Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Sábado, 15 de agosto de 2020 Páx. 32573

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, por sucesivos acordos do Consello da Xunta, do 25 de xuño, do 17, do 24 e do 30 de xullo de 2020, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

Logo do acordo do Consello Interterritorial de Saúde adoptado o día 14 de agosto, foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, o mesmo día, como actuacións coordinadas en saúde pública para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, unha serie de medidas e recomendacións dirixidas ao control da transmisión nos eidos que actualmente son a orixe dos abrochos epidémicos de maior impacto e risco e para controlar a transmisión comunitaria. Algunhas delas constitúen medidas de prevención ou recomendacións en sentido estrito con incidencia nas contidas no acordo do Consello da Xunta de Galicia indicado.

Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento, polo que debe procederse á adaptación das medidas autonómicas. Neste sentido, a Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 14 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública para responder ante a situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, indica que «a evolución da situación epidemiolóxica, a diversidade e heteroxeneidade dalgunhas das medidas adoptadas nos diferentes territorios e a necesidade de aliñar os esforzos conxuntos de todas as autoridades sanitarias, aconsellan establecer un mínimo común de medidas que deberán ser adoptadas polas comunidades autónomas no ámbito competencial que lles é propio, utilizando a figura da declaración de actuacións coordinadas en saúde pública prevista no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde». Tamén expresa máis adiante a orde comunicada: «Esta declaración de actuacións coordinadas vén referida a un ámbito material no cal a Administración xeral do Estado ten atribuídas funcións de coordinación xeral da sanidade, de acordo coa orde constitucional de distribución de competencias, e inclúe a todas as comunidades autónomas e cidades autónomas de Ceuta e Melilla para os efectos previstos no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde».

Procede, pois, introducir no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 as modificacións necesarias para adaptar as medidas de prevención previstas nel ao disposto na declaración de actuacións coordinadas en saúde pública indicada. En concreto, introdúcese unha precisión na regulación relativa á obriga xeral de uso de máscara e a súa relación co consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, para, en liña co Acordo no Consello Interterritorial de Saúde, aclarar a aplicación da regulación xa existente en Galicia a calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados; adáptanse as medidas existentes en materia de mantemento da distancia de seguridade interpersoal, agrupacións de persoas e horarios de peche nos establecementos de hostalaría e restauración; prevese o peche dos establecementos de lecer nocturno; prevese a adopción de medidas adicionais para centros sociosanitarios e inclúense dúas recomendacións sanitarias respecto de cautelas que se deben observar nos encontros sociais.

Polo que se refire á medida relativa ao ocio nocturno, a Orde comunicada do Ministerio de Sanidade indica que «os locais de lecer con horario maioritariamente nocturno (bares de copas, discotecas e salas de baile), constitúen actualmente a orixe dos abrochos epidémicos con maior número de casos asociados (media de 31 casos identificados por brote), pero ademais son os abrochos orixe dunha gran parte da transmisión comunitaria actual e de casos en varias comunidades autónomas, debido a que afectan grupos grandes de poboación, dificilmente identificables, con orixes xeográficas moi diversas e que polas grandes dificultades de localización que xeran, impiden a aplicación temperá e eficaz das medidas de control. A pesar das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias autonómicas para restrinxir ou limitar a actividade destes locais de lecer, seguíronse rexistrando brotes asociados a este sector de actividade. Neste sentido, a propia natureza da actividade que se desenvolve no interior destes locais dificulta enormemente a implementación práctica doutras medidas como o distanciamento interpersoal».

En atención ao exposto, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

Un. O ordinal 10º) da letra d) do número 1.3 do anexo queda coa seguinte redacción:

«10º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas.

O anterior será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados».

Dous. A letra e) do número 1.3 do anexo queda modificada como segue:

«e) Recomendacións sobre reunións de grupos de persoas en espazos privados.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene».

Tres. O número 3.11.2 do anexo queda redactado como segue:

«2. O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes, tanto entre os situados na barra como nas mesas ou agrupacións de mesas».

Catro. O número 3.11.4 do anexo queda modificado como segue:

«4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas».

Cinco. Engádese un número 3.11.5 no anexo coa seguinte redacción:

«5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas».

Seis. O número 3.34 do anexo queda redactado como segue:

«3.34. Discotecas e resto de establecementos de lecer nocturno.

Os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno permanecerán pechados.

Entenderanse por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido nestas medidas, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

A medida será de aplicación tanto respecto do interior dos locais como das terrazas destes establecementos».

Sete. Engádese un número 4.6 no anexo coa seguinte redacción:

«4.6. Medidas adicionais en centros sociosanitarios.

A consellería competente en materia de política social, de maneira coordinada coa consellería competente en materia de sanidade, determinará as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros sociosanitarios respecto da realización de probas PCR, réxime de visitas e de saídas, tendo en conta o indicado ao respecto na declaración de actuacións coordinadas en saúde pública para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19 do 14 de agosto de 2020».

Oito. Engádese un número 8 no anexo coa seguinte redacción:

«8. Recomendacións sanitarias.

Recoméndase á cidadanía:

a) restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e

b) limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas».

Segundo. Eficacia

A presente orde producirá efectos desde as 00.00 horas do 17 de agosto de 2020.

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade