Artigo 22.3.4 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.
A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, con rango de subdirección xeral, terá encomendada a realización das seguintes funcións:
- A xestión do réxime de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos membros da Xunta de Galicia e demais altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico sometidos á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
- Mantemento, xestión e custodia dos rexistros de Bens Patrimoniais e de Actividades dos membros da Xunta de Galicia e demais altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico.
- A cualificación da declaración de actividades e da declaración de bens patrimoniais dos membros da Xunta de Galicia e demais altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico.
- A vixilancia do cumprimento das obrigacións derivadas da aplicación do artigo 16 do Decreto 205/2008, do 4 de setembro, polo que se regulan os rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Administración autonómica.
- O coñecemento das denuncias que se poidan formular sobre os presuntos incumprimentos en materia de incompatibilidades e conflito de intereses.
- A tramitación e elaboración das propostas de resolución dos expedientes en materia de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
- A emisión dos informes en materia de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Mantemento e xestión do Rexistro de Persoal Eventual nos termos previstos na normativa reguladora do emprego público.
- A preparación, conxuntamente coa Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais, a Subdirección Xeral de Xestión, Programación e Ordenación de Persoal e a Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal, dos anteproxectos normativos en materia de función pública.