Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Preguntas máis frecuentes


01. Que normativa regula o nomeamento do persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral?

O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios/as e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia está regulado polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo), modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), o Decreto 124/2016, do 8 de setembro (DOG núm. 178, do 19 de setembro), e o Decreto 60/2019, do 23 de maio (DOG núm 108, do 10 de xuño).

02. Como se pode realizar a inscrición nas listas de contratación?

Deberá presentar debidamente cuberta e asinada a solicitude de inscrición xunto co resto da documentación que acredite, de ser o caso, o pagamento das taxas e o cumprimento dos requisitos propios do corpo, escala, especialidade ou categoría na que desexa inscribirse.

As persoas interesadas deberán facer constar o ámbito, ata un máximo de tres (a partir do 1 de xaneiro de 2020 ata un máximo de oito), no que desexan prestar os seus servizos para cada corpo, escala, especialidade ou categoría en que soliciten inscribirse.

Premendo sobre esta ligazón pode obter máis información sobre os requisitos a cumprir e o procedemento de inclusión en listas.

03. Cando é posible inscribirse nas listas de contratación?

Con carácter xeral o prazo de inscrición, naquelas listas que se atopen en xestión, estará aberto entre os días 1 de marzo e 15 de xullo de cada ano; a partir do ano 2020, desde o 1 de marzo ata o 30 de abril.

04. En que listas podo inscribirme?

Dentro do prazo anteriormente indicado pode inscribirse en calquera lista das que figuren abertas no momento da apertura do período de inscrición. Pode consultar a relación de listas abertas premendo sobre esta ligazón.

Terán a consideración de listas pechadas aquelas que a Administración considere que se atopan saturadas porque non se produzan contratacións ou nomeamentos ou ben porque haxa un excesivo número de persoas inscritas. A Administración poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes, coa excepción dos/as interesados/as que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a ese corpo, escala, especialidade ou categoría.

05. Como se pode xerar unha solicitude de inclusión en listas?

A xeración da solicitude de inclusión está dispoñible nesta páxina do portal web da Xunta de Galicia.

Para un correcto funcionamento da aplicación deberá configurar o seu dispositivo de acordo cos criterios que se describen neste apartado.

06. Cal é o procedemento que se segue para a provisión temporal de postos de traballo?

A provisión temporal de postos de traballo efectuarase a través dun sistema de lista aberta na que a orde de prelación para cada ámbito de cada corpo, escala, especialidade ou categoría virá determinada pola puntuación obtida trala aplicación do baremo previsto no Decreto 37/2006.
 

07. Que é un ámbito?

Un ámbito representa o espazo territorial para o que unha persoa solicita ser chamada para a provisión temporal dun posto de traballo.

A delimitación territorial dos diferentes ámbitos é propia para cada lista e virá definida na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes. Os ámbitos, en función do que se determine para cada lista, poderán ser autonómico, servizos centrais, servizos provinciais ou agrupación de municipios.

08. Onde pode consultarse o estado das listas?

O estado das listas pode consultarse en Internet e nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán.

09. Pódese solicitar unha suspensión de chamamentos?

As persoas integrantes das listas que NON se encontren prestando servizos a través das listas elaboradas en aplicación deste decreto poden solicitar electronicamente a suspensión de chamamentos, a cal terá efectos a partir do día seguinte ao da súa presentación e se manterá en tanto a persoa interesada non presente a solicitude de reincorporación.

A solicitude de reincorporación producirá efectos transcorridos dez días dende a súa presentación.

Premendo nesta ligazón pódese acceder directamente á páxina de xeración da solicitude de suspensión indefinida e/ou reanudación de chamamentos.

10. Que se entende por días hábiles?

Sempre que por lei ou no Dereito da Unión Europea non se exprese outro cómputo, cando os prazos se sinalen por días enténdese que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados, os domingos e os declarados como festivos. Por exemplo: unha solicitude de suspensión de chamamentos presentada electronicamente en domingo, terá data de rexistro do luns e data de efectos da suspensión do martes.

