Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 65168

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2022 do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021, para actuacións de rehabilitación ou renovación de edificios e vivendas situadas nos ámbitos das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas (código de procedemento VI408H).

BDNS (Identif.): 602749.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. No ámbito da ARI dos Camiños de Santiago poderán ser persoas e entidades beneficiarias das subvencións desta convocatoria:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo.

b) As agrupacións de persoas propietarias, ás cales lles será de aplicación o previsto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.

c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

2. No ámbito da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ademais das recollidas no punto anterior, tamén poderán ser persoas beneficiarias das subvencións nesta convocatoria:

– As persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.

– As persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.

Segundo. Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a financiar, no marco Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021, actuacións de rehabilitación ou renovación de edificios e vivendas situadas nos ámbitos das ARI dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas (código de procedemento VI408H).

2. As actuacións obxecto de financiamento deberán contar coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo IGVS.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 20 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás ARI dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas (DOG núm. 124, do 2 de xullo) (código de procedemento VI408H).

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

As subvencións obxecto desta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.81.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución:

ARI Camiños de Santiago

Proxecto 201800007 FFE

564.317,72 €

Proxecto 20180003 FCA

161.405,47€

ARI Illas Atlánticas

Proxecto 20180007-FFE

24.000,00 €

Proxecto 201800003-FCA

8.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o 1 de febreiro de 2022 e rematará o 30 de setembro de 2022, e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo