Agustín Hernández confirma á presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo que a xunta reformulará a ampliación do Túnel de Beiramar para conxugar os intereses da cidade e do porto

O anteproxecto existente na actualidade “non da solución aos problemas plantexados e implica un nivel de afeccións moi importante” a xulgar polo elevado número de alegacións presentadas

Apelou á coordinación e á cooperación para desenvolver un proxecto factible e viable, aínda que a celeridade coa que se leve a cabo estará en función do consenso que se alcance

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 06 de abril de 2010.- A Xunta de Galicia vai reformular o proxecto de ampliación do túnel de Beiramar, no treito Berbés - Rúa Coruña, co obxectivo de conseguir “unha auténtica ronda urbana que conxugue os intereses da cidade e os do porto de Vigo, de xeito que nin a solución adoptada nin as obras que se leven a cabo produzan afeccións que impidan o normal desenvolvemento da actividade portuaria”. Así llo comunicou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, á presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, durante unha reunión mantida este mañá na cidade olívica.

Ambas autoridades coincidiron en que se trata dunha actuación imprescindible para o obxectivo de abrir Vigo ao mar. Sen embargo, o anteproxecto existente na actualidade “non da solución aos problemas plantexados e implica un nivel de afeccións moi importante” a xulgar polo elevado número de alegacións presentadas, máis de 40, na súa maioría procedentes da propia Autoridade Portuaria e das empresas que operan no porto.

Hernández sinalou como prioritario o obxectivo de manter a operatividade da zona portuaria tanto durante a execución das obras, como á hora de garantir que a actuación non interferirá no desenvolvemento futuro das actividades empresariais vinculadas ao porto. O responsable de a Xunta considera imprescindible iniciar un período de consenso e negociación coa Autoridade Portuaria e co Concello de Vigo, para poder adoptar unha solución definitiva que dea paso á redacción do proxecto construtivo.

Neste sentido, apelou á coordinación e á cooperación para desenvolver un proxecto factible e viable, aínda que a celeridade coa que se leve a cabo estará en función do consenso que se alcance.

Características e alegacións
A prolongación do túnel de Beiramar dende a Glorieta do Berbés ata a da rúa Coruña ten unha lonxitude de 1,3 quilómetros e suporía construír un túnel unidireccional con dous corpos independentes e dúas calzadas con dous carrís cada unha. O investimento ascendería a mais de 70 millóns de euros.

Non obstante, tal e como apuntou Hernández, as alegacións plantexadas fan case imposible a solución plantexada e obrigará á Xunta a definir unha nova proposta para o túnel. Entre as alegacións, caben destacar as seguintes:

 

RESUMO ALEGACIÓNS

·        Autoridade Portuaria de Vigo: necesidade dun Convenio para a utilización do dominio público portuario, mantemento do acceso de transportes e pezas especiais, ampliación do espazo portuario cara a terra, anchura da sección tipo do túnel moi estrita e garantir o mantemento da actividade empresarial durante as obras.

·        Concello de Vigo: anchura da sección tipo do túnel moi estrita, a conexión co Pazo de Congresos non queda garantida, estudo dos desvíos ao tráfico durante as obras e diversas consideracións a ter en conta para o Proxecto de Construción.

·        Estaleiro BARRERAS: considerar transportes de 9 m de ancho, 10 m de altura e unha carga de 32 t/eixe ou 10 t/m 2 e a afección a 3 dos 7 accesos que dispoñen as súas instalacións (na zona de prolongación cara a Bouzas).

·        Federación de usuarios do Porto de Vigo: falta de operatividade do porto pesqueiro e ampliación do espazo portuario cara a terra.

·        Diversas empresas da zona: considerar transportes de 9 m de ancho, 10 m de altura e unha carga de 32 t/eixe ou 10 t/m 2 e manter a accesibilidade ás naves existentes.

·        Diversas asociacións e particulares: soterrar o tramo da Praza do Berbés nun túnel único.