Os convenios de patrocinio publicitario da Xunta de Galicia coas aeroliñas posibilitan desde hoxe contratar as novas rutas a Zurich, Amsterdam e Bruxelas

Os vóos comezarán a operar o 29 de marzo de 2010 cunha frecuencia de tres días por semana os luns, mércores e sábados

En consonancia coas teses defendidas pola Xunta de Galicia, as novas conexións promoverán Galicia como destino aeroportuario único baixo a marca GLG

Santiago, 23 de diciembre de 2009. – Os convenios de patrocinio publicitario coas compañías aéreas anunciados o pasado 12 de novembro pola Xunta de Galicia concrétanse desde hoxe na posibilidade de contratar novas rutas a Zúrich, Ámsterdam e Bruxelas. A aeroliña Vueling vén de anunciar que a partir do 29 de marzo de 2010 comezarán a operar os vóos que unirán A Coruña con Ámsterdam, Santiago de Compostela con Zúrich e Vigo con Bruxelas.

As rutas terán unha frecuencia de tres días por semana os luns, mércores e sábados. Neste caso, os tres destinos galegos quedan unificados baixo a marca “Galicia (GLG)”, unha iniciativa destinada a aumentar o atractivo da Comunidade Autónoma como destino turístico e de negocios con independencia do aeroporto final de chegada.

Deste xeito, avánzase no obxectivo da Xunta de Galicia de abrir un total de dúas novas rutas nacionais (A Coruña-Valencia e Vigo-Sevilla) e tres internacionais (A Coruña-Amsterdam, Santiago-Zúrich e Vigo-Bruxelas) ademais de consolidar as xa existentes desde Santiago con Frankfurt, Roma, Londres e París a partir da achega de 4,5 millóns de euros para os convenios de patrocinio publicitario coas aeroliñas. Tal e como se anunciou no seu momento, este investimento acompañarase de accións contudendentes de promoción turística por 1,3 millóns de euros nos mercados emisores con vóos directos a Galicia.