Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7-Bis Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1757

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Esta declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.

Conforme o artigo 2 dese real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen exerza a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 ao 11 do real decreto, sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún, nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o día 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no devandito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.

En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse, na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no devandito real decreto e no real decreto de prórroga.

Non obstante, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o seu artigo 12, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto.

Polo tanto, durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, as medidas que sexa necesario adoptar para facer fronte, na Comunidade Autónoma, á crise sanitaria serán as que poida acordar, ao abeiro da normativa do estado de alarma, o presidente da Comunidade Autónoma, como autoridade competente delegada, e as complementarias que poidan adoptar, no exercicio das súas competencias propias, as autoridades sanitarias autonómicas e, entre elas, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, ao abeiro do disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 citado.

II

Sentado o anterior, no contexto normativo derivado do estado de alarma vixente e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Tales medidas consistiron no establecemento de limitacións de entrada e saída de persoas de determinados ámbitos territoriais e en limitacións da permanencia de persoas en espazos de uso público e de uso privado, e en lugares de culto. Conforme o punto quinto do decreto, a eficacia destas medidas estendíase ata as 15.00 horas do día 4 de decembro de 2020, sen prexuízo de que debían ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. Ademais, esas medidas debían ser complementadas, como indica o propio decreto, con outras que procede que adopte a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade no exercicio das súas competencias propias como autoridade sanitaria autonómica. Estas medidas complementarias establecéronse mediante a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificada en diversas ocasións.

III

A situación da evolución epidemiolóxica xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa duración inicial das medidas que se viñan aplicando, facía necesario acometer unha revisión delas, tanto das previstas con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia como das particulares aplicables en ámbitos territoriais concretos. Por outra banda, valorouse tamén a incidencia acumulada que a aplicación das medidas viña supoñendo para sectores concretos da actividade económica e o impacto que estaban a ter na realidade socioeconómica de Galicia.

En concreto, en vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 3 de decembro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia exixía a adopción das medidas que se estableceron na Orde do 3 de decembro de 2020, baseadas na distinción de diversos niveis de restrición, consistentes nun nivel básico, aplicable con carácter xeral en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e duns niveis medio, medio-alto e de máximas restricións, aplicables de forma progresiva e graduada naqueles concellos cunha situación epidemiolóxica máis desfavorable.

Tamén se tiveron en conta a regulación e as limitacións en canto aos grupos de persoas que recolle o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, de tal xeito que na orde se realizou unha revisión das medidas vixentes en canto aos grupos de persoas nas distintas actividades previstas nas medidas de prevención.

Coa finalidade de garantir a adecuación das medidas recollidas na Orde do 3 de decembro de 2020 á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, estas son obxecto dun continuo seguimento e avaliación, que se plasma nas sucesivas modificacións operadas na devandita orde desde a súa entrada en vigor ata o día de hoxe.

Así, mediante a Orde do 4 de decembro de 2020 modificouse a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se fixo constar a evolución favorable da situación dos concellos de Oleiros, Burela, Fene, Neda, Lalín e Oroso, que permitiu a aplicación neles das medidas previstas no anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, así como a evolución negativa do concello de Boiro, onde se pasou a aplicar o máximo nivel de restricións.

A continuación, mediante a Orde do 11 de decembro de 2020 levouse a cabo unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, con base na cal pasaron ao nivel básico de restricións os concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia. Tamén mellorou a situación nos concellos de Pontevedra, O Porriño, Narón e Ferrol, que pasaron a un nivel de restricións medio-alto, e de Lugo, que pasou ao nivel medio. Por outro lado, empeorou a situación nos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas, Tomiño e O Rosal, A Guarda, Sarreaus e A Rúa, nos cales se adoptaron medidas de nivel de restricións medio-alto.

Pola súa banda, na Orde do 16 de decembro de 2020 acométese outra modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Nesta orde reflíctese a melloría da situación epidemiolóxica dos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasaron a un nivel básico de restricións. Pola contra, o empeoramento da situación epidemiolóxica fixo necesario elevar o nivel de restricións doutros concellos: Santiago de Compostela pasou ao nivel medio de restricións, mentres que Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa de Arousa e Fisterra pasaron ao nivel medio-alto e adoptáronse medidas de máxima restrición en Ribeira, Bueu e Baiona.

