DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2023 Páx. 55966

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 22 de setembro de 2023 polo que se somete ao trámite de información pública a solicitude de autorización de verteduras no expediente DH.V15.89848.

Explotaciones Gallegas, S.L., de conformidade co artigo 245 do Regulamento do dominio público hidráulico, solicita autorización para a vertedura dun caudal máximo de 1,44 hm3/ano de augas residuais industriais depuradas ao rego Pucheiras (bacía do río Ulla) e dun caudal máximo de 535,5 m3/ano de augas residuais fecais depuradas por infiltración no terreo (bacía do río Ulla), todas elas procedentes da Concesión de Explotación San Rafael, nº 2.946 (termos municipais de Touro e O Pino) nos actuais termos, polo que non se inclúe o eventual reinicio da extracción de mineral de cobre.

As augas residuais industriais de escorremento potencialmente afectadas xeradas na explotación mineira (procedentes da superficie en uso localizada na zona do depósito de estériles da antiga mina, da zona de instalacións e das cortas de Arinteiro e Vieiro) acumúlanse na corta de Vieiro, que tamén recibe o bombeo das surxencias procedentes do interior do antigo depósito de estériles, as augas residuais industriais procedentes de dous lavadoiros de vehículos (pretratadas nun separador de hidrocarburos) e as augas residuais industriais xeradas no proceso de lavado de areas (proceso que se abastece por bombeo da propia corta de Vieiro), así como as augas residuais industriais pretratadas procedentes das instalacións de Tecnología y Reciclaje de Materiales, S.L. (Tyrma), orixinadas no lavado de plásticos (proceso que tamén se abastece por bombeo da corta de Vieiro).

Co obxecto de manter o seu nivel á cota 303 m, as augas residuais industriais almacenadas na corta de Vieiro son bombeadas cara a unha planta de tratamento de augas de tipo fisicoquímico en dúas fases, deseñada para un caudal de 250 m3/h e constituída polos seguintes elementos:

Fase 1:

• Tanque de aireación e neutralización (TK01) de 7,55 m de diámetro e 7,52 de altura total, cun volume útil de 314,3 m3, dotado de aireación e dosificación de coada de cal, que recibe as augas residuais brutas, así como os lodos recirculados desde o decantador lamelar, e no cal se realiza o axuste de pH e a insolubilización de hidróxidos metálicos.

• Tanque de floculación (TK02) de 4,5 × 3,5 × 2,865 m3, cun volume útil de 42,5 m3, dotado de axitación e dosificación de floculante.

• Tanque de decantación (TK03) de 10 × 3,946 × 3,352 m3, cunha superficie de 392 m2 e un volume de 113,98 m3, equipado cun paquete lamelar de 1 m de altura e 60º de inclinación, e dotado de axitación. Os lodos xerados no tanque de decantación (TK03) son recirculados ao tanque de aireación e neutralización (TK01) ou purgados para o seu envío a xestor.

• Tanque de neutralización (TK04) de 4,71 m de diámetro e 3,35 m de altura total, cun volume útil de 49,7 m3, dotado de axitación, no cal se realiza o axuste final de pH mediante dosificación de ácido sulfúrico.

• Tanque de auga tratada (TK05) de 11,32 m de diámetro e 2,51 m de altura total, cun volume útil de 241,6 m3, que recibe o efluente do tanque de neutralización TK04 para o seu bombeo á fase 2.

Fase 2:

• Sistema de 3 columnas de adsorción con recheo de ceolita con funcionamento continuo, de xeito que mentres dúas columnas están traballando, a restante está rexenerando. A ceolita rexenérase nun proceso en catro fases (esponxamento e contralavado, asentamento do leito de ceolita, introdución de salmoira e rexeneración, e desprazamento da salmoira). Posteriormente, procédese á precipitación e separación como estruvita do amonio presente na salmoira de rexeneración.

As augas residuais industriais depuradas procedentes da fase 2 vértense ao rego Pucheiras (bacía do río Ulla) por gravidade mediante condución de PEAD de 250 mm de diámetro e uns 360 m de lonxitude no punto de coordenadas UTM (ETRS89): X=554.994; Y=4.748.176, localizado no concello de Touro.

As augas residuais fecais xeradas nas oficinas (225 m3/ano), nos vestiarios (243 m3/ano) e no almacén de mostras (67,5 m3/ano) son tratadas nos seus respectivos sistemas de depuración constituídos por arqueta de desbastamento manual de 20 mm de luz de paso, depósito de homoxeneización e regulación de caudal e reactor biolóxico con funcionamento secuencial descontinuo (SBR) dotado de aireación, coas seguintes características:

• Oficinas: depósito de homoxeneización de 2,83 m3 e reactor SBR deseñado para dez (10) habitantes equivalentes, de 2,1 m de diámetro e 2,050 m de altura total.

• Vestiarios: depósito de homoxeneización de 2,83 m3 e reactor SBR deseñado para dez (10) habitantes equivalentes, de 2,1 m de diámetro e 2,050 m de altura total.

• Almacén de mostras: depósito de homoxeneización de 1,57 m3 e reactor SBR deseñado para cinco (5) habitantes equivalentes, de 1,74 m de diámetro e 1,59 m de altura total.

As augas residuais fecais depuradas vértense por infiltración no terreo (bacía do río Ulla) mediante cadanseu sistema de gabias filtrantes. As características dos sistemas de infiltración e os puntos de vertedura das augas residuais fecais depuradas, todos eles situados no concello do Pino, reflíctense a continuación:

• Oficinas: sete gabias filtrantes de 16 m de lonxitude unitaria cunha superficie total de infiltración de 274,6 m2 e vertedura no punto de coordenadas UTM (ETRS89): X=556.001; Y=4.747.991.

• Vestiarios: sete gabias filtrantes de 17 m de lonxitude unitaria cunha superficie total de infiltración de 290,7 m2 e vertedura no punto de coordenadas UTM (ETRS89): X=555.852; Y=4.748.013.

• Almacén de mostras: dúas gabias filtrantes de 17 m de lonxitude unitaria cunha superficie total de infiltración de 70,2 m2 e vertedura no punto de coordenadas UTM (ETRS89): X=555.842; Y=4.747.737.

O que se fai público para xeral coñecemento por un prazo de trinta (30) días, contados a partir do día seguinte ao da data da publicación no Diario Oficial de Galicia deste anuncio, co fin de que os interesados poidan presentar as súas reclamacións, durante o prazo sinalado, ante Augas de Galicia, en cuxo portal da internet (https://augasdegalicia.xunta.gal/) se encontra exposto o proxecto para que poida ser examinado por quen o desexe.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023

Leticia Valladares López
Xefa da Área de Verteduras