Esta iniciativa, que xa vai pola súa oitava edición, enmárcase no Camiño da Historia do Xacobeo 2010
O centro educativo pontevedrés acollerá ata o próximo venres exposicións, conferencias, xornadas e tres concursos sobre as distintas variedades desta flor, representativa das Rías Baixas
Santiago, 15 de marzo de 2010.- O oitavo Concurso-Exposición sobre a Camelia, organizado polo Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Campolongo de Pontevedra, iniciase mañá co patrocino do Xacobeo 2010. A historia deste certame, que se celebrará ata o venres 19 de marzo e que está incluído no Camiño da Historia do Xacobeo 2010, remóntase ao curso académico 2002-2003, cando, con motivo do 30 aniversario do centro escolar programouse un amplo abanico de actividades con carácter lúdico-didáctico, entre as que se atopaban un por entón insólito concurso sobre a Camelia.
Aquela actividade tivo un extraordinario éxito, polo que o claustro de profesores e o consello escolar do centro educativo decidiron aprobar a continuidade da mesma. Por iso, o Xacobeo 2010 decidiu axudar a potenciar este certame.
A camelia é a flor máis representativa das Rías Baixas galegas, á que se lle rende tributo cada ano no Concurso-Exposición da Camelia organizado polo CEIP de Campolongo, que mañá comeza a súa oitava edición. Este certame está aberto á participación de todos os membros da comunidade educativa de Campolongo, a calquera expositor que desexe participar e, por suposto, a todas as persoas que queiran achegarse ata o recinto.
Entre os asiduos participantes a este encontro non faltan nunca representantes da Asociación Española da Camelia nin as conferencias ao redor desta flor. E é que o Concurso-Exposición de Campolongo foi cultivando éxitos ano tras ano, cun gran poder de convocatoria e repercusión social. Como cada edición, nenos e veteranos afeccionados serán os protagonistas activos desta experiencia pedagóxica ao redor desta flor característica das Rías Baixas.
Desde mañá ata o venres, o CEIP de Campolongo acollerá exposicións sobre distintas variedades desta flor. Asemade, está programada a celebración de tres concursos, un de redacción, outro de fotografía e un terceiro de debuxo e pintura.