Xacobeo importa leva a Santiago ao grupo estadounidense Interpol, que presentará o seu último disco o 1 de outubro na sala Capitol

Preto de 4.000 persoas asistiron aos concertos de Richard Hawley, Vetiver, Joan Baez, Yo La Tengo, Mark Lanegan e Raekwon celebrados ata o momento no marco de Xacobeo Importa

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou o “éxito de público” rexistrado polas actuacións incluídas neste certame, que agora chega ao seu ecuador, e augurou que o concerto do grupo Interpol “dará moito que falar”
 

Santiago, 9 de xuño de 2010.- O grupo estadounidense Interpol actuará o próximo venres 1 de outubro en Santiago de Compostela no marco do ciclo Xacobeo Importa. O concerto terá lugar na Sala Capitol e as entradas poderán adquirirse en puntos de venta habituais do ciclo. Este será o único concerto que Interpol ofrecerá en Galicia dentro da xira europea que ofrecerá entre os meses de setembro e novembro e que os levará por cidades españolas como San Sebastián, Sevilla, Madrid ou Barcelona.

A banda estadounidense Interpol, nacida no ano 1998, chegará a Santiago de Compostela para presentar o seu novo disco, que leva por título Interpol, nun único concerto. A banda foi medrando desde os seus comezos a base de largas xiras que os levaron por medio mundo e a pisar escenarios como o Madison Square Garden de Nova York, o Royal Albert Hall de Londres ou o Zenith de París. Desde a publicación do seu primeiro disco Antics, Interpol converteuse nun dos referentes do recente revival post punk que invadiu Europa e América.

Na rolda de prensa de balance da primeira parte do ciclo Xacobeo Importa celebrada hoxe en Santiago estiveron presentes o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, e os promotores do ciclo Xacobeo Importa, David Lago López e Raquel Seijo Enriquez. Na súa intervención, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou o “éxito de público” rexistrado polas actuacións celebradas no marco do ciclo Xacobeo Importa, que agora chega ao seu ecuador, e augurou que o concerto de Interpol “dará moito que falar”.

Asemade, explicou que Xacobeo Importa “cumpre cos obxectivos de Xacobeo 2010 de ofrecer unha programación atractiva, para todos os públicos, na que prima a diversidade temática e de estilos”. Ignacio Santos engadiu que o ciclo tamén cumpre “a premisa de incluír na programación propostas únicas, inéditas ou de artistas que visitan Galicia por primeira vez”. “En definitiva, trátase de dar prioridade á creatividade artística e ao talento”, asegurou.

Desde o inicio do ciclo en decembro de 2009, os preto de 4.000 asistentes concertos programados avalan o éxito das propostas que Xacobeo Importa trouxo a Galicia ata chegar ao ecuador da súa programación. Desde que se inaugurou a súa programación co concerto de Vetiver, o ciclo non deixou de colgar o cartel de entradas esgotadas na maior parte dos seus concertos, como foron o de Richard Hawley en A Coruña, o de Joan Baez en Vigo ou o de Yo La Tengo en Santiago, para os que se venderon todas as entradas días antes dos concertos. As últimas actuacións de Mark Lanegan e Raekwon en Compostela tamén demostraron, con case 1.200 asistentes entre os dous, que a diversidade de propostas e estilos que ofrece o ciclo Xacobeo Importa son garantía de éxito.

Para o ano 2010, e xunto a Xacobeo 2010, deseñouse unha edición deste ciclo cunhas expectativas ambiciosas. Deste xeito, Xacobeo Importa continúa co propósito de achegar ao público galego artistas de referencia nos circuítos alternativos e consolidarse como unha proposta estable ao longo do ano. Mantendo o seu núcleo de actividade en Santiago de Compostela, a súa programación ampliouse ata outras cidades como Vigo, Coruña ou Pontevedra e a outros formatos de concertos como auditorios ou teatros.

A próxima cita do ciclo é o concerto que Rufus Wainwright dará o próximo 30 de xuño no Centro Cultural Caixanova de Vigo a partir das 22.00 horas. Con cinco discos ás súas costas e proxectos coma Prima Donna, ópera que escribiu recentemente, Rufus Wainwright conta cun gran talento como compositor e como comunicador e, de seguro, fará as delicias dos asistentes ao concerto do día 30 de xuño.

Imaxes relacionadas