GalegoCastellano
O novo centro de día de Xinzo de Limia atenderá a 30 maiores dependentes

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe as novas instalacións equipadas pola Xunta

A titular do departamento autonómico destaca que o Goberno galego incrementou este ano nun 13,1% a axuda no fogar na localidade ourensá

O departamento dirixido por Mato destinará a Xinzo de Limia máis dun millóns de euros en accións de promoción de emprego ao longo de 2010
 

Compartir
  • whatsapp

Xinzo de Limia (Ourense), 4 de outubro de 2010.- Os maiores da localidade ourensá de Xinzo de Limia xa poden disfrutar das novas instalacións do centro de día, que puxo en marcha a Xunta de Galicia. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe o novo servizo social, que dispón dun total de 30 prazas.

En concreto, o departamento autonómico investiu preto de 90.000 euros para equipar o centro e a partir de agora correrá coa meirande parte do seu mantemento.

Mato explicou que a creación de recursos como o novo centro de día enmárcase dentro dunha estratexia integral que a Xunta de Galicia definiu “para garantir o benestar e a calidade de vida das nosas persoas maiores”.

Ao respecto, a conselleira incidiu en que esta estratexia, o Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013, baséase en catro obxectivos fundamentais: sensibilizar aos cidadáns e cidadás sobre os valores do envellecemento; adiantarse e previr as situacións de dependencia mediante a promoción do envellecemento activo e a participación social; xerar recursos de calidade para a atención “sen distinción” a todas as persoas maiores; e, por último, establecer liñas de cooperación entre todos os axentes implicados na atención dos maiores.

O Plan Galego de Maiores
Mato, así mesmo, indicou que o Goberno galego xa está a poñer en marcha este plan, que o Consello da Xunta aprobou o pasado venres.

“Para a implementación do Plan o orzamento que prevemos investir será superior aos 850 millóns de euros ata 2013”, precisou a titular de Benestar.

Ademais, a conselleira apuntou que o Plan Galego de Maiores forma parte do Plan de Actuación Social 2010-2013. “Estas dúas ferramentas son froito do intenso traballo que estamos facendo desde a Xunta para paliar dous déficits que atopamos cando chegamos ao Goberno: a inexistencia dunha política social definida e a despreocupación total pola planificación de recursos destinados aos maiores”, sinalou.

Na liña de mellorar a atención aos maiores, Mato recalcou que a Xunta incrementou este ano a axuda no fogar para o concello de Xinzo de Limia nun 13,1% con respecto a 2009, en concreto, investiu 15.200 euros máis. O Plan Concertado, que inclúe a axuda a domicilio, aumentou nun 11% nesta localidade.

Por último, a conselleira destacou que outra das vías de acción principal que está a poñer en marcha a Xunta para a consecución do benestar das persoas é a xeración de postos de traballo.

“A mellor ferramenta para conseguir o benestar das persoas é asegurar que poidan ter un posto de traballo e, por iso, o compromiso da Xunta se traduce na realización de actuacións que promovan a inserción laboral das persoas e fomenten a xeración de emprego”, apuntou.

Neste sentido, Mato destacou que, así, no concello de Xinzo de Limia investirá ao longo de 2010 máis dun millóns de euros en accións de promoción de emprego encamiñadas a mellorar a empregabilidade.

 

Imaxes relacionadas