11. Necesítase dispor de teléfono móbil para solicitar unha suspensión?

Si, as persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo para poder presentar as solicitudes de suspensión e/ou de reanudación de chamamentos.

Desde a entrada en vigor do Decreto 60/2019 as persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo no prazo de tres meses desde o 11 de xuño de 2019.

12. Cando pode ser oportuno solicitar a suspensión?

A suspensión resulta de especial interese cando as persoas inscritas nas listas non poidan atender ou asistir a un chamamento para a provisión dun posto de traballo, como por exemplo nunha situación de baixa médica, e evitar así unha posible penalización causada polo feito de ser convocadas para facer efectiva unha contratación e non presentarse a esta.

Calquera citación xerada antes de ser efectiva a suspensión deberá ser atendida pola persoa interesada, xa que, en caso contrario, quedará excluída da lista.

13. Existen posibles penalizacións para as persoas integrantes das listas?

Si que existen. Con carácter xeral as persoas integrantes dunha lista que non se presentasen a un acto de selección para o que fosen convocadas, non aceptasen o posto ofertado ou renunciasen posteriormente a el, quedarán excluídas dos chamamentos durante un ano a contar dende a data do feito causante da exclusión.

15. Cal é a función da Comisión Permanente?

A Comisión Permanente é o órgano colexiado encargado da elaboración e do control do funcionamento das listas. Son funcións propias da Comisión resolver as cuestións derivadas da interpretación do decreto, adoptar cantos acordos e decisións esixa o funcionamento das listas e resolver as solicitudes e reclamacións presentadas en relación co funcionamento e a xestión das listas.

16. Pódese renunciar a un posto de traballo que se está desempeñando?

Con carácter xeral a renuncia á continuidade no desempeño dun posto de traballo implica a exclusión da lista por un ano. Exceptúase deste criterio a renuncia a un posto de traballo reservado a persoal laboral con xornada igual ou inferior ao 70% da xornada ordinaria ou dun posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos seis meses dende a data de inicio da prestación de servizos que figura no contrato e previo preaviso da persoa traballadora con quince días hábiles de antelación á data de efectos da renuncia.

Tamén supón unha excepción ao criterio xeral a renuncia a un posto de traballo por desempeñar outro vacante nos supostos previstos no decreto.

17. Existen causas de forza maior que xustifiquen non acudir a un chamamento ou non aceptar un posto?

Si, existen diversas causas de forza maior apreciadas pola Comisión Permanente que xustifican non presentarse a unha selección para a provisión dun posto de traballo con carácter temporal ou non aceptar o posto que se ofreza. Estas causas, así como os medios para acreditalas e os seus efectos, están publicadas no portal web da Xunta de Galicia, www.xunta.gal, e poden consultarse premendo sobre esta ligazón.

18. Cando se pode solicitar unha modificación de ámbitos?

A solicitude de modificación de ámbitos poderá efectuarse no mes de xaneiro de todos os anos electronicamente, producindo efectos na xestión de listas a partir do 1 de marzo seguinte.

Premendo sobre esta ligazón pódese acceder directamente á páxina de xeración da solicitude de modificación de ámbitos.

19. Cando se pode solicitar unha modificación dos datos persoais?

A solicitude de modificación de datos persoais poderá efectuarse en calquera momento electronicamente, producindo efectos na xestión de listas dende o día seguinte ao da súa presentación.

Premendo sobre esta ligazón pódese acceder directamente á páxina de xeración da solicitude de modificación de datos persoais.

20. En que momento se actualizan os méritos?

A actualización de méritos efectuaraa anualmente e de oficio a Administración. No mes de febreiro de cada ano publicarase a listaxe provisional, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de 10 días hábiles para reclamar no caso de non estar conformes con ela.