Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15330

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2020, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2019/20, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2020/21.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, prevé no artigo 36 bis a realización de avaliacións individualizadas ao finalizar a etapa de bacharelato.

Mediante o Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora educativa, adoptáronse medidas que afectan a configuración da avaliación final de bacharelato; en concreto, no seu artigo primeiro modifica a disposición derradeira quinta da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, de xeito que a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade regulada no artigo 36.bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, non será necesaria para obter o título de bacharelato e realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios.

Así mesmo, regula, entre outros aspectos, o réxime xurídico da proba e sinala, no artigo 2.4.c) do citado real decreto lei, que as administracións educativas organizarán a realización material da avaliación final de bacharelato para o acceso á universidade en colaboración coas universidades, que asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coas probas de acceso á universidade. En Galicia as ditas probas estarán reguladas, de forma supletoria, e no que resulte compatible co novo marco normativo, pola Orde do 24 de marzo de 2011, pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

Mediante Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, determínanse as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas no curso 2019/20.

Tendo en conta este marco normativo, é preciso dar as instrucións oportunas que permitan concretar para o ámbito de Galicia a realización material, dentro do curso académico 2019/20, da avaliación de bacharelato para o acceso a universidade (ABAU) no curso 2020/21.

De conformidade co exposto, o secretario xeral de Universidades e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVEMOS:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas instrucións teñen por obxecto determinar para o curso 2019/20 aqueles aspectos organizativos necesarios para a adecuada realización material da proba da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos termos regulados no Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora educativa.

2. Esta avaliación realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios oficiais de grao.

3. A proba da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) estruturarase en dúas partes denominadas, respectivamente, parte obrigatoria e parte voluntaria.

Segunda. Materias obxecto de avaliación

1. A parte obrigatoria da proba versará sobre as materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida e sobre a materia de Lingua Galega e Literatura, todas elas correspondentes ao segundo curso de bacharelato:

Parte obrigatoria da ABAU

Materias xerais do bloque de materias troncais

– Historia de España II

– Lingua Castelá e Literatura II

– Primeira Lingua Estranxeira II

– Lingua Galega e Literatura II

Materias xerais do bloque de materias troncais segundo modalidade ou itinerario

Artes

Ciencias

Humanidades e Ciencias Sociais

Ciencias Sociais

Humanidades

Fundamentos da Arte II

Matemáticas II

Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais II

Latín II

Cada un dos exercicios das materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida e da materia de Lingua Galega e Literatura II cualificarase de 0 a 10 con dúas cifras decimais.

2. O alumnado que queira mellorar a súa cualificación de admisión poderá examinarse dun máximo de catro materias, que elixirá entre as materias de opción do bloque de troncais de segundo curso de calquera modalidade e as materias xerais troncais específicas de modalidade distintas daquela de que se examinen na parte obrigatoria da proba. Así mesmo, os estudantes poderán examinarse dunha das opcións lingüísticas (Alemán, Francés, Inglés, Italiano ou Portugués) da Segunda Lingua Estranxeira II distinta da que cursasen como materia xeral do bloque de materias troncais.

Parte voluntaria

Materias troncais de opción

(cursadas ou non cursadas)

Materias xerais troncais de modalidade

(agás a da modalidade cursada)

– Artes Escénicas

– Bioloxía

– Cultura Audiovisual II

– Debuxo Técnico II

– Deseño

– Economía da Empresa

– Física

– Grego II

– Historia da Arte

– Historia da Filosofía

– Química

– Xeoloxía

– Xeografía

– Segunda Lingua Estranxeira II

– Fundamentos da Arte II

– Latín II

– Matemáticas II

– Matemáticas aplicadas ás

– Ciencias Sociais II

a) As probas correspondentes a estas materias teñen carácter voluntario e teñen por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretenden cursar e permiten mellorar a nota de admisión.

b) Cada unha das materias das cales se examine o alumnado con carácter voluntario para os efectos de mellorar a súa nota de admisión cualificarase de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a 5 puntos.

c) Para a mellora da nota de admisión terase tamén en consideración a cualificación obtida na parte obrigatoria na materia xeral específica de cada modalidade do bloque das materias troncais (Matemáticas II, Latín II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II e Fundamentos da Arte II), sempre e cando a cualificación acadada na materia correspondente sexa igual ou superior a 5 puntos.