Posteriormente, mediante a Orde do 22 de decembro de 2020 volveuse modificar a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde recolleu a melloría da situación dos concellos de Meis, Ribadumia, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas, que pasaron ao nivel básico; de Moaña, que se atopaba no nivel de máximas restricións e pasou ao nivel medio de restricións, e de Vilalba, Tui e Ponteareas, nos cales se reduciron as restricións aplicables ao pasar do nivel máximo ao nivel medio-alto. Tamén recolleu o empeoramento da situación do concello de Rianxo, que ata este momento se encontraba no nivel básico de restricións e pasou ao máximo nivel de restricións.

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2020 realizouse unha nova modificación da citada Orde do 3 de decembro de 2020. Así, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de decembro de 2020, constatouse a evolución da situación epidemiolóxica positiva en diferentes concellos como Ponteareas, Rodeiro e Lugo, que pasaron ao nivel básico de restricións, e Redondela, que ata ese momento se atopaba no nivel de máxima restrición e que pasou ao nivel medio-alto.

Distinta foi a situación dos concellos de Barro, Xinzo de Limia, Muros, A Pobra do Caramiñal, Carral, Xove, Porto do Son, Outes, Noia e Lousame, nos cales se observou un empeoramento da evolución epidemiolóxica que fixo necesaria a adopción das medidas máis restritivas correspondentes ao nivel medio-alto. Pola súa parte, os concellos de Viveiro, Verín, Cualedro, Castrelo do Val e Monterrei, da comarca de Verín, pasaron ao nivel de máximas restricións.

Por outro lado, flexibilizáronse as restricións aplicables á hostalaría nos niveis de restrición medio-alto e de máximas restricións e ampliouse o horario de apertura das 17.00 horas ás 18.00 horas, para o cal se modificaron os anexos III e IV da Orde do 3 de decembro de 2020.

Así mesmo, adoptáronse medidas especiais para a hostalaría os días 31 de decembro de 2020 e 1 de xaneiro de 2021. Así, o día 31 de decembro de 2020, nos ámbitos territoriais en que se aplicaran as medidas previstas nos anexos I (nivel básico) e II (nivel medio) da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, os clientes dos establecementos de hostalaría e restauración debían abandonar os citados establecementos antes das 23.00 horas. A mesma medida sería aplicable nos establecementos e locais de xogo e apostas nos ámbitos territoriais en que se aplicaran as medidas previstas nos anexos I (nivel básico), II (nivel medio) e III (nivel medio-alto) da Orde do 3 de decembro de 2020. Por outra banda, o día 1 de xaneiro os establecementos de hostalaría e restauración non puideron abrir antes das 11.00 horas.

Mediante a Orde do 4 de xaneiro de 2021 modificouse a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xaneiro de 2021, a mellora da evolución epidemiolóxica nos concellos de Carnota e das Pontes de García Rodríguez determinou que estes concellos pasasen do nivel de restricións medio-alto e máximo, respectivamente, ao nivel básico. Tamén se observou unha evolución positiva no concello de Narón, ao cal pasaron a aplicárselle as medidas restritivas propias do nivel medio.

Por Orde do 8 de xaneiro de 2021 modificouse novamente a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 8 de xaneiro de 2021, tendo en conta o valor das taxas acumuladas a 14 días, nos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo, propúxose que estes concellos pasasen ao nivel de máximas restricións previstas no anexo IV da Orde do 3 de decembro de 2020, na súa redacción vixente.

Por outra banda, atendida a situación epidemiolóxica nos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Arteixo, procedía que os citados concellos pasasen ao nivel de restricións medio-alto previsto no anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020, na súa redacción vixente.

Polos mesmos motivos, e atendendo á situación epidemiolóxica nos concellos de Ourense e Barbadás, os citados concellos pasaron ao nivel de restricións medio-alto previsto no anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020, na súa redacción vixente.

