paralela á rúa de Abaixo que conecta co SXV-02 e de sección insuficiente na súa entrada norte e no tramo final ao sur, polo que deberá integrarse nunha acción illada en solo urbano e corrixir a súa aliñación para mellorar os accesos aos aparcadoiros proxectados; así como o encontro do Camiño da Igrexa coa Avda. Gaspar Rodriguez que deberá incluírse no PE-7 ou establecer unha actuación illada.

2. Solo de núcleo rural.

Non se xustifican as parcelas baleiras na periferia en Maiobre e Besoxo; nin as novas parcelas baleiras engadidas en Curmá-Mazaido e Cervás.

3. Solo urbanizable.

De acordo co informe en materia de costas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, na ficha do SUB-I constarán 5.943 m² como superficie máxima edificable.

4. Solo rústico.

Conforme o indicado no punto II.1.4 anterior, e sendo que todo o concello de Ares está dentro da afección sectorial das servidumes aeronáuticas, o solo clasificado como de protección ordinaria, considerarase de especial protección de infraestruturas, categoría de aplicación complementaria a todo o solo rústico do plan 5.943 m².

5. Normativa.

5.1. Xeral.

A situación de fóra de ordenación deberá harmonizarse coa redacción da actual LSG.

5.2. No solo urbano.

– O artigo 103: establece condicións diferenciadas para os camiños peonís e as vías peonís, pero non se identifican nos planos nin se explica a diferenza entre eles.

– Na ordenanza 5 «edificación en ringleira» (artigo 108) no grao A (en Ares) non se comprende o parámetro do fondo de 10 m en planta alta, sobre todo nas parcelas con dúas frontes, e tendo en conta que establece que a altura será a existente. A condición dun proxecto unitario se «as intervencións afectan o conxunto semella imprecisa».

5.3. No solo de núcleo rural.

– No artigo 93 regúlanse as condicións xerais para o solo de núcleo rural, no que se distinguen dous tipos de actuación (directas e indirectas), e remite a regulación das indirectas (actuacións de carácter integral) ao especificado no artigo 100, que non regula estas actuacións, nin existe outro na normativa.

– As condicións de urbanización do artigo 94.3 non se axustan ao establecido pola LSG.

– A regulación dos usos do artigo 95.3 non se axusta ao establecido pola LSG: o uso de servizos» e «industrial» só poden ser complementarios do uso característico residencial, e o uso industrial categoría 4º «almacén» non está entre os permitidos pola LSG.

6. Outras cuestións.

– Na memoria xustificativa falta a páxina 10.

– Cartografía: nos planos de ordenación do solo urbano do documento para aprobación definitiva a escala sinalada de 1/1000 non é a real, polo que resultan imprecisos e nalgúns casos ilexibles. No caso de Redes non se distinguen as simboloxías e textos superpostos. Pola súa importancia xurídica e técnica, deberanse facilitar estes planos de ordenación dos solos urbanos á escala 1/1000 real (xerar os arquivos pdf a partir do cad axeitadamente). Revisaranse os pdf xerados, para que as escalas de impresión coincidan.

– As casas catalogadas CA-29 e CA-30 teñen a mesma foto: o erro está na CA-29.

7. Adaptación ao Plan de ordenación do litoral.

Cómpre modificar os seguintes puntos para acadar a adaptación do PXOM ao POL:

1. Evitaranse os crecementos dos núcleos sobre parcelas baleiras entre a costa e zona sur dos núcleos de Maiobre, Chanteiro e Cervás.

2. O ámbito do corredor ecolóxico asociado á zona húmida da Xunqueira, reaxustado sen informe favorable do órgano ambiental, preservarase da ocupación por construcións e instalacións, seguindo os principios do artigo 38 da normativa do POL para estes espazos, sen prexuízo da súa clasificación como solo urbano consolidado.

3. Analogamente a Ares e Redes, e atendendo á súa condición de núcleo de identidade do litoral, incluirase unha ordenanza específica para o núcleo de Seselle ou, conforme o artigo 69.2 do POL, establecerase unha figura de desenvolvemento.

4. A totalidade dos desenvolvementos urbanísticos propostos polo PXOM son conformes cos criterios, principios e normas do POL. En todo caso, posto que non se achegan as ordenacións detalladas, incluirase nas fichas respectivas a necesidade de remitir os planeamentos de desenvolvemento para a verificación do cumprimento das normas do POL. Así mesmo, incluirase nas fichas dos ámbitos P1, P4 e SUBR a necesidade de preservar, dentro do posible, as masas de vexetación de recolonización que constan na cartografía de usos e elementos para a valoración do POL, asociándoas aos seus espazos libres.

5. Na memoria xustificativa de adecuación ao POL, engadirase a xustificación das reservas de aparcamento ao servizo das praias previstas no plan, en función da súa capacidade de carga; e a non previsión desta reserva en varias praias periurbanas, conforme o exixido no artigo 90 do POL.

6. Na serie cartográfica de coherencia co POL delimitaranse os núcleos de identidade do litoral que se sinalan na lenda.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ares, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente; e deixando en suspenso os seguintes ámbitos:

– Zona da Punta da Pena, desde a avenida dos Castros-rúa Regueiras ata o mar, atendendo ao requirido no informe sectorial da Dirección Xeral de Sostenibilidad da Costa e do Mar do Ministerio de Transición Ecolóxica, do 11.7.2019.

– Núcleo Rural de Seselle, dada súa condición de núcleo de identidade do litoral.

2. O concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento ás ditas condicións.

3. Nos ámbitos suspendidos, o Concello introducirá as correccións necesarias, e tras da súa aprobación plenaria, solicitar novamente a súa aprobación definitiva. Namentres, neses ámbitos resulta aplicable o réxime urbanístico contido no artigo 89 da LSG.

4. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

5. Notifíquese esta Orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

6. Contra esta Orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ares, 5 de febreiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda