Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2021 Páx. 3886

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (código de procedemento PR487A).

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula nos artigos 255 e 256 as asociacións de veciños, determinando especificamente que os concellos galegos favorecerán o desenvolvemento das que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños; que as constituídas con esta finalidade terán a consideración de entidades de participación cidadá; que poderán federarse dentro de cada municipio; que a Xunta de Galicia levará un rexistro xeral en que se inscribirán as existentes na Comunidade Autónoma e que a ela lle corresponde, a través da consellería competente en materia de réxime local, prestarlles a debida asistencia e axuda.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a xestión dos asuntos propios das asociacións, así como as relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local, de conformidade co previsto no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, sen prexuízo das demais competencias que legal e regulamentariamente teña atribuídas.

Pola súa vez, o artigo 22 do dito decreto determina que a Dirección Xeral de Administración Local é o órgano encargado da xestión dos asuntos propios das asociacións así como das relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local e son, en particular, competencias dese centro directivo o fomento do asociacionismo veciñal e o impulso, estudo e control do cumprimento da Lei de Administración local de Galicia, e demais normativa de réxime local, así como o exercicio das competencias que nesa materia lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo regula mediante esta orde, dentro do ámbito das súas competencias, axudas específicas para investimentos destinadas a diversas entidades de participación cidadá de Galicia (organizacións veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas), coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración fixados nesta orde, co fin de establecer unha prelación entre elas.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Por todo isto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada mediante acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 100 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades a que se refire o número 3 deste artigo, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal (código de procedemento PR487A).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 10, co fin de establecer unha prelación entre elas.

Adxudicaráselles a subvención a aquelas entidades que obteñan a máxima puntuación, sen superar, en ningún caso, o importe da dotación orzamentaria fixada no artigo 2 destas bases reguladoras.

3. Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia (en diante, entidades), para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais, coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

4. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), dependentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.

5. As comunidades de usuarios de augas deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.

6. Non se atenderán as solicitudes das entidades non inscritas na data en que remate o prazo de solicitudes.

Artigo 2. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.781.0 (código de proxecto 2016 00375), ata un importe máximo de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

2. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública fíxase como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, de ser o caso.

3. Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, quedan sometidos á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2021 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 3. Destino das subvencións

1. Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

2. Para os efectos desta orde, considéranse subvencionables os seguintes proxectos:

a) Obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade desenvolve a súa actividade.

b) Adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade (mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático e audiovisual) e adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.

c) Obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.

En calquera caso, só serán subvencionables os proxectos operativos, é dicir, aqueles que conteñen os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron solicitados.

3. Non son subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueiros de locais e similares, nin adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria da entidade solicitante no modelo do anexo II, en que faga constar:

– O acordo do órgano competente da entidade solicitante polo cal se aproba participar nesta convocatoria de subvencións e do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

– O número de membros da entidade.

b) Declaración da persoa representante da entidade, asinada electronicamente, incluída no anexo I desta orde, en que faga constar que:

– A entidade solicitante non está incursa en causas de incompatibilidade para percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas que financien o investimento que se vai subvencionar e compromiso de comunicarlle á Dirección Xeral de Administración Local as que obteñan nun futuro.

– A entidade solicitante coñece e acepta as bases reguladoras da subvención.

– A entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles nos cales se vai desenvolver o proxecto subvencionado.

c) Memoria valorada da obra ou equipamento que se vai realizar, que será asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, co seguinte contido mínimo para posibilitar a valoración da solicitude con relación aos criterios establecidos no artigo 10:

– Memoria descritiva das obras ou do equipamento que inclúa a explicación da necesidade do proxecto, os obxectivos que pretenden conseguir coa súa execución e a data de construción do inmoble ou da traída, segundo proceda.

– Planos e/ou fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

– Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación.

No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administracion poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificación de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Certificación de estar ao día nas obrigas fronte á Seguridade Social.

c) Non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Facenda da Comunidade Autónoma.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

f) Inscrición no Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Acumulación de expedientes

1. De acordo co previsto no artigo 57 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando o órgano tramitador aprecie que unha mesma entidade presentou varias solicitudes, acordará a súa acumulación e proseguirá a súa tramitación como un único expediente.

2. Sen prexuízo do anterior, cando o órgano tramitador observe que unha entidade presentou máis dunha solicitude para obras ou para equipamentos, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes da súa elección.

De non se ter recibido comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, acumularanse todas as solicitudes que a entidade presentase e aplicaránselles conxuntamente os importes máximos de subvención establecidos no artigo 2.2.

Artigo 8. Defectos na solicitude e outra documentación

1. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non o faceren así, se considerarán desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que os valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 10 destas bases reguladoras.

2. A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e dela formarán parte os delegados e as delegadas territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

3. Unha vez que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación establecidos no artigo 10, da cal quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, quen resolverá.

4. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de catro meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

6. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

7. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Na valoración das solicitudes presentadas ponderaranse os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

1º. A representatividade da entidade solicitante valorarase ata 15 puntos, con base no número de persoas asociadas acreditado mediante certificación emitida pola persoa secretaria da entidade. Nesta epígrafe poderán establecerse tramos diferentes de valoración para cada tipo de entidade (veciñais, mulleres rurais e comunidades de usuarios).

2º. A tipoloxía do proxecto puntuarase con base nos seguintes criterios específicos, que terán carácter acumulable ata un máximo de 50 puntos:

a) No caso das asociacións veciñais e de mulleres rurais, puntuaranse aspectos específicos relativos á tipoloxía do proxecto para potenciar aquelas actuacións que signifiquen unha maior incidencia sobre o mantemento da actividade da entidade, considerando aspectos como:

– Obras de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: 15 puntos.

