Roberto Varela presenta a nova revista ‘Ad Limina’ como “un elemento que garante o progreso constante da investigación sobre o Camiño de Santiago”

O conselleiro de Cultura e Turismo presentou esta mañá a publicación, editada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que “tenta ofrecer respostas e aportar progreso intelectual ao fenómeno universal das peregrinacións maiores”

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 26 de xullo de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá no Pavillón de Galicia a nova revista Ad Limina, editada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, como “un elemento necesario que garante o progreso constante da investigación dos estudos do Camiño de Santiago e que contribúe ao desenvolvemento cultural e científico das peregrinacións compostelás”. Ao acto de presentación tamén asistiron o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; e o presidente do Consello de Redacción da revista Ad Limina e do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken.

O conselleiro de Cultura destacou “o carácter científico e marcadamente interdisciplinar” do proxecto Ad Limina, e sinalou entre os seus obxectivos o de “aportar progreso intelectual ao complexo fenómeno universal das peregrinacións maiores, así como ofrecer respostas e informar das novas investigacións no importante eido dos estudos do Camiño de Santiago”.

Segundo o conselleiro, a revista “está chamada a ser referente científico internacional deste apaixonante ámbito de estudo”. “Será, así mesmo, unha publicación que fomentará a investigación xacobea no maior número de áreas posibles e abrirá novas vías para a definición de liñas de investigación non abordadas ata o momento”, engadiu.

Roberto Varela salientou o compromiso e responsabilidade da Consellería de Cultura e Turismo na aposta polo coñecemento “necesaria no noso actual contexto social e que resulta unha poxa fundada na propia historia do Camiño de Santiago”. O conselleiro valorou esta aposta como “un dos indubidables leitmotivs do Camiño, a difusión das ideas”.

Ad Limina
Ad Limina nace no marco das celebracións do Xacobeo 2010, como unha revista aberta aos estudos do Camiño de Santiago e, por extensión, a todo o fenómeno das peregrinacións. Posúe unha clara vocación interdisciplinar e internacional que lle permite dirixirse a un amplo espectro de investigadores de calquera nacionalidade.

A revista en formato papel terá os contidos en galego, castelán e inglés. Non obstante, proximamente Ad Limina contará tamén cunha versión electrónica, accesible desde a páxina web do Xacobeo, www.xacobeo.es. Esta opción garante a mellor difusión dos seus contidos e insírese nun camiño aberto, o da rede como motor da nova sociedade da información e da comunicación.
 

Imaxes relacionadas