Xunta de Galicia

A Asociación berciana da lingua Xarmenta premia os mellores debuxos acerca da “maxia” do galego

A entidade vén de entregar os galardóns deste certame dirixido ao alumnado de Lingua galega no Bierzo

  • Imaxe dos premiados

O Bierzo, 26 de xuño de 2010.- A Biblioteca Municipal de Ponferrada vén de acoller a entrega de galardóns dos V Premios Xarmenta de Debuxo, un certame que promove a Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” e que está dirixido ao alumnado de Lingua galega do Bierzo.

O tema dos debuxos gañadores deste certame, co que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi o da lingua galega desde diversas perspectivas, como os coñecementos, os usos (especialmente na comarca do Bierzo), as actitudes, a promoción, os prexuízos, os factores culturais, o feito diferencial da lingua galega no Bierzo etc. Os debuxos serviron de ilustración ao lema proposto por Xarmenta, que este ano foi “A maxia da lingua”.

Os premiados
Os tres primeiros clasificados, respectivamente, nesta quinta edición foron Carlos Pardo Cerezo, do IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo; Daniel, do CP Valentín García Yebra de Ponferrada; e Nerea Semprón Silva, do CP Virgen de la Quinta Angustia de Cacabelos.

Xunto con estes tres premiados, tamén foron galardoados outros estudantes do CP Jesús Maestro de Ponferrada, do CRA da Ponte de Domingo Flórez, do CP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo, do CRA Jiménez Muñiz de Corullón, do CP Virgen del Carmen da Placa, do CRA de Carucedo, do CP Compostilla e mais do CP San Ildefonso de Camponaraia.

O debuxo do primeiro premiado foi estampado nunha serie de camisetas que se presentaron durante o acto. Ademais, a entrega de premios tamén contou coa actuación do grupo Viravolta Títeres-Seisdedos, que representou o seu espectáculo O cego dos monifates.

Proxección exterior da lingua galega
A través da colaboración cos Premios Xarmenta de Debuxo, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca favorecer a presenza do galego nos territorios fronteirizos nos que está presente esta lingua. Ademais, a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León manteñen un protocolo de colaboración grazas ao que máis de 1.000 alumnos e alumnas estudaron materias de e en lingua galega durante o curso 2009-2010 nas provincias de León e de Zamora.

Programa de ensino en galego en Castela e León
O programa de ensino en galego en Castilla y León posibilita que en primaria se poida impartir opcionalmente unha hora e media semanal en galego na área de Coñecemento do medio e tamén a materia de Educación plástica, seguindo os mesmos contidos que os alumnos que só estudan castelán. En educación secundaria estúdase opcionalmente Ciencias sociais en galego en toda a ESO, tamén cos mesmos contidos. Ademais, existe a materia optativa de Lingua e cultura galega en 4.º da ESO e en 1.º e 2.º de bacharelato.
 

  • whatsapp