A Xunta destinará 2 M€ a unha nova liña de axudas para a conservación da paisaxe e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra
Rueda destaca que esta novidosa actuación forma parte dun paquete de medidas do Goberno galego para apoiar á denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra diante das dificultades xeradas polos excedentes de viño tinto
Contémplanse outras accións como as axudas para a destilación de crise, unha maior divulgación e formación sobre as oportunidades do ecorrexime da PAC de cultivos leñosos en terreos con pendente ou ampliar as campañas de promoción e subvencións para facilitar a recollida de uva
Cómpre lembrar que a nivel internacional existe un grave problema na comercialización dos viños tintos e rosados polo descenso no seu consumo, unha situación que, no seo dos consellos reguladores, debería terse en consideración na toma de decisións a medio prazo
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico vai destinar un total de 2 millóns de euros a unha nova liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Trátase dunha medida novidosa, enfocada a preservar unha paisaxe especial e característica desta zona, formada en gran parte por socalcos. “Vai dirixida á viticultura heroica, na que se traballa nunhas condicións especiais de custos e dificultade”, indicou.
Cómpre ter en conta que a paisaxe desta zona xoga un papel fundamental na candidatura deste territorio a Patrimonio Mundial da UNESCO, e por tanto esta medida axudará a reforzar a citada candidatura.
Esta actuación -que forma parte dun amplo paquete de apoio á denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra en particular, así como ao sector vitivinícola galego en xeral- implementarase mediante unha orde de axudas que se publicará antes de finais deste 2024. Terá dous grupos como destinatarios segundo o sistema de cultivo utilizado. Un deles -o tipo 1- será para o cultivo en socalcos, con muros de pedra e que realizan o traballo de maneira non mecanizada, e o segundo -o tipo 2-, para outros tipos de cultivo do viñedo, sen socalcos ou mediante traballo mecanizado.
De entre as 1.300 hectáreas inscritas nesta DO, aproximadamente 700 estarían dentro do primeiro sistema anteriormente mencionado, e para o cal se destinarán 1,4 millóns de euros; e 600 hectáreas no segundo, cun investimento de 600.000 euros. Por tanto, o importe total para esta axuda ascenderá aos 2 millóns de euros.
Destilación de crise
A maiores desta medida, o presidente anunciou otra serie de axudas para apoiar ao sector ante a situación de “excedente de viño” que están a vivir o conxunto de “rexións vitivinícolas ante o descenso xeralizado de consumo de viño tinto”.
Nesta liña, indicou que nas vindeiras semanas o Diario Oficial de Galicia (DOG) vai publicar unha orde de axudas “para a destilación de crise”. Estará dotada cun orzamento inicial de 500.000 euros, ampliable de ser necesario ata os 2,4 millóns de euros de fondos propios, cantidade comunicada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como cifra máxima para esta medida.
Cómpre lembrar que Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, solicitou o pasado mes de abril ao Ministerio esta medida excepcional, que recentemente se aprobou pola Comisión Europea e, a través da cal, as adegas desta denominación de orixe poderán xestionar o seu excedente.
Divulgación das oportunidades da PAC e máis promoción
Entre as medidas de apoio tamén se contempla unha ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra.
Dentro da PAC existen unhas axudas, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, que na actualidade só o están solicitando o 28% dos viticultores con axuda da PAC nesta zona: concretamente 95 de 339 solicitudes de agricultores que declaran viñedo. O obxectivo deste ecorrexime é crear unha capa de cobertura do chan para reducir a erosión neste tipo de terreos. Por tanto, o obxectivo da Consellería do Medio Rural é promover as oportunidades deste ecorrexime en particular, e da PAC en xeral, posto que cada viticultor que solicite esta axuda podería obter un importe total de 570 euros por hectárea ao cabo de tres anos.
Así mesmo, tamén se reforzarán as estratexias de promoción da calidade desta denominación de orixe, en conxunto co Consello Regulador.
Préstamos pola recollida de uva
Tal e como anunciou Rueda, outra acción máis de apoio, que se realiza a través da Consellería de Economía e Industria, concretamente do Igape, son as axudas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.
No caso da convocatoria deste ano, que se publicará en breve no Diario Oficial de Galicia, serán susceptibles de apoio aqueles préstamos (aplicados á adquisición de uva do 2024) formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2024. Na pasada convocatoria resolvéronse favorablemente 38 solicitudes, o que supón facilitar ás adegas acceso a créditos por un valor conxunto que supera os 17 millóns de euros, cun investimento final de 1,8 millóns de euros.
Caída do consumo dos viños
Estas medidas de apoio veñen motivadas, en parte, pola situación actual a nivel internacional na que existe un grave problema na comercialización dos viños, especialmente dos tintos e rosados, problemática á que a denominación de orixe Ribeira Sacra non é allea.
Os altos custos dos insumos e a elevada inflación dos últimos anos inciden tanto na debilitación das accións comerciais das adegas como na perda de poder adquisitivo dos consumidores, o que ten motivado unha importante caída do consumo de determinados tipos de viño, tanto na Unión Europea como no resto do mundo, que afecta de maneira máis profunda aos principais países produtores. De feito, os máis afectados son os viños tintos e rosados de determinadas rexións de Francia, España e Portugal.
A caída das exportacións a China, Rusia e a outros países tamén fai que o mercado da UE estea saturado, o que empuxa os prezos á baixa. Outra causa que explica esta caída das vendas dos tintos é o cambio nos gustos das persoas consumidoras. Por tanto, estase ante un contexto que, no seo dos consellos reguladores, debería terse en consideración de cara á toma de decisións a medio prazo.
Cómpre destacar que, dentro da DO Ribeira Sacra están inscritas 1.310 hectáreas, 12.120 parcelas, 2.134 viticultores e 98 adegas. A zona amparada para a produción do viño con denominación de orixe Ribeira Sacra comprende parroquias e lugares de 20 municipios situados ao longo das ribeiras do Miño e do Sil, no sur da provincia de Lugo e no norte da provincia de Ourense, e está constituída polas subzonas seguintes: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.