Terceira. Características e deseño das probas

1. As características e o deseño das probas corresponderanse co establecido na Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, que determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas no curso 2019/20.

2. As matrices de especificacións establecidas para cada unha das probas das materias incluídas na avaliación son as recollidas no anexo I da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro.

3. Na materia de Lingua Galega e Literatura II a elaboración da proba realizarase segundo a matriz de especificacións establecida no anexo I desta resolución.

Estará exento da realización desta proba o alumnado con exención da materia de Lingua Galega e Literatura II.

4. No referente á lonxitude das probas, ás probas e tipoloxía de preguntas e ao seu contido observarase o disposto nos artigos 6, 7 e 8, respectivamente, da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, así como o establecido no artigo 12 da Orde do 24 do marzo de 2011.

a) O alumnado realizará os exercicios da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade nos lugares que determine a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

b) Realizarase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación. Cada proba constará dun mínimo de 2 e un máximo de 15 preguntas.

c) O exercicio de cada materia será único e determinado por sorteo público pola CiUG a partir de, cando menos, 6 propostas presentadas por cada director ou directora do grupo de traballo da materia correspondente. Non haberá anulación da proba como primeira resolución, senón suspensión e/ou aprazamento dun determinado exercicio, sempre que se dea o caso.

d) Os exercicios adecuaranse ao currículo do bacharelato establecido polo Decreto 86/2015, do 25 de xuño, e versarán sobre as materias do segundo curso a que se fai referencia no artigo 3 da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro.

e) Os exercicios presentarán dúas opcións diferentes, entre as cales os estudantes e as estudantes deberán elixir unha.

f) Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II e Primeira e Segunda Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

g) Cada unha das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de 90 minutos. Establecerase un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos. Non se computará como período de descanso o utilizado para ampliar o tempo de realización das probas dos alumnos con necesidades específicas de apoio educativo aos que se lles prescribise a dita medida.

h) A avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de tres días.

i) Preferentemente, as probas contextualizaranse en contornos próximos á vida do alumnado: situacións persoais, familiares, escolares e sociais, ademais de contornos científicos e humanísticos.

j) Cada unha das probas conterá preguntas abertas e semiabertas que requirirán do alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. Ademais destes tipos de preguntas, poderanse utilizar tamén preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao total de preguntas abertas e semiabertas alcance como mínimo o 50 %.

Para estes efectos, as categorías de preguntas defínense da seguinte maneira:

– De opción múltiple: preguntas cunha soa resposta correcta inequívoca e que non exixen construción por parte do alumno ou da alumna, xa que este/a se limitará a elixir unha de entre as opcións propostas.

– Semiabertas: preguntas con resposta correcta inequívoca e que exixen construción por parte do alumno ou da alumna. Esta construción será breve, por exemplo un número que dea resposta a un problema matemático, ou unha palabra que complete unha frase ou dea resposta a unha cuestión sempre que non se facilite unha listaxe de posibles respostas.

– Abertas: preguntas que exixen construción por parte do alumno ou da alumna e que non teñen unha soa resposta correcta inequívoca. Englóbanse neste tipo as producións escritas e as composicións plásticas.

k) Polo menos o 70 % da cualificación de cada proba deberá obterse avaliando estándares de aprendizaxe seleccionados entre os definidos na matriz de especificacións da materia correspondente, que figura no anexo I da Orden ministerial PCM/139/2019, do 17 de febreiro. Na materia de Lingua Galega e Literatura II o 70 % da cualificación da proba deberá obterse avaliando estándares de aprendizaxe seleccionados entre os definidos na matriz de especificacións que figura no anexo I desta resolución.

l) As porcentaxes de ponderación asignadas a cada bloque de contido en cada materia farán referencia á puntuación relativa que se asignará ás preguntas asociadas aos estándares de aprendizaxe avaliados dos incluídos no dito bloque. Estas ponderacións son orientativas.

m) Na elaboración de cada unha das probas da avaliación procurarase utilizar polo menos un estándar de aprendizaxe por cada un dos bloques de contido, ou agrupacións deles, que figuran na matriz de especificacións da materia correspondente.

n) Os protocolos dos exercicios deberán incluír necesariamente:

– Os criterios xerais de corrección, especificando tanto o valor asignado a cada unha das partes do currículo como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva.

– Os criterios específicos de corrección que servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que soliciten os estudantes e as estudantes.

ñ) Os criterios xerais de avaliación deberán ser coñecidos polas persoas integrantes das comisións delegadas e polo alumnado no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, nos centros onde os estudantes e as estudantes finalizasen os seus estudos de bacharelato.

Cuarta. Organización das probas

1. De acordo co establecido no artigo 12 da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, as universidades asumen as mesmas funcións e responsabilidades que viñan realizando ata o curso 2016/17.

2. Segundo o establecido no artigo 4.1 da Orde do 24 de marzo de 2011, a CiUG é un órgano interuniversitario, sen personalidade xurídica, formado pola delegación de competencias propias das universidades do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso.

3. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nomeará, segundo o artigo 4.2 da Orde do 24 de marzo de 2011, os membros da CiUG, de acordo co establecido no convenio asinado polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria o 12 de marzo de 2001. No caso de que algúns dos membros designados non poidan desempeñar a súa función, a consellería designará a persoa ou persoas que os substitúan no seu labor dentro da CiUG.

4. Para a avaliación de bacharelato para o acceso a universidade regulada na Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, a CiUG estará composta polos delegados dos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia e por tres profesores ou profesoras de educación secundaria nomeados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Para o resto dos procedementos, estará composta polos delegados dos reitores.

5. Os membros da CiUG, para desenvolveren as atribucións a que fai referencia o artigo 19 da Orde do 24 de marzo de 2011 terán, para efectos académicos e administrativos, a consideración e as atribucións que lles permitan o cumprimento das obrigas correspondentes á citada función.

6. Da matrícula.

a) Os estudantes e as estudantes formalizarán a súa solicitude de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade nas datas que determine a CiUG.

b) O alumnado entregará a solicitude na secretaría do centro en que superasen o segundo curso do bacharelato. Os que obtivesen o título de bacharel ou equivalente en convocatorias anteriores presentarán a súa solicitude no lugar de entrega e recollida de documentación (LERD) que lle corresponda ao seu centro ou no cal corresponda ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia, ou mediante o procedemento telemático establecido pola CiUG.

c) Os estudantes e as estudantes indicarán na súa solicitude os seus datos persoais e as materias elixidas para a realización da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade. Así mesmo, poderán solicitar a exención do exercicio de Lingua Galega e Literatura II prevista no artigo 3.3 do Real decreto 310/2016, do 29 de xullo.

d) Os centros de educación secundaria informatizarán os datos persoais, académicos e de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade do seu alumnado; tamén facilitarán, se procede, as actas e as certificacións das cualificacións de bacharelato, nos prazos e segundo o procedemento que estableza a CiUG.

e) Os estudantes e as estudantes que desexen concorrer á proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade deberán aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario. A CiUG facilitará aos centros de educación secundaria e aos LERD os impresos para o aboamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que os estudantes e as estudantes poderán realizar o ingreso.

7. Organización e documentación.

a) O calendario da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade será fixado coordinadamente pola CiUG, as universidades do sistema universitario de Galicia e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, segundo o establecido no artigo 9 da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro.

b) Para os efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria, establécense lugares de entrega e recollida de documentación (LERD) territorializados, onde se instrúan os expedientes e se executen os procedementos administrativos e informáticos a nivel de usuario (solicitante-centro de educación secundaria) que van asociados á xestión do alumnado no acceso (captura de datos, matrícula, solicitudes, etc.).

c) A captura de datos, tanto académicos como persoais, será responsabilidade da CiUG a través das tres universidades, nos formatos para a xestión informática previamente acordados co servizo de apoio ao Sistema universitario de Galicia.

d) O deseño dos documentos correspondentes á solicitude de matrícula para a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade é competencia da CiUG, tendo en conta as posibilidades informáticas do sistema.

e) A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional porá á disposición das universidades unha aplicación informática para realizar a xestión da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

f) A custodia dos expedientes e das actas de cualificación dos estudantes e das estudantes que participen na proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade correspnde á universidade respectiva, segundo o LERD asignado a cada estudante. Nas actas de cualificación deberán figurar os datos necesarios para a certificación e o traslado. Cada estudante que desexe iniciar estudos noutro distrito presentará, para os efectos de traslado, a solicitude na universidade respectiva. Esta universidade será a encargada de tramitar o traslado, arquivar os datos correspondentes e comunicalo á CiUG.

