O titular do Executivo galego, que presidiu esta mañá a entrega das Medallas Castelao 2010, sostén que neste acto se atopa a resposta de cómo somos os galegos

Feijóo destaca o inconformismo dos galegos “que os fai loitar por ampliar as fronteiras da súa comunidade”

“O noso galeguismo non se resigna ao determinismo xeográfico, senón que practica un pacífico expansionismo”

Subliña que os galardoados coas Medallas Castelao “axudaron a cumprir os soños insatisfeitos que dormen no Panteón de Galegos Ilustres

“Eles fan que os límites deste pobo sexan afortunadamente imprecisos, que Galicia poida estar nun auditorio de París, nunha sala de exposición de Nova York, nunha biblioteca de Londres e tamén nun hospital ou nunha praia. Gracias a vós, Galicia non é un pobo cativo”, afirma
 

Santiago, 28 de xuño de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou esta mañá, no acto de entrega das Medallas Castelao 2010, o inconformismo dos galegos, “que os fai loitar por ampliar as fronteiras da súa comunidade”. O titular do Goberno galego sinalou que os galardoados “axudaron a cumprir os soños insatisfeitos que dormen no Panteón de galegos ilustres”. “Eles fan –dixo- que os límites deste pobo sexan afortunadamente imprecisos, que Galicia poida estar nun auditorio de París, nunha sala de exposición de Nova York, nunha biblioteca de Londres e tamén nun hospital ou nunha praia. Gracias a vós, Galicia non é un pobo cativo. E gracias a vós, moita xente sabe que no mundo soa unha voz libre, aberta e chea de enerxía: a voz dos galegos”.

“Luz Casal quéixase nunha das súas baladas de que ‘deixou marchar’ a alguén, pero a Galicia de hoxe non vai deixar que marche ninguén que nos faga sentir un pouco máis orgullosos de ser o que somos. César Antonio Molina vai na procura de ‘lugares onde se calma a dor’, e nós dicímoslle que ese lugar terao sempre aquí, entre os seus. E Antón Lamazares dinos ‘maiúsculas, grande e universal’, e así é como os galegos vimos e vemos a nosa Terra”.

De Prudencia Santasmarinas e Rosalina Celada salientou que “falan co seu traballo para dicirnos que moita xente sinte que podemos superar as dificultades, se somos quén de poñer o noso grao de area para construír unha Galicia da cooperación”.

O presidente do Goberno galego aseverou que cada galego leva en si un inconformismo, “porque o noso galeguismo non se resigna ao determinismo xeográfico, senón que practica un pacífico expansionismo”.

“Cada galego semella unha canción de Luz Casal que nace na súa gorxa para despois medrar en diferentes sentimentos en cada un que a escoita. Cada un de nós séntese afluente dun río que se vai enchendo de inquedanzas e de forza, como ese Eume cantado por César Antonio Molina que discorre polas fragas ata chegar ao mar. Somos coma as creacións artísticas de Antón Lamazares que se multiplican cada vez que alguén as contempla e recibe, a traveso da pintura, ese alento que naceu hai tempo nas terras do Deza. Fainos como comunidade o traballo calado de moitas Rosalinas e Prudencias que forman a rede humana dun país solidario”.

Para o titular da Xunta, a resposta de cómo somos os galegos atópase neste acto de entrega das Medallas Castelao. “Os peregrinos son afortunados cando atopan no seu camiño a romeiros que axudan co seu exemplo. Na peregrinaxe que os galegos facemos polo tempo, tamén temos a sorte de atopar a paisanos exemplares polas súas realidades e os seus feitos. Eles son os guieiros que nos marcan o rumbo axeitado. Neles facemos descansar a nosa confianza en que este pobo noso vai seguir en marcha”, concluíu.


 

Imaxes relacionadas