Incide na necesidade de comezar unha nova etapa en Galicia, co obxectivo de promover “o máis parecido posible a unha Cidade Única, a unha Galicia global”
Santiago, 11 de novembro de 2009.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situou hoxe o ano 2010 como un ano clave para o futuro de Galicia. O mandatario galego destacou que o ano que vén marcará o inicio da recuperación logo dunha intensa crise económica que reconfigurará o noso modelo de crecemento e que, precisamente por iso, será o ano no que se establezan os primeiros pasos para unha nova Galicia máis forte e cohesionada, “capaz de afrontar con mellores garantías as dificultades do futuro e, ao mesmo tempo, capaz de achegarse máis aos niveis de desenvolvemento acordes coa media europea”.
O titular da Xunta, quen esta tarde iniciou o novo curso de conferencias da Fundación La Rosaleda co relatorio 2010: unha oportunidade para Galicia, manifestou a súa vontade de que, unha vez superado o próximo debate orzamentario, comezase unha nova etapa en Galicia, con avances cara a Comunidade Autónoma “que queremos: unha Galicia, en definitiva o máis parecida posible a unha Cidade Única, unha Galicia global”.
Un tecido produtivo competitivo, con sectores líderes, e concellos en rede
Así, Feijoo comentou os eixes de actuación nos que traballa a Xunta para a consecución destes obxectivos, e explicou que, no que se refire ao tecido produtivo, o Goberno galego quere unha Galicia conectada entre si e co resto de España e de Europa; unha Galicia competitiva e aberta, capaz de exercer un liderado en determinados sectores estratéxicos; cun sistema financeiro sólido, solvente, e que responda ás necesidades de Galicia, “desde Galicia”; e unha Comunidade na que a situación xeográfica non sexa un obstáculo senón unha oportunidade, “tanto para aproveitar o tráfico marítimo internacional como para aproveitar os nosos quilómetros de costa para o desenvolvemento de industrias acuícolas, turísticas e relacionadas co sector naval”.
O presidente galego referiuse á necesidade de promover un desenvolvemento sostible, e á importancia da educación, da sanidade e os servizos sociais. Feijoo valorou, no transcurso do seu relatorio, que os recursos naturais poidan ser aproveitados de xeito sostible e respectuoso, para que a súa explotación ofreza retornos á poboación; ademais de que Galicia dispoña dun sistema educativo “capaz de sacar o mellor da mocidade”, que sexa “estimulante, rigoroso e trilingüe”. “Queremos unha Galicia na que contar con tres universidades non sexa máis sinónimo de localismos e duplicidades, senón de vangarda investigadora e de liderado na innovación”, engadiu.
Ademais, e no tocante á sanidade a aos servizos sociais, Feijóo destacou a importancia de contar cun sistema capaz de adaptarse á realidade do envellecemento e a dispersión; que a atención ás persoas dependentes conte con recursos materiais e humanos suficientes; que sexa xestionada con rigor e rapidez; e que Galicia teña servizos sanitarios eficientes, “con instalacións modernas e próximas á xente”.
O presidente galego incidiu na necesidade de que esta nova Galicia sexa unha Comunidade con equilibrio territorial; cunha rede de infraestruturas de comunicación adaptada ás novas necesidades de mobilidade; unha Galicia na que vilas e cidades se desenvolvan de xeito ordenado, e na que o rural poda seguir tendo unha presenza vital dotándoo de servizos e infraestruturas; unha Galicia na que contar con tres aeroportos “non conduza a loitas internas, senón a acadar o maior número de rutas ao maior número de destinos”; na que os concellos poidan contar cos recursos necesarios para facer unha política que atenda ás necesidades inmediatas dos cidadáns; na que traballen unidos, “en rede”, entre si e co resto das administracións; e unha Galicia na que as provincias do interior superen as súas diferenzas coas do Eixo Atlántico e na que se acade, en definitiva, un maior equilibrio territorial.
“Coa Galicia Global que queremos tratamos, en resumo, de formular un futuro político, económico, social, ambiental e territorial, nun único territorio cohesionado, nunha Galicia Cidade Única, policéntrica”, engadiu.
Un país unido, construído sobre os cimentos do acordo e as ideas
Núñez Feijóo salientou, no transcurso da súa intervención, que estamos no tempo de facer unha introspección doméstica “e preguntarnos qué podemos facer para que a nosa forza non se disipe”. Así, o presidente da Xunta asegurou que é preciso apostar por unha maior cooperación administrativa, que contemple as grandes áreas metropolitanas e non exclúa unha racionalización do mapa municipal; que se debe poñer en marcha unha política portuaria e aeroportuaria galega, “capaz de aproveitar a nosa posición como porta de entrada a Europa”; aproveitar a oportunidade que representa a internacionalización da ensinanza para construír un sistema universitario galego de referencia en Europa e no Mundo; e contemplar “o interese global do país” nos procesos de localización ou deslocalización industrial que se produzan.
