Protocolo polo que se establece a reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19
08/05/20

A aparición e evolución pandémica do coronavirus COVID – 19 exixiu a adopción de medidas preventivas para protexer a saúde do persoal empregado público.

Coa citada premisa, a Xunta de Galicia vén adoptando diversos protocolos e disposicións referidas á actividade e funcionamento da Administración, co fin de evitar a propagación do virus e dotar ao persoal da máxima protección posible.

Avanzando no proceso preventivo descrito e programando axeitadamente os seguintes pasos a seguir na Administración da Xunta de Galicia, resulta necesario neste momento establecer un protocolo para marcar a reincorporación gradual do persoal empregado público ao traballo presencial, establecendo ao efecto todas as medidas preventivas necesarias para evitar ou minimizar o risco de contaxio.

Para iso, o Consello da Xunta aprobou no día de hoxe este “Protocolo polo que se establece a reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19”.

Este protocolo foi ratificado polas organizacións sindicais integrantes da Mesa Xeral de Empregados Públicos (CIG, CC.OO., CSIF e UGT).

O procedemento aprobado non prevé un retorno automático senón gradual e progresivo. Para estes efectos, nas vindeiras datas as distintas unidades contactarán con cada un de vostedes para facilitar información en relación a esta reincorporación. Cómpre, polo tanto, que todo o persoal continúe estando localizable en horario de oficina para que o deseño da volta ás dependencias administrativas se poida realizar de maneira áxil e segura.

Por outra banda, e co fin de clarexar as diversas consultas que se están a recibir, convén aclarar que este protocolo non é de aplicación ao persoal dos centros docentes dependentes da Consellería de Educación, que estará suxeito ás instrucións específicas que se diten por este departamento.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020.
O director xeral da Función Pública.