Presentáronse hoxe as novas rutas de Vueling con destino aos aeroportos galegos

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López; a directora xeral de Comercio, Nava Castro, e máis a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares estiveron presentes hoxe no aeroporto de Peinador con motivo do lanzamento dos tres novos destinos

Turgalicia, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e mais Vueling Airlines S.A. asinaron un convenio de patrocinio publicitario por valor de 2.600.000 euros para promocionar o turismo galego nos mercados internacionais e para levar cabo unha campaña de promoción do Camiño de Santiago e do Ano Santo entre os pasaxeiros da compañía- as dúas entidades da Xunta asinaron en representación das Consellerías de Cultura e Turismo; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e mais Economía e Industria

Por primeira vez se desenvolverá de cara ao Ano Santo 2010 desde a Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, unha campaña de comunicación para dar notoriedade ao destino Galicia. Ademáis do investimento global do Goberno galego de 4,5 millóns de euros que se investirán para apoiar os destinos internacionais das aeroliñas de baixo custe, destinaránse adicionalmente 1,3 millóns de euros en accións de comunicación nos destinos europeos que conectarán cos aeroportos galegos e as súas áreas de influencia, co obxectivo de estimular a demanda

Vigo, 29 de marzo de 2010.- O aeroporto vigués de Peinador acolleu hoxe a presentación para os medios das novas rutas de Vueling con destino aos aeroportos galegos. A Coruña-Amsterdam; Vigo-Bruxelas e Santiago-Zúrich son as tres novas rutas que comezan a operar.

Con motivo do lanzamento dos voos de Vueling a destinos galegos estiveron hoxe en Peinador, xunto cos representantes de Vueling Airlines, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López; a directora xeral de Comercio, Nava Castro; e máis a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo.

O Consello da Xunta autorizou a primeiros de marzo a sinatura do convenio de colaboración entre Turgalicia, Xacobeo e Vueling. As dúas entidades da Xunta asinan en representación das Consellerías de Cultura e Turismo; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e mais Economía e Industria. Por primeira vez se desenvolverá de cara ao Ano Santo 2010 desde a Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, unha campaña de comunicación para dar notoriedade ao destino Galicia. Destinaránse adicionalmente 1,3 millóns de euros en accións de comunicación nos destinos europeos que conectarán cos aeroportos Galegos e as súas áreas de influencia, co obxectivo de estimular a demanda. O obxectivo destas accións promocionais en destino é aumentar o número de pasaxeiros que utilicen esas aeroliñas de modo que, a medio prazo, resulten rentables e se podan financiar nun futuro outras novas conexións. Este investimento de 1,3 millóns é adicional ao investimento global do Goberno galego de 4,5 millóns de euros que se investirán para apoiar os destinos internacionais das aeroliñas de baixo custe.

A Sociedade para a Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia e máis a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asinaron con Vueling Airlines S.A. un convenio por valor de 2.600.000 euros dos que Xacobeo aporta 500.000 euros para regular accións de promoción turística entre as que destaca a difusión de Galicia na páxina web do operador aéreo. Asimesmo, insertaranse anuncios dixitais, e incluirase información turística de Galicia nos envíos de boletíns dixitais personalizados. Levarase tamén a cabo unha campaña de promoción turística de Galicia, do Camiño de Santiago e do Ano Santo entre os pasaxeiros da compañía e concretamente dará a coñecer as rutas Santiago de Compostela-Zurich; A Coruña-Amsterdam e Vigo-Bruxelas. Existe, asimesmo, outro convenio de patrocinio publicitario nos mesmos termos para a ruta con París que tamén opera Vueling Airlines S.A.

Con esta contribución, dende a Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo e máis dende a Dirección Xeral de Mobilidade e a Dirección Xeral de Comercio preténdese aumentar a cota do turismo internacional, mellorar a calidade de vida dos galegos mellorando a súa mobilidade e facilitar a apertura da economía galega ao exterior, propiciando a internacionalización das empresas.

En resposta as preguntas dos medios en relación á posibilidade de abrir unha nova ruta, a secretaria xeral para o Turismo manifestou que, “a Xunta de Galicia non ten competencias en materia de xestión aeroportuaria e limítase a establecer convenios de patrocinio publicitario con diferentes compañías y a través de diversos soportes promocionais; Así mesmo, preguntada pola ruta de Londres desde Vigo, recalcou que no caso específico do Concello de Vigo, a Xunta apoiou con 300.000 euros o convenio preexistente, aportación a través de convenio de patrocinio publicitario que nunca antes se fixera dende o Goberno Autonómico para o caso de Vigo. E insistiu en que, non sendo a xestión aeroportuaria competencia do Goberno Autonómico, o Concello podería -se o consideraba oportuno- asinar convenios como o viña facendo, en caso de que existan compañías ás que lles resulte viable economicamente, dado que, como indicou o conselleiro delegado de Vueling, o mesmo destino en aeroportos moi cercanos, poden non funcionar. Precisamente, o Comité de Rutas Aéreas, engadiu a secretaria xeral para o Turismo, “nace coa finalidade de promocionar os aeroportos galegos e atraer novas compañías e rutas en aras dunha maior e mais ampla variedade da oferta”.

Imaxes relacionadas