“Aproveitemos este momento no que case todos partimos de cero para poñernos por diante e iniciar o proceso de cambio deste país para afrontar os retos do século XXI”, continuou o presidente galego, quen indicou que, por parte da Xunta, “imos tratar de implicar nesa superación aos políticos, aos axentes económicos e sociais e a todos os cidadáns”. “Porque somos plenamente conscientes de que ese futuro común dun país unido se constrúe sobre os cimentos do acordo e as ideas”, salientou.
As primeiras medidas da Xunta, de inmediatez contra a crise económica
O presidente da Xunta referiuse tamén, no transcurso da súa conferencia, ao acontecido desde o principio da Lexislatura e asegurou que as primeiras medidas postas en marcha, ás de resposta á crise económica e ás necesidades inmediatas de Galicia, estiveron determinadas pola aposta do Goberno galego por “escoitar á sociedade civil”, por unha estratexia que debe vir “de abaixo a arriba, desde os cidadáns, para os cidadáns”.
“Son medidas para afrontar a crise cunha certa inmediatez, pero tamén forman parte dunha nova forma de gobernar: con sentido da austeridade, eficacia, eficiencia, rigor e realismo”, engadiu Feijóo, quen enumerou as principais actuacións no ámbito económico postas en marcha nos últimos seis meses.
Así, o presidente galego destacou o apoio aos sectores produtivos con liñas de axudas para o sector lácteo, o Plan re- Móvete, o establecemento dun novo plan acuícola, e a presentación dunha nova Lei de pesca. Tamén, e en canto o apoio ás empresas e a aposta pola innovación, Feijóo salientou as medidas postas en marcha para dotar de liquidez ás empresas co maior plan de avais para circulante da historia de Galicia, o apoio ao I+D+i con máis de 80 millóns de euros, e a promoción da contratación de 230 novos investigadores e axentes de I+D en universidades e organismos públicos cun investimento de 15 millóns de euros.
Feijóo remarcou o apoio do seu Goberno aos desempregados cunha achega de 30 millóns de euros para a contratación dos que teñan esgotada a súa prestación ou subsidio, e as axudas para o fomento da súa mobilidade xeográfica; ademais da baixada de impostos cunha rebaixa do 50% no de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados aos mozos e as familias numerosas que merquen unha vivenda.
O mandatario galego salientou a aposta polo reequilibrio territorial demostrado nos últimos seis meses coa posta en marcha do Plan Impulsa Lugo e Impulso Ourense, elaborados de acordo cos axentes sociais e as institucións desas provincias; e a busca permanente de acordos e consensos, entre os que o presidente da Xunta destacou o Acordo do Obradoiro para a chegada da Alta Velocidade, o acordo coa Fegamp para impulsar unha reforma consensuada da Lei do solo, e a convocatoria aos axentes sociais para comezar o diálogo social.
Un Orzamento equilibrado a pesar da caída nos ingresos
Feijóo referiuse, por último, aos Orzamentos da Xunta e ás prioridades do Goberno galego na súa elaboración. Así, o presidente galego salientou que, a pesar da caída nos ingresos, o seu Goberno non se limitou a cubrir ese déficit acudindo exclusivamente á débeda. “Era preciso, e así o fixemos, buscar un equilibrio que nos permitise, a pesares de contar con menos ingresos, axustarnos a un tope máximo de débeda e, ao mesmo tempo poder xerar os aforros precisos para aumentar o gasto social e os investimentos”, sinalou.
Neste sentido, o presidente da Xunta remarcou que os Orzamentos de 2010 reducen, por primeira vez na historia de Autonomía, o seu importe, e sinalou que os poderes públicos confunden a menudo máis cartos con mellor servizo, “quizás esquecéndose da eficacia, da eficiencia e da virtude de facer máis con menos”.
O mandatario galego fixo fincapé, ademais, na previsión da repercusión altamente positiva que a celebración do Xacobeo 2010 terá na economía galega. “Somos conscientes das dificultades deste ano, pero precisamente por iso, cando o sector turístico está a pasar por malos momentos, contar coa marca Xacobeo é para Galicia unha oportunidade extraordinaria de seguir incrementando o número de visitantes e, consecuentemente, seguir dinamizando un sector en crecemento e que vai ter moito que aportar nos vindeiros anos á xeración de riqueza e emprego en Galicia”, concluíu Feijóo.