Xunta de Galicia

Saen á venda as entradas para o dobre concerto que ofrecerán Mudhoney e Young Fresh Fellows o 27 de setembro en Santiago

As localidades para asistir a esta actuación do ciclo Xacobeo Importa pódense adquirir desde hoxe na web www.servinova.com

Santiago, 9 de agosto de 2010.- As entradas para asistir ao dobre concerto das bandas Mudhoney e Young Fresh Fellows, que terá lugar o próximo 27 de setembro en Santiago e que está incluído no ciclo Xacobeo Importa, pódense adquirir desde esta mañá a través da web www.servinova.com e do teléfono 902504500. As localidades, que teñen un prezo de 20 euros en venda anticipada, estarán dispoñibles a mediados de semana no resto de canles habituais de Xacobeo Importa.

Nesta actuación, Mudhoney e Young Fresh Fellows presentarán por vez primeira en Galicia as mellores cancións que foron recompilando nos seus máis de vinte anos de carreira. Deste xeito, dous grupos lendarios de Seattle xúntanse nun dobre concerto único que se suma aos xa programados para este ano dentro deste ciclo. Os primeiros en subir ao escenario serán Young Fresh Fellows, que presentarán I Don’t Think This Is... The Young Fresh Fellows, o seu primeiro disco desde 2001 e que se publicou 25 anos despois da aparición do seu álbum de debut, The Fabulous Sounds of The Pacific Northwest.

De seguido, trala actuación de Young Fresh Fellows, será a quenda de Mudhoney, que ofrecerá ao público unha mestura de punk e blues psicodélico. Ademais do seu legado musical, no que hai himnos da talla de Suck you dry o Touch me I’m sick que resisten ao paso do tempo, é innegable a súa influencia en bandas posteriores.

Xacobeo Importa é unha iniciativa do Xacobeo 2010 e o Ciclo Importa. Este proxecto trae consigo unha programación regular que engloba a grupos e artistas do circuíto independente que nunca visitaron Galicia ou que pola súa traxectoria, estilo ou relevancia, merecen ser presentados ao público galego en actuacións únicas e formatos especiais. No marco deste ciclo xa tiveron lugar, ata o momento, as actuacións de Vetiver, Joan Baez, Richard Hawley, Yo La Tengo, Raekwon, Mark Lanegan e Rufus Wainwright.

A seguinte cita do ciclo será o vindeiro 1 de outubro, data na que o grupo Interpol subirá ao escenario da Sala Capitol de Santiago. Un mes máis tarde, o 27 de novembro, será a quenda de Alice Cooper, que actuará no Multiusos Fontes do Sar.

  • whatsapp