8. Da comisión organizadora:

a) As funcións de organización a que se fai referencia no artigo 12 da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do17 de febreiro, serán desempeñadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), e coincidirán a presidencia da comisión organizadora e os seus membros coa presidencia e membros da CiUG.

b) A CiUG terá atribuídas, entre outras, as seguintes competencias:

1) Coordinación entre as universidades e os centros en que se imparta bacharelato, para os únicos efectos de organización e realización da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

2) Adopción das medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como o anonimato dos estudantes e das estudantes e dos centros durante o proceso de corrección dos exercicios.

3) Adopción das medidas necesarias para garantir que o alumnado poida empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4) Definición dos criterios para a elaboración das propostas dos exercicios, garantindo a adecuación destes ao currículo do bacharelato.

5) Designación e constitución dos tribunais.

6) Convocatoria da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

7) Establecemento dos criterios xerais de avaliación dos exercicios.

8) Resolución das reclamacións.

9) Establecemento dos mecanismos de información axeitados.

c) Para adoptar os acordos dos puntos 8.b.4) e 8.b.7) a CiUG contará co asesoramento do correspondente grupo de traballo de cada materia.

d) A CiUG ten competencias para resolver os asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para o cumprimento do principio de distrito único, no ámbito das competencias que lle foron delegadas.

e) A CiUG fará públicos os criterios de organización, a estrutura básica dos exercicios, os criterios xerais de cualificación e os parámetros de ponderación das materias.

f) A CiUG elaborará un informe da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade e elaborará as recomendacións para a súa mellora. Este informe será remitido á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

9. Do tribunal cualificador:

a) O tribunal único da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade será nomeado pola CiUG para avaliar os coñecementos do alumnado, e estará constituído por:

1) Unha presidenta ou un presidente, un secretario ou secretaria e, se é o caso, unha vicepresidenta ou un vicepresidente.

2) Comisións delegadas para actuaren en cada un dos centros en que se realice a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade e que estarán territorializadas segundo o criterio de proximidade do alumnado. A CiUG establecerá o número destas comisións, determinará a súa composición e funcións, así como a súa localización, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

3) Comisións de avaliación de cada materia obxecto de exame na proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, presididas polos directores ou directoras dos grupos de traballo e constituídas, así mesmo, por vogais especialistas da materia en número suficiente para o seu correcto funcionamento.

b) Para a constitución do tribunal único consideraranse os seguintes criterios:

1) A presidencia e a secretaría do tribunal único e os presidentes ou presidentas e secretarios e secretarias das comisións delegadas serán nomeados pola CiUG entre o persoal docente das universidades.

2) Os vogais e as vogais das comisións delegadas serán nomeados pola CiUG, entre o persoal docente das universidades e o profesorado dos corpos de catedráticos e profesores de secundaria e dos corpos de catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño que impartan docencia en bacharelato, nun grao superior de formación profesional, nun grao superior de artes plásticas e deseño ou nun grao superior de ensinanzas deportivas, establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3) Os vogais e as vogais das comisións de avaliación serán nomeados pola CiUG entre o persoal docente das universidades e o profesorado dos corpos docentes e das especialidades que, de acordo coa lexislación vixente, poida impartir docencia nas materias de bacharelato.

4) Na designación dos vogais e das vogais das distintas comisións procurarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes, agás que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. Así mesmo, deberase garantir para cada materia a participación de polo menos o 40 % de docentes de universidade e o 40 % de profesorado de educación secundaria que imparta bacharelato.

