Preguntas máis frecuentes

Compartir
  • whatsapp

01. Que é a funcionarización?

A funcionarización é o proceso que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia para adquirir a condición de persoal funcionario a través dun procedemento específico.

02. O proceso de funcionarización está recollido nalgunha normativa?

Si. O proceso de funcionarización do persoal laboral fixo está previsto na disposición transitoria segunda do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se establece o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, así como na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril de Emprego Público de Galicia.

Ademais, hai que ter en conta tamén que a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT asinaron neste 2019 un importante acordo –Acordo de concertación do emprego público de Galicia- no que se desenvolven os criterios necesarios para levar a cabo este gran proceso de funcionarización. Este proceso está actualmente en marcha.

03. Todo o persoal laboral da Xunta pode acollerse ao proceso de funcionarización?

Non. Este proceso de funcionarización está dirixido ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do V Convenio Colectivo.

A funcionarización é o proceso a través do cal se transforma por un lado, o vínculo que existe entre o empregado público e a propia Administración; e polo outro, o propio posto de traballo desempeñado ata ese momento pola persoa que ten a condición de laboral fixo, que se transforma en praza de persoal funcionario.

É por isto que o persoal laboral temporal non pode participar neste proceso, dado que desempeña un posto de traballo con carácter transitorio non adquirido aínda a fixeza mediante un proceso selectivo baseado nos principios de igualdade, mérito e capacidade.

04. Estou obrigado/a a funcionarizarme se son persoal laboral fixo?

Non. Trátase dunha opción persoal de carácter totalmente voluntario.

05. Como será o proceso de funcionarización?

O proceso consistira nun concurso – oposición. A fase de oposición consistirá nunha proba de tipo test cuxas preguntas serán seleccionadas entre a batería de preguntas, que será previamente publicadas na web da Dirección Xeral da Función Pública, así mesmo, para a realización desta proba poderán levarse os textos legais usados para a realización das ditas preguntas.

06. En que me beneficia funcionarizarme?

Coa unificación do réxime xurídico dos empregados públicos, as prazas de persoal laboral irán desaparecendo paulatinamente da Administración galega para substituírse por postos de traballo de persoal funcionario. Isto implica que o número de prazas de persoal funcionario se incrementarán, co que as posibilidades de mobilidade e promoción serán maiores.

Ademais, a funcionarización permite o acceso á carreira profesional do persoal funcionario.

Este tránsito –de persoal laboral fixo a persoal funcionariorealízase dun xeito regulamentado, sinxelo e sen perda de dereitos económicos.

07. Podo acceder á carreira profesional se e funcionarizo?

Si. É certo que a carreira profesional é unha figura propia do persoal funcionario tal e como se recolle no Estatuto Básico dos Empregados Públicos- Sen embargo, no Acordo de concertación do emprego público de Galicia, a Xunta e os sindicatos acordaron que o persoal laboral fixo que manifeste por escrito a súa vontade e o compromiso de funcionarizarse, pode acceder de maneira anticipada ao réxime de carreira profesional suxeito a que complete este proceso superando o correspondente concurso-oposición.

08. Reduciranse as miñas retribución se me funcionarizo?

Non se reducirán. O apartado 3b do Acordo de Concertación do emprego público de Galicia establece que ao persoal laboral fixo que, como consecuencia do proceso de funcionarización adquira a condición de funcionario de carreira e, polo tanto, continúe no mesmo posto de traballo obxecto de funcionarización, garántenselle as retribucións brutas que estaba a percibir como laboral fixo se estas foren superiores ás que lles correspondan como funcionario mentres permaneza nese destino.

A diferenza de retribucións entre funcionario e laboral farase efectiva mensualmente mediante un complemento persoal de funcionarización. Este complemento non será nin compensable nin absorbible, salvo que se incrementen as retribucións complementarias deste persoal por algunha causa que non derive dos incrementos anuais que con carácter xeral establezan as leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

09. A funcionarización afecta á base de cotización e ao importe da miña pensión de xubilación?

As bases de cotización que determinan o importe da pensión de xubilación non dependen da condición de funcionario ou laboral, senón da contía das remuneracións brutas que recibe o/a traballador/a.

Posto que as retribucións non se reducen, as bases de cotización tampouco baixan e polo tanto non afecta de ningún xeito ao importe da pensión de xubilación.

10. A funcionarización afecta ao complemento de antigüidade que teño recoñecido?

O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto independente na nómina á marxe do complemento de funcionarización. Ademais, o primeiro trienio que se perfeccione como funcionario nunca terá unha contía inferior ao que se percibiría como persoal laboral.

11. Podo acollerme ao réxime de xubilación parcial de me funcionarizo?

As condicións específicas que viñan favorecendo a xubilación parcial do persoal laboral desapareceron o pasado 31 de decembro de 2018, posto que o Goberno central non renovou a normativa que as establecía. Polo tanto, ao non existir este beneficio, a funcionarización tampouco lle afecta.

12. Que sucede se decido non acollerme ao proceso de funcionarización?

A funcionarización é un proceso totalmente voluntario. É por iso que, o persoal laboral fixo que non desexe acollerse, manterá os dereitos recollidos no V Convenio Colectivo que lle resulten de aplicación.

13. Se opto por funcionarizarme, podo participar nos concursos de traslados e nas convocatorias de promoción interna do persoal funcionario?

Si. Unha vez adquirida a condición de funcionario poderase participar nos procesos de mobilidade e promoción interna do correspondente grupo e escala, sempre que se acrediten todos os requisitos que esixe a normativa vixente.

En consecuencia, os postos de traballo do persoal laboral fixo que se funcionarice transformaranse en prazas de persoal funcionario que á súa vez se sumarán a estes procesos cando queden vacantes.

14. Se xa son persoal laboral fixo da administración, por que debo superar un proceso selectivo para ser funcionario/a?

É un requisito establecido no Estatuto do Empregado Público. O EBEP establece que o persoal laboral fixo que desexe converterse en funcionario debe superar un proceso de concurso-oposición. En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para unha oposición ordinaria posto que os seus destinatarios son empregados públicos que xa superaron unha oposición.