CONSELLERÍA DE FACENDA
Saúdo do conselleiro

Mensaxe de benvida do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez

Valeriano Martínez García, conselleiro de Facenda
Valeriano Martínez García, conselleiro de Facenda

Como responsable do departamento de Facenda da Xunta de Galicia doulles a benvida ao espazo web da Consellería.

Galicia afronta o reto de darlle pulo á recuperación da nosa economía. Vimos de atravesar unha crise sen precedentes nos máis de 30 anos de Autonomía, que puxo en risco o estado de benestar e mesmo o noso autogoberno. As políticas desenvolvidas pola Xunta nestes últimos anos permitiron salvagardar estes dous piares. E agora, grazas ao esforzo de toda a cidadanía, iniciamos unha nova etapa na que aspiramos a acadar un modelo de crecemento san que beneficie ao conxunto dos galegos, incluídas as vindeiras xeracións.

Desde a Consellería de Facenda traballamos para que Galicia continúe sendo unha comunidade solvente, crible, rigorosa e moderna. Por iso seguiremos cumprindo cos principios de estabilidade orzamentaria, porque entendemos que é a mellor vía para acadar unhas bases de crecemento sólidas, controlando as nosas contas do mesmo xeito que fai calquera familia galega.

Entre as nosas liñas de traballo tamén seguirá estando a blindaxe do gasto social, unha prioridade innegociable nun territorio coma o galego, no que o avellentamento e a dispersión xeográfica son feitos diferenciais. E tamén mantemos como obxectivos seguir impulsando os investimentos produtivos, pagar aos nosos provedores coa maior axilidade posible e reforzar a loita contra a fraude fiscal. Nestes eidos Galicia xa ten demostrado que é unha comunidade de referencia en toda España.

Todas as prioridades de actuación da Xunta a medio e longo prazo van quedar fixadas no novo Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Este plan será froito do traballo conxunto coa sociedade civil galega, e irá ademais en liña cos eixos prioritarios do novo marco comunitario.

En definitiva, temos por diante o reto de aproveitar esta nova etapa de crecemento para mellorar o benestar de todos os galegos e loitar contra as desigualdades sociais. Queremos unha Galicia máis competitiva, máis próspera, con máis emprego e máis igualdade de oportunidades. E cunha Administración moderna e eficiente ao servizo dos cidadáns. En definitiva, unha Comunidade atractiva para investir, traballar e convivir.

Co convencemento de que temos unha gran oportunidade que está nas nosas mans, trasládolles o meu saúdo máis cordial.

Valeriano Martínez
Conselleiro de Facenda