GalegoCastellano

“A máxima que busca este Decreto plurilingüe é a liberdade a través do coñecemento”, en palabras do presidente da Xunta

Feijóo avanza o novo modelo educativo trilingüe, que blinda o equilibrio entre as linguas e a liberdade de pais e alumnos para escoller e expresarse

O futuro Decreto busca que os rapaces teñan a capacidade de poder empregar as tres linguas equilibrando o número de horas nas que reciban os contidos

Permite que poidan expresarse nas dúas linguas oficiais e promove que teñan capacidade e liberdade para empregalas

Outorga aos pais a capacidade de decidir a lingua predominante na Educación Infantil dos seus fillos

Garante que os proxenitores elixan en Primaria e Secundaria o idioma no que se imparten os contidos principais mantendo o equilibrio e que opinen sobre o resto das materias
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 30 de decembro de 2009.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe as bases para a elaboración do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario, que persegue a implantación en Galicia dun modelo educativo trilingüe e que blinda o equilibrio entre as linguas maila liberdade tanto de pais coma de alumnos para escoller e expresarse en todas as etapas educativas.

“A máxima que busca este Decreto plurilingüe é a liberdade a través do coñecemento”, sinalou Feijóo na rolda posterior ao Consello da Xunta, no que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presentou a proposta educativa trilingüe do Goberno galego. “Só coñecendo as linguas os rapaces e as rapazas galegas poderán utilizar en liberdade cada unha delas”, insistiu o presidente galego.

Así, explicou, en primeiro lugar, que para garantir o coñecemento das dúas linguais oficiais de Galicia e dunha terceira lingua estranxeira –preferentemente o inglés—, o novo Decreto garantirá o equilibrio idiomático, de xeito que se poida chegar a impartir un terzo de horas lectivas en galega, outro terzo en castelán e un terceiro en lingua estranxeira. “Este decreto busca que os rapaces teñan a capacidade de poder empregar tres linguas equilibrando o número de horas as que se impartirán os contidos nas diferentes linguas”, resumiu Feijóo, e subliñou a importancia de dar “capacidade e liberdade aos rapaces para poder empregar as linguas”.

En segundo lugar, engadiu que a proposta do Goberno galego protexe tanto a liberdade dos alumnos para empregar a lingua que estimen máis conveniente como a dos pais para opinar libremente sobre a educación dos seus fillos. Neste senso, concretou que os proxenitores escollerán a lingua predominante na educación infantil dos seus fillos, sen prexuízo de que se lles inicie na outra lingua oficial, e que tamén terán opinión vinculante respecto á lingua na que se lle van impartir os principais contidos en Primaria e en Secundaria. A maiores, os pais tamén se pronunciarán sobre o resto das asignaturas para que o Consello Escolar complete o proxecto lingüístico de cada curso de xeito equilibrado.

Para o presidente da Xunta, esta proposta de decreto dá resposta a unha demanda social e a unha necesidade educativa. “Traslada a normalidade e cordialidade lingüística das rúas ás aulas e prepara ás xeracións futuras para un mundo cada vez máis globalizado”, apuntou Feijóo, e engadiu que coa futura normativa se superan os problemas que suscitou o decreto vixente. “Pasamos dun decreto que abría a porta ó monolingüismo a outro que abre a porta ao trilingüismo; pasamos dun decreto no que se impoñía aos rapaces a lingua na que se tiñan que expresar a outro modelo no que imperará a liberdade a través do coñecemento; e pasamos dun decreto no que a participación dos pais era nula a outro no que os pais van decidir”, resaltou.

Respecto ao mandato legal
Tamén enfatizou que as bases que sustentarán o futuro Decreto do plurilingüismo salvagardan os dereitos e deberes lingüísticos que recoñecen a Constitución e o Estatuto de Autonomía, ademais de ser consecuentes coa Lei de Normalización Lingüística e coa promoción da lingua galega que fundamenta o Plan de Normalización. Do mesmo xeito, asegurou que esta proposta respecta as puntualizacións plantexadas polo Consello Consultivo ó decreto vixente, así como a vontade maioritaria das familias galegas, manifestada tanto a través das pasadas eleccións autonómicas como da consulta inédita que a Xunta de Galicia fixo ós pais con fillos en idade escolar.

En consecuencia, Feijóo subliñou o “salto cualitativo” que suporá este Decreto para a educación dos estudiantes galegos e confiou na posibilidade de que ao consenso social que xa existe en materia lingüística se sume tamén nun consenso político. “Se todos somos capaces de comportarnos dun xeito responsable, moderado e independente, estou seguro de que este consenso poderá ser posible”, reflexionou, e informou de que a Xunta de Galicia entregará ás tres forzas políticas o texto avaliado no Consello da Xunta. Así mesmo, anunciou que tamén llo fará chegar á Real Academia e ao Consello da Cultura Galega para recoller as súas opinións antes da súa aprobación definitiva, tal e como se comprometera con ambas institucións.

Finalmente, Feijóo resaltou que coa presentación das bases do Decreto do Plurilingüismo, o Goberno galego cumpre o seu compromiso de dar a coñecer a súa proposta lingüística para a ensinanza antes de que rematara o ano e concluíu que a proposta da Consellería de Educación recolle todas as reivindicacións que el mesmo plantexou cando era líder da oposición. “As garantías de equilibrio, dereitos e liberdade que o Grupo Popular pediu estando na oposición están recollidas hoxe no texto que presentamos como Goberno”, resumiu.

 

Contido da proposta
O texto das bases para a elaboración do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario establece un equilibrio lingüístico ao longo das diferentes etapas educativas. No que respecta á Educación Infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado e coidará que adquira o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. A lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán anualmente durante o proceso de preinscripción.

Na Educación Primaria, na ESO e no Bacharelato garantirase a adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais de Galicia e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en inglés. Con esa finalidade, establécese que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán, e prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s). Na medida en que os centros non dispoñan de recursos humanos para ofertar un terzo das horas en lingua estranxeira, estas distribuiranse de forma equilibrada nas dúas linguas oficiais.

Para a definición da distribución lingüística das materiais nestas etapas (Primaria, ESO e Bacharelato) terase en conta a opinión que expresen as familias a través dunha consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria.

Na Primaria, que ten 25 horas semanais, a opinión maioritaria das familias será vinculante para determinar a lingua vehicular das materias instrumentais –Coñecemento do Medio e Matemáticas– (ata 10 horas semanais), que serán unha en galego e outra en castelán. Na ESO, que conta con 32 horas semanais, as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de Ciencias Sociais e Matemáticas, que suman ata sete horas semanais. No resto das materias, será o Consello Escolar quen aprobe unha proposta horaria equilibrada, tendo en conta a opinión das familias. No Bacharelato e na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, cada centro educativo aprobará no seu Consello Escolar, escoitando a opinión maioritaria das familias, unha oferta lingüística equilibrada de materias.

Equilibrio e garantía de competencia lingüística
As bases para a elaboración do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario procura a correcta adquisición das dúas linguas oficiais, así como a capacitación progresiva no dominio de linguas estranxeiras. Neste sentido, o texto aposta por un ensino plurilingüe con tres linguas vehiculares, co fin de que o alumnado adquira unha comunicación efectiva nelas, unha materia pendente do Goberno galego para adaptarse ás novas necesidades sociais.

O alumnado poderá empregar na súa comunicación nas aulas a lingua da súa preferencia e os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua na que se imparta a materia. A administración educativa comprométese a promover a elaboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua (s) estranxerias (s). A Xunta procura facilitar a comprensión e a adquisición plurilingüe da terminoloxía básica de cada materia.

Os equipos de dinamización da lingua galega
Para asegurar a súa potenciación fóra do currículo da lingua galega, contarase, como ata agora, co papel activo dos centros, particularmente a través dos equipos de dinamización. Estes “equipos de dinamización da lingua galega” centrarán o seu labor no fomento da lingua galega. Como novidade, incorpóranse por vez primeira aos equipos os pais e nais do alumnado, co fin de asegurar a integración activa das familias na promoción da lingua galega.
 

Imaxes relacionadas