GalegoCastellano
Economía e Industria impulsa en Galicia o programa para desenvolver marcas de alto potencial internacional

O encontro incluirá a exposición de experiencias de internacionalización de marcas de prestixio como Pescanova ou Freixenet

A xornada informativa tamén acollerá relatorios sobre a relevancia da propiedade industrial no ámbito da internacionalización e sobre as axudas do Igape para facilitar a proxección exterior das empresas galegas

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 16 de outubro de 2010.- Incrementar o número de marcas de Galicia con notoriedade e implantación internacional é o obxectivo do programa sobre Marcas de Alto Potencial Internacional (MAPI), que se vai desenvolver en Galicia impulsado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e mediante a colaboración coa Asociación de Marcas Renombradas Españolas (AMRE). A presentación do programa MAPI para Galicia desenvolveranse nunha xornada informativa que se celebrará o próximo día 20 de outubro na sede da Xunta de Galicia en Vigo (Concepción Arenal, 8).

Mediante o programa MAPI Galicia preténdese acelerar o proceso de consolidación das marcas galegas de alto potencial internacional no exterior, reducindo os riscos inherentes ao mesmo, e contribuíndo a conseguir un maior número de marcas en disposición de actuar como embaixadoras da imaxe dos produtos e servizos galegos no exterior.

A apertura da xornada, ás 11 horas, correrá por conta do presidente do Foro das Marcas Renombradas Españolas, José Luis Bonet, e do secretario xeral do Igape, Javier Álvarez Barbeito. A continuación, o director xeral de AMRE, Miguel Otero, e o director da Unidade de Transferencia de Experiencia e Coñecemento de Marcas (UTEC), Wim Van Brakel, encargaranse da presentación do programa MAPI para Galicia. A xornada informativa contará ademais cun relatorio sobre as liñas de apoio e financiamento existentes para apoiar a internacionalización das empresas galegas, que correrá por conta da subdirectora de Internacionalización do Igape, María Dolores García de los Huertos.

O encontro incluirá, por outra banda, unha mesa redonda-coloquio sobre experiencias de internacionalización de marcas, contando coa participación do presidente de Freixenet, José Luis Bonet, o director xeral de área de Pescanova, César Real, e o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema. Para rematar os asuntos a debater, o director da Oficina Española de Patentes e Marcas, Alberto Casado, pronunciará un relatorio sobre a relevancia da propiedade industrial para a internacionalización. Os empresarios interesados en asistir a xornada poden inscribirse en www.xornadas.igape.es .

O impulso á internacionalización empresarial conforma un dos eixos estratéxicos prioritarios do Plan re-Forza 2010 que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través do Igape; o orzamento do Instituto neste ámbito medrou nun 57% e pasou de 11,4 millóns en 2009 a 18 millóns en 2010.