5) Os vogais e as vogais integrantes das comisións delegadas e das comisións de avaliación serán designados entre o profesorado que o solicite á presidencia da CiUG, dentro do prazo que esta determine.

c) Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso e tendo en conta o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o profesorado que forme parte das comisións delegadas e de avaliación non poderá examinar ou avaliar os estudantes do seu centro de procedencia. Un vogal proposto por cada centro e nomeado pola presidencia da CiUG incorporarase á comisión delegada correspondente como representante do centro.

10. Dos grupos de traballo:

a) De acordo co establecido no artigo 31 da Orde do 24 de marzo de 2011, constitúense grupos de traballo das diferentes materias obxecto de exame na proba, coa finalidade de asesorar a CiUG na definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame e no establecemento dos criterios xerais de avaliación da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade.

b) A CiUG, xunto coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, establecerá o número de grupos de traballo e nomeará os seus compoñentes.

c) Cada grupo de traballo estará composto polos seguintes especialistas na materia ou materias correspondentes:

1) Un profesor ou profesora de universidade, que desempeñará a función de director ou directora do grupo, que poderá estar asistido por un subdirector ou subdirectora e serán nomeados ambos os dous pola CiUG.

2) Un membro da Inspección Educativa, que será nomeado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3) Un representante da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4) Un máximo de catro profesores ou profesoras de educación secundaria que estean impartindo a materia no segundo curso do bacharelato e que serán nomeados conxuntamente pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e pola CiUG.

d) Os directores e as directoras dos grupos de traballo elaborarán os exercicios da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade. Poderán contar coa colaboración de especialistas, e seralles de aplicación o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, referentes ao réxime de abstención e recusación.

e) O director ou a directora do grupo de traballo enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da CiUG unha memoria final das actividades desenvolvidas polo grupo de traballo, antes da data que sinale a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Quinta. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. De acordo co establecido no artigo 4 da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, adoptaranse as medidas necesarias para asegurar a igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A este respecto, poderanse adoptar medidas como adaptación de tempos, elaboración de modelos especiais de exame, posta á disposición do alumnado dos medios materiais e humanos, asistencias, apoios e axudas técnicas que precise para a realización da proba, así como a garantía de accesibilidade á información e comunicación dos procesos e do recinto ou espazo físico onde esta se desenvolva.

2. A avaliación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo tomará como referencia as adaptacións curriculares realizadas para el ao longo da etapa. Particularmente, consideraranse medidas de flexibilización e metodolóxicas na avaliación de lingua estranxeira para o alumnado con discapacidade, en especial para os casos de alumnado con discapacidade auditiva, alumnado con dificultades na súa expresión oral e/ou trastornos da fala. Estas adaptacións en ningún caso se terán en conta para minorar as cualificacións obtidas.

Así mesmo, garantirase que as actuacións relativas ao proceso de revisión das probas reguladas no punto sétimo destas instrucións sexan accesibles para as persoas con discapacidade.

3. O tribunal cualificador das probas poderá requirir os informes e a colaboración precisa dos órganos técnicos competentes da Administración educativa, así como dos centros onde cursasen bacharelato as alumnas e os alumnos con discapacidade.

Sexta. Cualificación das probas

1. Segundo o establecido no artigo 10 da Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/139/2020, do 17 de febreiro, a cualificación da proba de avaliación do bacharelato para o acceso á universidade será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas en cada unha das probas realizadas das materias xerais do bloque de materias troncais e da materia de Lingua Galega e Literatura II, expresada nunha escala de 0 a 10 con tres cifras decimais e redondeada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Esta cualificación deberá ser igual ou superior a 4 puntos.

2. A cualificación para o acceso á universidade calcularase ponderando un 40 % a cualificación sinalada no paragrafo anterior e un 60 % a cualificación final da etapa. Entenderase que se reúnen os requisitos de acceso cando o resultado desta ponderación sexa igual ou superior a cinco puntos.

3. A superación da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá validez indefinida. As cualificacións obtidas nas probas para mellorar a nota de admisión terán validez durante os dous cursos académicos seguintes ao da súa superación.

Sétima. Procedemento de revisión das cualificacións obtidas

1. O alumnado e, se é o caso, os pais, nais ou titores/as legais poderán solicitar ante a presidencia do tribunal cualificador a revisión da cualificación obtida nunha ou varias das probas que compoñen a avaliación. O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións.