IV

A evolución epidemiolóxica e sanitaria de diversos concellos fai necesaria, neste momento, unha nova modificación da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido de acordo cos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, obsérvase que as taxas de incidencia acumuladas a 3, 7 e 14 días están, para o conxunto de Galicia, en niveis moi elevados, obténdose valores de 81,9, 192,4 e 306,3 casos por cen mil habitantes respectivamente. A media de casos acumulados a 7 días para os últimos 28 días amosa unha clara tendencia ascendente.

Por áreas sanitarias, as taxas a 14 días acadan valores superiores aos 250 casos por cen mil habitantes en todas elas, agás Lugo e Pontevedra, que, aínda así, amosan tamén valores altos ao acadar taxas por riba dos 230 casos por cen mil habitantes.

Por outro lado, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo, mostra unha tendencia ascendente, e acada un valor próximo a 1,4 para o global de Galicia e se mantén por riba do valor 1 en todas as áreas sanitarias, o que indica que continúa a haber transmisión.

O número de ingresos en camas de hospitalización e tamén en camas de coidados críticos está tamén a aumentar e prevese que siga esta mesma tendencia nos próximos días e semanas, sometendo ao sistema asistencial a un aumento de presión que terá repercusións evidentes sobre a saúde da poboación, especialmente dos máis vulnerables.

Por conseguinte, recoméndase adoptar as medidas correspondentes ao nivel máximo de restricións nos concellos de máis de 10.000 habitantes que teñen xa unha incidencia acumulada a 14 días superior a 250 casos por cen mil habitantes, ou que evolucionan de xeito acelerado cara ese nivel. Estes concellos son: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón e Fene, Vilalba e Viveiro, Ourense, Barbadás, Verín, O Carballiño, A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía e Vilanova.

Así mesmo, no relativo aos concellos de menos de 10.000 habitantes, cunha incidencia a 14 días superior a 250 casos por cen mil habitantes, nos que a evolución da súa incidencia acumulada, o número de casos activos e as características específicas dos seus brotes, considérase necesario elevar as súas restricións ata o nivel máximo de restricións.

Estes concellos son: Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra, Xove, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Cuntis, Oia, O Rosal e Salvaterra de Miño.

Por outra banda, engádense algunhas medidas coa finalidade mellorar o control e intensificar as restricións na interacción social da poboación.

Entre tales medidas atópanse as destinadas aos centros e parques comerciais que deberán de dispoñer de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer en todo momento o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control do aforo máximo permitido nas citadas instalacións, limitacións da apertura dos establecementos e locais comerciais ata as 21.30h, limitación de aforo ao 30% respecto dos centros ou parques comerciais ou que formen parte deles ou medidas orientadas no trasporte para procurar aumentar a ventilación dos vehículos.

Tendo en conta o indicado nos devanditos informes, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, procede, en consecuencia, modificar a Orde do 3 de decembro de 2020.

Cómpre salientar tamén que, coa finalidade de acadar unha maior claridade e seguridade xurídica, se opta por recoller nesta orde a relación completa dos concellos aos cales lles son de aplicación en cada caso as medidas específicas de prevención que se corresponden cos niveis de restrición sen que, polo tanto, se identifiquen unicamente os concellos concretos cuxas medidas específicas de prevención cambian porque pasan a quedar sometidos a maiores ou menores restricións que as que se lles viñan aplicando ata este momento.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do número 3 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 3 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«3. Así mesmo, serán de aplicación, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as medidas de prevención específicas recollidas no anexo III, e no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo I.».

Segundo. Déixase sen contido o número 4 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta que toda a Comunidade Autónoma de Galicia queda sometida ás medidas de prevención específicas recollidas no Anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020

Terceiro. Déixase sen contido o número 5 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta que toda a Comunidade Autónoma de Galicia queda sometida ás medidas de prevención específicas recollidas no Anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020

Cuarto. Modificación do número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

O número 6 do punto segundo da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«6. Serán de aplicación as medidas máis restritivas do anexo IV e, no que sexan compatibles con elas, as previstas no anexo III no ámbito territorial dos concellos que se relacionan a seguir. Así mesmo, no que sexa compatible cos dous anexos citados, serán de aplicación as medidas recollidas no anexo I:

6.1. Da provincia da Coruña:

a) A Coruña.

b) Ames.

c) A Pobra do Caramiñal.

d) Arteixo.

e) Boiro.

f) Cabanas.

g) Camariñas.

h) Cambre.

i) Carballo.

j) Cee.

k) Cerceda.

l) Culleredo.

m) Fene.

n) Ferrol.

