Marta Fernández Currás lembra que o Banco de España esixe este proceso previo aínda que as partes estean totalmente de acordo
Os traballos previos permitirán acurtar os prazos e nun mes poderían estar rematadas as auditorías externas
Santiago, 4 de decembro de 2009.- A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, salientou hoxe que a Due Diligence, pactada pola Xunta con Caixa Galicia e Caixanova, permitirá “despexar calquera dúbida sobre a solvencia” dun proxecto conxunto de unión de ambas entidades, que considera que é o que corrresponde no exercicio da acción do Goberno.
Fernández Currás lembrou que a Due Diligence é unha actuación moi habitual no mundo mercantil, en procesos previos a unha compra-venda ou fusión, coa que se busca “certificar a bondade dos datos reflectidos nos balances e a inexistencia de pasivos continxentes”.
Así, entende que “é lóxico” que a lexislación bancaria e mesmo o Banco de España esixa unha certificación deste tipo, que precede “aínda que as partes estean totalmente de acordo”. Engadiu que o traballo previo feito permite acurtar os prazos destas auditorías externas e “nun mes poderían estar rematados os traballos”.
A titular de Facenda indicou que nun contexto de reordenación do mundo financeiro as caixas fixeron dúas auditorías, cada unha cun resultado contraposto, polo que a consellería, como árbitro e supervisor, decidiu pór en común estes datos para analizar se podía ser viable a unión das caixas.
Marta Fernández Currás indicou que, posto que aínda así, se mantiveron as discrepancias, “se dediciu de común acordo” facer unha Due Diligence, que avalíe a información base subministrada polas caixas que deu lugar ao proxecto da Consellería de Facenda.