Destaca o plan, que investirá 100 millóns de euros en 53 actuacións en máis de 40 concellos, fomentará a recuperación dos espazos de encontro para mellorar a opción de lecer dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial

Feijóo presenta o Plan HURBE como un programa de “calidade de vida” que procurará vilas accesibles e habitables para que os cidadáns “vivan o seu concello”

Detalla que o Plan HURBE actuará “sen abandonar as zonas urbanas pero focalizando múltiples actuacións nos concellos pequenos”, puntualiza

No marco desta iniciativa, Investiranse 34 millóns de euros para o programa de equipamentos públicos, 27,5 millóns de euros para a humanización de rúas, e 34 millóns de euros en programas de urbanización e mellora de espazos públicos

Subliña a aprobación polo Consello do decreto que desbloquea a rede gasística galega e permitirá o acceso a esta enerxía alternativa a 30 localidades galegas nas que ata agora non se podía

Destaca a posta en marcha do Clúster da Auga de Galicia, que agrupa a máis de 60 empresas, cunha facturación de 120 millóns de euros e que dan emprego a máis de 2.000 persoas
 

Santiago, 15 de abril de 2010.- “Imos buscar unhas vilas accesibles e non unhas vilas illadas; imos tentar unhas vilas habitables e non abandonadas, e que os cidadáns, especialmente do rural, poidan seguir vivindo no seu concello e que vivan o seu concello”. Así sintetizou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, os obxectivos Plan HURBE que hoxe foi presentado no Consello da Xunta.

Feijóo detallou que o Plan HURBE busca un programa de calidade de vida das zonas urbanas, e dos concellos máis pequenos de Galicia, “sen abandonar as zonas urbanas pero focalizando múltiples actuacións nos concellos pequenos”, puntualizou. “O Plan HURBE non é outra cosa que saber onde queremos ir en época de crise -aseverou Feijóo-, ordenar e priorizar os equipamentos e darlle un contido corporativo a todo o mobiliario urbano, adecentamento aos espazos públicos para buscar un país que, de cara a fóra compita e, de cara a dentro, coopere”.

O mandatario galego lembrou que baixo estas premisas se elaborou o Plan MOVE ou o Acordo do Obradoiro e asegurou: “Imos seguir formulando unha Galicia desenvolvida e unha Galicia protexida”, que foi capaz, engadiu, de pactar cos concellos unha novas normas de Hábitat, de obter un respaldo na modificación da Lei do Solo e, “espero que sexa capaz por primeira vez na nosa historia de presentar e aprobar o Plan do litoral neste ano 2010”, manifestou. “Imos seguir facendo esa Galicia igualitaria que traballa coa mesma intensidade na costa e no interior, ou no rural e no urbano”, apostilou.

Os obxectivos do plan, que destinará preto de 100 millóns de euros para realizar 53 actuacións en algo máis de 40 concellos galegos, son fomentar a recuperación dos espazos de encontro para mellorar a opción de lecer dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no medio rural “en resposta unha filosofía: unha praza, un concello”, explicou. Investiranse, deste xeito, 34 millóns de euros para o programa de equipamentos públicos, 27,5 millóns de euros para a humanización de rúas, e 34 millóns de euros en programas de urbanización e mellora de espazos públicos.

Unha rede gasísitica galega máis ampla, moderna e eficiente
O presidente da Xunta subliñou a aprobación hoxe polo Consello dun decreto que “desbloquea de forma definitiva o desenvolvemento das redes de distribución de gas en Galicia e permite dotar a nosa Comunidade Autónoma dunha rede de gas máis ampla, máis moderna e máis eficiente”. Consonte explicou, a norma impulsada polo Goberno fará posible regular a situación de “bloqueo” que impedía a chega do subministro de gas a máis de 30 localidades galegas.

Alberto Núñez Feijóo resaltou que o decreto establece os criterios de valoración para que as empresas interesadas en levar o gas ata as localidades galegas poidan concorrer en réxime de competencia e poidan acceder á adxudicación da execución desas infraestruturas. Por ese motivo, considerou que esta iniciativa constitúe “unha boa nova”, en tanto en canto permite “superar a parálise que tiñamos anteriormente e retomar o desenvolvemento da rede de distribución gasísitica en Galicia”, e deste xeito, “mellorar a competitividade das empresas do sector gas, insistir na diversificación enerxética de Galicia e mellorar a calidade de vida dos cidadáns, que van ter unha enerxía alternativa á enerxía tradicional que veñen consumindo”.

Nas súas declaracións, o xefe do Goberno galego remarcou que o investimento previsto da instalación de gas é de 80 millóns de euros e detallou que os criterios recollidos no decreto para desenvolver as redes de distribución de gas son ser titular de autorizacións administrativas en redes de distribución próximas ás que saen a concurso; a idoneidade do trazado que propoñen; as características técnicas do proxecto; o prazo de execución dese proxecto; o orzamento de investimento; e o prazo previsto para o inicio do subministro. “Pensamos que a obxectivación de todos estes criterios vai permitir elixir as mellores compañías, conseguir os menores prazos e investimentos importantes”, salientou o presidente da Xunta.

Entre as localidades galegas que se verán beneficiadas pola posibilidade de acceder á rede de gas, Feijóo citou A Estrada, A Guarda, Lalín, O Grove, Ares, Cedeira, Melide, Mugardos, O Barco de Valdeorras, Verín, Xinzo de Limia, Burela, Foz, Monforte, Sarria e Viveiro.

 

Clúster da Auga de Galicia
“En época de crise temos que cooperar entre nós mesmos para poder competir fóra; en época de crise temos que xuntar todas as sinerxías que temos en Galicia para ter maior musculatura na competitividade na internacionalización da nosa economía”, aseverou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta asegurando que “así o fixemos cando autorizamos por primeira vez o pagamento de anticipos de ata o 80% en beneficio de todos os clúster constituídos en Galicia; cando impulsamos o Clúster da Pedra Natural; cando impulsamos o Clúster da Xeotermia; e así o facemos hoxe cando estamos a crear, por primeira vez, o Clúster da Auga de Galicia”.

Un clúster, dixo, que supón agrupar a máis de 60 empresas cunha facturación de 120 millóns de euros e que dan emprego a máis de 2.000 persoas. “É evidente que temos potencial”, subliñou o presidente galego lembrando que “cada cinco balnearios que hai en España, un está en Galicia”. “É evidente que temos disposición e vontade política co sector e creo que hoxe hai unha boa nova, para 60 empresas, para 2.000 traballadores e para unha facturación de 120 millóns de euros que son as que xa están comprometidas para poñer a andar este Clúster da Auga de Galicia”, argumentou ao respecto.
 

Imaxes relacionadas