O conselleiro de Cultura e Turismo presentou a mostra, dentro dos actos da Semana de Galicia na Expo Universal de Shanghai, como unha escolma da “pintura poética e ruidosa que ofrece unha mirada orixinal sobre a realidade percibida polo artista”.
Shanghai (China), 20 de maio de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurou hoxe a exposición Abstract Speech – Discurso abstracto do pintor coruñés Fernando Pereira, dentro dos actos culturais da Xunta de Galicia na cuarta xornada da Semana da Comunidade Autónoma en Shanghai. Roberto Varela sinalou ao pintor galego como representante dunha “xeración de creadores plásticos que renovaron a rica tradición pictórica da nosa rexión”.
A mostra situada na galería CanART, fóra do recinto Expo, supón para o conselleiro de Cultura “un proxecto artístico que se define empregando unha morfoloxía e unha sintaxis abstracta, pero asumida dunha maneira persoal e xenuinamente atlántica na elección da paleta”. Para Roberto Varela, a obra de Fernando Pereira, achéganos unha “pintura poética e ruidosa que ofrece unha mirada orixinal sobre a realidade percibida polo artista”.
O titular de Cultura valorou a importante figura de Fernando Pereira para Galicia “polas interesantes obras que nos brinda”, e agradeceu o traballo da comisaria da exposición, Raquel Santamaría que fixo posible a mostra e o fomento do “intercambio cultural entre Oriente e Occidente e o subseguinte aprendizaxe mutuo”.
Trazos galegos en Shanghai
Fernando Pereira está considerado un investigador dentro da abstracción pictórica e na busca da pintura pura, a súa nova proposta baséase na composición, na cor e na liña. Segundo a crítica, “a pintura de Fernando Pereira é máis de corazón que de mente, máis de tacto que de man”.
Fillo do pintor Tomás Pereira, Fernando medra entre pinceis e óleos. A titoría de Ramón Núñez nos seus primeiros estudos márcalle a súa formación humanística completada pola singular biblioteca da súa nai Enriqueta Pena. Desprázase a Londres a principios dos 80 para complementar a súa formación artística no Barnet Art Center, aínda que a súa verdadeira formación artística se adquire ao longo dos anos que traballou no estudio do seu pai experimentando con toda clase de materiais e estilos.