ñ) Laxe.

o) Melide.

p) Narón.

q) Noia.

r) Oleiros.

s) Oroso.

t) Ortigueira.

u) Outes.

v) Pontedeume.

w) Porto do Son.

x) Rianxo.

y) Ribeira.

z) Santiago de Compostela.

aa) Trazo.

ab) Val do Dubra.

ac) Vimianzo.

6.2. Da provincia de Lugo:

a) Vilalba.

b) Viveiro.

c) Xove.

6.3. Da provincia de Ourense:

a) Allariz.

b) Barbadás.

c) Monterrei.

d) O Carballiño.

e) Ourense.

f) Verín.

g) Xinzo de Limia.

6.4. Da provincia de Pontevedra:

a) A Estrada.

b) A Guarda.

c) A Illa de Arousa.

d) Baiona.

e) Bueu.

f) Caldas de Reis.

g) Cuntis.

h) Moaña.

i) Oia

j) O Rosal.

k) Poio.

l) Ponteareas.

m) Pontecesures.

n) Redondela.

ñ) Salvaterra do Miño.

o) Tomiño.

p) Tui.

q) Valga.

r) Vilagarcía de Arousa.

s) Vilanova de Arousa.

Quinto. Engádese un novo punto 5 na epígrafe 3.4 no Anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese un novo punto 5 no apartado 3.4 no Anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte contido:

«5. Os centros e parques comerciais, así como os establecementos que teñan a consideración de grandes superficies, deberán de dispoñer de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control do aforo máximo permitido nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das quen teñan atribuída a súa xestión.».

Sexto. Modificación do punto 3.23 do Anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Engádense as alíneas c) e d) no parágrafo 2 do punto 3.23 do Anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando redactado como segue:

«3.23. Transportes.

(......)

2. Como medidas adicionais aplicables aos modos de transporte previstos no número 1, establécense as seguintes:

(...)

c) As empresas concesionarias procurarán a máxima ventilación do vehículo, sen recirculación do aire, mantendo as fiestras abertas sempre que non se produzan correntes de aire.

Para tal efecto, os vehículos que realicen varias viaxes en diferentes quendas horarias deberán proceder á ventilación deste antes de cada quenda e, sempre que sexa posible, á súa limpeza e desinfección. En todo caso, realizarase, como mínimo, unha limpeza diaria, empregando produtos e procedementos previstos no Plan de limpeza e desinfección.

d) Tanto as empresas concesionarias coma as persoas usuarias observarán, en todo momento, as medidas de protección, e o uso da máscara, e as demais medidas de prevención, evitando condutas como levantarse, interactuar, berrar, compartir obxectos, tocar superficies comúns, ou outras condutas que poidan xerar risco de contaxio ou transmisión.».

Sétimo. Engádese un punto 3.24 no Anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese un punto 3.24 no anexo I da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte contido:

«3.24. Centros, servizos e establecementos sanitarios:

1. Os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, uso de máscaras en sitios pechados de uso público, capacidade, hixiene de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.

2. Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, accesos, zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. Para tal efecto, só se permitirá a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a.

3. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións.

4. Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control do COVID-19.».

Oitavo. Engádese un punto 13 no anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese un punto 13 no Anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte contido:

«13. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais deberán pechar ao público ás 21:30 horas, salvo que teñan fixado de acordo coa normativa vixente un horario inferior.».

Noveno. Engádese un punto 14 no Anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese un punto 14 no Anexo III da Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte contido:

«14. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais non poderán superar o trinta por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Para estes efectos, entenderase por centros e parques comerciais, os establecementos comerciais de carácter colectivo definidos no número 2 do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns excepto para o tránsito entre os establecementos, salvo na actividade de hostalaría e restauración que se leve a cabo nas ditas zonas, a cal se deberá axustar ao previsto especificamente para estas actividades.

A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 30 %. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas, como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.

3. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais deberán pechar ao público ás 21:30 horas, salvo que teñan fixado de acordo coa normativa vixente un horario inferior.» .

Décimo. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xaneiro de 2021.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade