Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia inviste máis de 18 millóns de euros na construción desta nova autovía de 4,5 quilómetros

Medio Ambiente adxudica a construción da Autovía da PLISAN que comezará a súa execución en marzo

Esta actuación forma parte dos proxectos do departamento que dirixe Agustín Hernández para facilitar as relacións comerciais e laborais das empresas e entidades localizadas nesta zona, e o seu acceso ás vías de alta capacidade de conexión coa Meseta e co norte de Portugal

Santiago, 25 de febreiro de 2010.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a adxudicación das obras da autovía de enlace entre a Plataforma loxística Salvaterra-As Neves e a autovía das Rías Baixas (A-52), que comezarán en marzo. A adxudicación destas obras, que estarán en servizo no ano 2012, recaeu na empresa UTE Dragados, S.A y Obras, Caminos y Asfaltos, S.A, por un importe de 18.276.600 euros.

Esta actuación forma parte dos proxectos do departamento que dirixe Agustín Hernández para mellorar as comunicacións viarias da Comunidade galega e, en consecuencia, facilitar as relacións comerciais e laborais das empresas e entidades localizadas nesta zona, e o seu acceso ás vías de alta capacidade de conexión coa Meseta e co norte de Portugal.

O trazado
Esta nova infraestrutura terá unha lonxitude é de 4,5 quilómetros e a sección do tronco terá un ancho de 29 metros. Concretamente, contará con catro carrís de 3,5 metros cada un, separados por unha mediana de 3 metros, o raio mínimo será de 800 metros e a pendente máxima estará fixada nun 4%.Os usuarios poderán circular a unha velocidade media de 80 qm/h.

Esta vía contará con tres enlaces, distribuídos da seguinte maneira: o enlace de Puzo, que conectará coa autovía A-52; o enlace de Vales, que conectará coa rede viaria local; e o enlace de PLISAN, que conectará coa plataforma loxística.

Ademais, proxéctanse un total de dez estruturas: un paso inferior, sete superiores e dous viadutos. Os viadutos servirán como paso sobre o rego de Lobeira (instalarase un por cada sentido) e terán unha lonxitude de 70 metros con 3 vans de luz. Para proceder á materialización desta obra, moveranse 1.254.283 metros de terra, 576.803 metros cúbicos en escavacións e 677.480 nun terraplén. Estes traballos rematarán coa instalación da sinalización e de balizamento.
 

VER MAPA EXPLICATIVO

Beneficiarios
Cómpre sinalar que a execución deste proxecto afectará 670 predios do Concello de Salvaterra de Miño, mentres que os concellos beneficiarios son Salvaterra de Miño, As Neves, O Porriño e Ponteareas. Así, o número de veciños beneficiarios ascende a máis de 50.000 persoas, aos cales haberá que engadir o número de persoas que empregarán esta vía para realizar o seu traballo nas zonas industriais a que esta vía dará servizo.
 

Documentos relacionados

  • whatsapp