O director xeral de Cultura destaca a inclusión de dous autores galegos na “selecta” Lista de Honra do IBBY 2010

Francisco López asistiu á presentacón de diplomas da Lista de Honra do XXXII Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil, na que se recoñece o traballo de Agustín Fernández Paz e de Ignacio Chao

Santiago, 9 de setembro de 2010.- O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, destacou esta tarde na presentación de diplomas da Lista de Honra do XXXII Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil a importancia da inclusión de Agustín Fernández Paz, na categoría de creación, e de Ignacio Chao, na de tradución. “Para nós, como galegos, é un gran pracer velos nesta relación selecta, que nos leva a agradecerlle ao IBBY o apoio que lle dá deste xeito á cultura galega, en xeral, e á cultura relacionada coa infancia e a xuventude, en particular”, asegurou.

Respecto á incorporación destes “importantes nomes” da literatura infantil e xuvenil galega, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura lembrou que é a terceira vez que se inclúe a Agustín Fernández Paz, “o noso creador de innumerables historias cargadas de humanidade”. Do mesmo xeito, salientou Francisco López, prodúcese por vez primeira o recoñecemento de Ignacio Chao como “tradutor exquisito, que lle dá á escrita a posibilidade de abrirse a novos públicos e a novos espazos”.

Na súa intervención, o director xeral enxalzou o valor de figurar nunha relación de prestixio como ésta xa que “desde a experiencia compartida no eido da literatura infantil e xuvenil e dentro do campo da xestión da cultura, sabemos que a creación literaria actual, no terreo da literatura infantil e xuvenil, conta cunha impresionante riqueza, que dificulta o labor dos comités de selección”.

“Todas as persoas incluídas nesta lista de honra certifican o gran momento que está a vivir a literatura e a edición infantil e xuvenil, a extraordinaria calidade da oferta mundial neste eido, e tamén a internacionalización verdadeira das culturas, das maiorías, e das minorías ás que está dedicado este trixésimo segundo congreso do IBBY”, afirmou.