2. As probas sobre as cales se presentase solicitude de revisión serán analizadas, en primeiro lugar, co obxecto de verificar que todas as cuestións foron avaliadas e que non existen erros no proceso de cálculo da cualificación final.

No caso de existir algún erro, modificarase a cualificación, tanto á alza como á baixa. A cualificación provisoria obtida pasará a ser a nova cualificación.

A seguir será realizada unha segunda corrección por un novo profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección. No suposto de que a diferenza entre as dúas cualificacións sexa menor de dous puntos, a cualificación definitiva será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións.

No suposto de que existise unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, será efectuada unha terceira corrección por un profesor ou profesora especialista distinto aos anteriores. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

Este procedemento deberá efectuarse no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de tres días establecido no número 1 desta instrución.

3. O alumnado e, se é o caso, os pais, nais ou titores legais terán dereito a ver as probas revisadas unha vez finalizado o proceso de revisión, no prazo de dez días desde a notificación da resolución de revisión e segundo os termos do artigo 15.5 da Orde do 24 de marzo de 2011.

4. Unha vez finalizado na súa totalidade o procedemento de revisión establecido, adoptarase a resolución que estableza as cualificacións definitivas e seralle notificada ás persoas reclamantes, segundo o disposto no artigo 15.6 da Orde do 24 de marzo de 2011. Contra a resolución adoptada pola CiUG, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación ante a propia CiUG. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa do recurso potestativo de reposición ou se produza o acto presunto.

Oitava. Convocatorias

1. Anualmente realizaranse dúas convocatorias da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), unha ordinaria e outra extraordinaria.

2. O alumnado poderá presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación obtida en calquera das probas. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior.

Disposición adicional única. Adscrición para a participación na proba

1. O alumnado realizará a avaliación do bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao na universidade a que estea adscrito. Para os efectos indicados, tomarase como referencia o centro de educación secundaria en que obtivese o título de bacharel ou equivalentes.

2. Os estudantes e as estudantes que obtivesen o título de bacharel ou equivalentes en convocatorias anteriores tamén poderán realizala na universidade á cal estea adscrito o centro de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

3. No suposto de realizar a avaliación do bacharelato para o acceso á universidade en máis dunha universidade na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional, e Innovación Educativa

ANEXO I

Lingua e Literatura Galega II. 2º Bacharelato
Matriz de especificacións

Bloque de contido

Porcentaxe asignada ao bloque

Estándares de aprendizaxe avaliables

Bloque 2.

Comunicación escrita. Ler e escribir.

40 %

LGB2.1.1. Sintetiza as ideas fundamentais do texto en resumos, esquemas e mapas conceptuais.

LGB2.1.2. Interpreta o sentido global e identifica a intención comunicativa do emisor en textos expositivos e argumentativos de distintos ámbitos.

LGB2.1.3. Diferencia as ideas principais e as secundarias e sintetiza o contido de textos expositivos e argumentativos de distintos ámbitos.

LGB2.2.2. Produce textos propios de distintos ámbitos usando o rexistro adecuado, organizando os enunciados en secuencias lineais e ben cohesionadas.

LGB2.3.1. Desenvolve un tema do currículo con rigor, claridade e corrección gramatical.

LGB2.3.2. Adecúa a súa expresión ás condicións da situación comunicativa (tema, destinatario, ámbito discursivo e xénero textual) e emprega os recursos expresivos propios do rexistro formal.

LGB2.3.3. Emprega léxico preciso e evita o uso de coloquialismos ou palabras comodín.

LGB2.6.1. Recoñece, describe e utiliza recursos de cohesión gramaticais e léxico-semánticos.

LGB2.6.2. Describe os tipos de rexistro e analiza as súas manifestacións lingüísticas.

Bloque 3.

Funcionamento da lingua.

20 %

LGB3.1.1. Define e identifica os fonemas vocálicos e consonánticos da lingua galega.

LGB3.2.1. Explica as principais variedades dialectais e valora a diversidade lingüística como parte do noso patrimonio cultural.

LGB3.3.1. Explica os procedementos de formación das palabras.

LGB3.3.2. Recoñece e explica os tipos de morfemas, así como a análise morfolóxica.