– Obras de mellora e reparación da estrutura e da cuberta do edificio e adquisición de mobiliario e equipamento básico: 10 puntos.

– Obras sobre fachadas, instalación ou cambio de ventás, paramentos interiores, pavimentos ou teitos: 10 puntos.

– Obras en instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade ou calefacción: 10 puntos.

– Adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non teña carácter de equipamento básico: 5 puntos.

b) No caso das solicitudes de comunidades de usuarios de auga, puntúanse aspectos específicos que teñen que ver coa tipoloxía do proxecto para priorizar aqueles que implican actuacións sobre as infraestruturas da traída para minimizar as perdas de auga, a mellora da xestión e control da auga ou a optimización da eficiencia e o aforro enerxético. Teranse en conta aspectos como:

– Actuacións sobre a captación, as canalizacións ou os depósitos, destinadas a reducir as perdas de auga: 20 puntos.

– Actuacións destinadas a mellorar a xestión, a medición ou o control de calidade da auga: 15 puntos.

– Implantación e mellora de tecnoloxías e instalacións eléctricas que permitan optimizar a eficiencia e o aforro enerxético na traída de augas: 10 puntos.

– Actuacións sobre os elementos complementarios asociados á infraestrutura da traída (valados, camiños, equipamentos, etc.): 5 puntos.

3º. O interese da actuación valorarase con base na data de construción do inmoble ou da antigüidade da traída, ata un máximo de 8 puntos:

a) Antigüidade do inmoble ou da traída igual ou inferior a 5 anos: 4 puntos.

b) Antigüidade do inmoble ou da traída entre 6 e 15 anos: 6 puntos.

c) Antigüidade do inmoble ou da traída superior a 15 anos: 8 puntos.

4º. Xustificación da necesidade do proxecto e obxectivos que pretenden conseguir coa súa realización: para a valoración desta epígrafe, ata un máximo de 20 puntos, a Comisión terá en conta as necesidades da realización do proxecto con base no contido da memoria explicativa.

5º. A optimización dos recursos dispoñibles valorarase asignándolles maior puntuación a aquelas entidades que non obtiveron subvención en anos anteriores, ata un máximo de 5 puntos:

a) Ás entidades solicitantes de subvención que non obtiveron subvención en convocatorias anteriores desta mesma liña asignaránselles 5 puntos.

b) Ás entidades solicitantes que xa obtiveron subvención nunha convocatoria anterior, dentro desta mesma liña asignaránselles 2 puntos.

c) Aquelas entidades que xa obtiveron subvencións en dúas ou máis convocatorias dentro desta mesma liña obterán 0 puntos.

6º. A calidade da documentación presentada valorarase ata un máximo de 2 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Aquelas solicitudes correctas e completas e sobre as cales non hai que requirir emenda nin achega de documentos complementarios.

b) A claridade expositiva da memoria de actividades.

2. No caso de empate na puntuación final entre dúas ou máis solicitudes, a orde de prelación establecerase con base na data e hora de presentación da solicitude. Naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no artigo 8, se lles requira ás entidades solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Aceptación

1. A persoa representante da entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos e reintegrar as cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre, antes de transcorridos cinco anos do seu remate, unha modificación que afecte a natureza do investimento.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

8. Reintegrar, total ou parcialmente, as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a subvención nos termos establecidos no artigo 15 desta orde.

c) En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que sexa o seu posuidor.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. Poderase realizar o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

Conforme o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.

2. As entidades beneficiarias terán de prazo, para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados, ata o 15 de outubro de 2021. Para tales efectos, deberán achegar:

a) Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa una reportaxe fotográfica, asinada electronicamente polo presidente ou pola presidenta da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta.

b) Conta xustificativa dos gastos no modelo do anexo III, asinada electronicamente, na cal se relacionarán as facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificaranse o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que fundamentou a resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

c) Facturas, conformadas polo presidente ou presidenta da entidade beneficiaria, ou por quen actúe en representación desta, en que se indique o DNI.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto, as facturas non se admitirán a trámite, o que dará lugar á perda da subvención concedida.

d) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para a actuación subvencionada ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, segundo o modelo do anexo III.

Esta declaración deberá vir asinada electronicamente polo presidente ou presidenta da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta.

f) Declaración asinada electronicamente polo presidente ou pola presidenta da entidade, ou por quen actúe en representación desta, de que se cumpriu a finalidade da subvención segundo o modelo do anexo III.

3. O aboamento da subvención efectuarase directamente á entidade beneficiaria na conta bancaria indicada por esta, que deberá ser da súa titularidade.

4. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación, entenderase que a entidade renuncia á subvención, sen prexuízo do establecido nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 8/2009, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante a Dirección Xeral de Administración Local a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o texto «Devolución subvención. PR487A/2021».

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de que a execución do proxecto subvencionado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, o pagamento da subvención realizarase de acordo co custo real do proxecto executado e xustificado, ata o límite do importe concedido.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente deste, e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se lle concedeu a axuda.

Artigo 18. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención, total ou parcial, as seguintes:

a) Non presentar toda a documentación xustificativa no tempo e na forma exixibles ou ser a súa presentación insuficiente ou incompleta.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

c) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (http://cpapx.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11, 881 99 72 58 e 981 54 61 72.

c) No enderezo electrónico: administracionlocal@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e entidades adscritas (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file