OFICINA DE INCOMPATIBILIDADES E BOAS PRÁCTICAS

Compatibilidade para membros do goberno e altos cargos

O réxime de incompatibilidades establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, é de aplicación á totalidade dos altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do sector público autonómico, consideración que terán os seguintes cargos públicos:

  1. Os membros do Consello da Xunta de Galicia.
  2. As delegadas e os delegados territoriais, as secretarias e os secretarios xerais, as secretarias e os secretarios xerais técnicos, as directoras e os directores xerais e os cargos asimilados da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. Os presidentes e as presidentas, os directores e as directoras xerais e asimilados dos entes instrumentais do sector público autonómico previstos no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, agás das fundacións do sector público autonómico, sempre que teñan a condición de máximos responsables e cun nomeamento que sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.
  4. O persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de xefatura de gabinete ou xefatura de prensa dos gabinetes da persoa titular da Presidencia da Xunta e dos demais membros do Consello da Xunta de Galicia.
  5. As persoas titulares de calquera outro posto de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entes instrumentais do sector público autonómico, calquera que sexa a súa denominación, cuxo nomeamento se efectúe por decreto do Con­sello da Xunta de Galicia.
  6. O presidente ou a presidenta do Consello Económico e Social.

O desenvolvemento das funcións de goberno e administración da Comunidade Autónoma de Galicia exercerase baixo o principio de incompatibilidade de actividades e dedicación exclusiva.

Unha vez nomeado o cargo público e con carácter previo á toma de posesión, deberá subscribir unha declaración na que se faga constar que coñece o contido do réxime de incompatibilidades establecido na Lei 1/2016, e que non incorre en ningunha incompatibilidade.

Deberán formular: declaración de actividades, declaración de bens patrimoniais e declaración comprensiva da situación patrimonial para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos correspondentes modelos, dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión e cese no alto cargo.

Así mesmo, anualmente, durante o mes de xullo de cada ano, os altos cargos deberán presentar ante o rexistro de Bens Patrimoniais copia das últimas declaracións tributarias do imposto sobre a renda das persoas físicas e do Imposto sobre o patrimonio, esta última no caso de que o declarante teña a obriga de presentala ante a Administración Tributaria.

O contido das declaracións de actividades inscritas no Rexistro estará dispoñible no Portal de transparencia e Goberno aberto.

O Rexistro de Actividades de Altos Cargos ten carácter público rexéndose polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e nas correspondentes normas de desenvolvemento das devanditas leis.

O Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos será público nos termos que se indican na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. O contido das declaracións comprensivas da situación patrimonial estará dispoñible no Portal de transparencia e Goberno aberto e publicarase no Diario Oficial de Galicia, referido aos momentos do nomeamento e do cesamento das persoas que ocupen altos cargos.

Todos os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como todas as entidades do sector público autonómico deberán informar a Oficina de Incompatibili­dades e Boas Prácticas dos nomeamentos dos altos cargos comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 1/2016, no prazo de sete días contados desde o nomeamento. Así mesmo, terán a obriga de colaborar coa Oficina na obtención de calquera información que esta lles requira para os efectos de detectar calquera vulneración do réxime de incompatibilidades previsto na referida lei.

As entidades públicas ou privadas con representación do sector público nos seus ór­ganos de administración ou de goberno, comunicarán á Oficina as designacións de persoas que teñan a condición de alto cargo.

Documentos relacionados