LGB3.3.3. Recoñece, analiza e explica a estrutura morfolóxica.

LGB3.4.1. Recoñece as diferentes estruturas sintácticas, explica as relacións que se establecen e emprega a terminoloxía axeitada.

LGB3.5.1. Identifica e explica as relacións e unidades semánticas.

Bloque 4. Lingua e sociedade.

20 %

LGB4.1.1. Recoñece os estereotipos e prexuízos lingüísticos e determina a súa repercusión nos usos.

LGB4.2.1. Describe e interpreta o proceso de construción da variante estándar da lingua galega.

LGB4.2.2. Recoñece as interferencias lingüísticas no galego, con especial atención aos castelanismos e desenvolve un discurso propio libre destes elementos.

LGB4.3.1. Distingue as características lingüísticas fundamentais do galego moderno (desde 1916 ata 1978).

LGB4.3.2. Describe o contexto histórico e cultural do galego moderno (desde 1916 ata 1978), así como a súa situación sociolingüística.

LGB4.3.3. Diferencia e describe as etapas que podemos establecer entre 1916 e 1978 desde o punto de vista sociolingüístico.

LGB4.3.4. Analiza a importancia da etapa 1916-1978 no desenvolvemento posterior da lingua.

LGB4.3.5. Identifica o galego moderno (desde 1916 ata 1978) en documentos non literarios e literarios.

LGB4.4.1. Distingue as características lingüísticas fundamentais do galego moderno (desde 1978 ata a actualidade).

LGB4.4.2. Describe o contexto histórico e cultural do galego moderno desde 1978 ata a actualidade, así como a súa situación sociolingüística.

LGB4.4.3. Analiza a importancia da etapa desde 1978 ata a actualidade no desenvolvemento do galego.

LGB4.4.4. Recoñece o galego como unha lingua en vías de normalización e sinala as súas fortalezas e debilidades.

LGB4.5.1. Elabora unha descrición esquemática en que se detallen as diferentes etapas da historia da lingua galega e as súas principais características.

LGB4.6.1. Analiza e interpreta a evolución da conciencia lingüística na historia da lingua galega.

Bloque 5.

Educación literaria.

20 %

LGB5.1.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega de 1916 a 1936: autores/as de Vangarda e outros/as autores/as.

LGB5.1.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega de 1916 a 1936: autores/as das Irmandades, o Grupo Nós (narrativa e ensaio) e outros/as autores/as.

LGB5.1.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego de 1916 a 1936: autores/as das Irmandades, Vangardas e Grupo Nós.

LGB5.3.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega entre 1936 e 1975: produción bélica e autores/as do exilio, a Xeración de 1936, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.

LGB5.3.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega entre 1936 e 1975: produción bélica e os autores do exilio, os renovadores da prosa (Ánxel Fole, Eduardo Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro e Xosé Neira Vilas) así como a Nova Narrativa Galega e autores/as dos primeiros 70.

LGB5.3.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego entre 1936 e 1975: teatro do exilio, a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.

LGB5.5.1. Identifica, analiza e describe a poesía galega de 1975 ata a actualidade: temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

LGB5.5.2. Identifica, analiza e describe a prosa galega de 1975 ata a actualidade: temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

LGB5.5.3. Identifica, analiza e describe o teatro galego de 1975 ata a actualidade: temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

ANEXO II

Adscrición das materias de opción do bloque de materias troncais de segundo curso de bacharelato da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, ás ramas de coñecemento establecidas no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais de grao.

Materia

Ramas de coñecemento

Artes escénicas

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Bioloxía

Ciencias

Ciencias da Saúde

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura

Cultura audiovisual II

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Debuxo técnico II

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura

Deseño

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura

Economía da Empresa

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura

Física

Ciencias

Ciencias da Saúde

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura

Grego II

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Historia da Arte

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Historia da Filosofía

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Química

Ciencias

Ciencias da Saúde

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura

Xeografía

Artes e Humanidades

Ciencias Sociais e Xurídicas

Xeoloxía

Ciencias

Ciencias da Saúde

Ciencias Sociais e Xurídicas

Enxeñaría e Arquitectura