O presidente do Goberno galego asiste á presentación do viño ‘Heroica’ na Adega Vía Romana

Rueda destaca o apoio da Xunta á denominación de orixe Ribeira Sacra coa posta en marcha de axudas para paliar os efectos do excedente de viño tinto

Antes de final de ano se convocarán dúas liñas para a destilación de crise e para a conservación desa paisaxe tan característica de viticultura heroica

Salienta a importancia da Ribeira Sacra pola súa paisaxe, cultura e singular produción vitivinícola

Subliña a candidatura desta zona a Patrimonio da Humanidade e anima a “coidar con sentidiño deste tesouro no corazón de Galicia”

Chantada (Lugo), 3 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico co sector vitivinícola galego e lembrou que se vai poñer en marcha un paquete de medidas para paliar os efectos do excedente de viño tinto que están a sufrir algunhas denominacións de orixe coma a Ribeira Sacra. 

Durante a presentación do viño Heroica, da Adega Vía Romana, Rueda lembrou que cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas que hai en Galicia “ten a súa personalidade” e asegurou que é un sector que contará sempre co apoio da Xunta para aproveitar “as oportunidades” e afrontar “os retos do futuro”. 

A Xunta leva tempo traballando xunto ao sector na busca de solucións ao excedente de viño, unha problemática que viven outras zonas vitivinícolas de toda Europa, e tamén de España, ante o descenso de consumo deste produto na poboación. 

Nesta liña, o Goberno autonómico vai convocar nas vindeiras semanas axudas para a destilación de crise para apoiar ás adegas na xestión dos excedentes. Serán 500.000 € con posibilidade de ampliar ata os 2,4 millóns de euros de fondos propios da Xunta. E ademais, tal e como explicou Rueda, antes de que finalice o ano tamén se lanzará unha nova liña de achegas para os produtores para a conservación desa paisaxe tan característica da viticultura heroica, dotada de 2 millóns de euros. 

Por outra banda, a Xunta volverá a convocar axudas para que os adegueiros accedan a préstamos de cara á recollida de uva e manterá os apoios doutros anos como achegas para a reconversión dos viñedos, a promoción dos viños en terceiros países ou os custes da súa comercialización. Por último, tal e como se adiantou no Consello desta semana tamén se organizarán actividades de divulgación para informar sobre as oportunidades que ofrece a Política Agraria Común ao sector, e se reforzará a estratexia de promoción desta denominación de orixe. 

Importancia da Ribeira Sacra

Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, o presidente salientou a importancia da Ribeira Sacra coma referente no eido da viticultura -con máis de 2.100 viticultores e preto dun cento de adegas-  así como pola súa singularidade da súa paisaxe formada, en gran parte, por socalcos e pola  riqueza cultural que fan desta zona un lugar cada vez máis atractivo para os turistas. 

Ademais, lembrou o traballo “e esforzo” conxunto de moitos axentes e entidades durante anos para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco pola súa paisaxe, cultura e singular produción vitivinícola. “Temos que coidar con sentidiño deste tesouro no corazón de Galicia no que hai moito futuro”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2024