GalegoCastellano

O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños e o secretario xeral responderon a diversas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Mar lembra que o estudo sobre o impacto socioeconómico do “Prestige” foi realizado en 2005 pola Universidade de Santiago en base a un convenio

Francisco Vidal-Pardo lembrou que a actual Xunta aboou máis de 8.000 euros á distribución do estudo sobre o impacto socioeconómico do Prestige, o resto, 60.000 euros, foron aboados polo goberno bipartito

O director xeral anunciou que a Consellería do Mar traballa na defensa dun plan de xestión da pescada adaptado ás necesidades reais do sector co obxectivo de garantir a conservación do recurso a través dunha pesca responsable

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 20 de outubro de 2010.- A Consellería do Mar lembra que o estudo sobre o impacto socioeconómico do Prestige foi realizado en 2005 pola Universidade de Santiago en base a un convenio. Así o expresou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo o seu secretario xeral, Francisco Vidal-Pardo, quen incidiu en que a publicación deste estudo figuraba nunha das cláusulas do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos no ano 2005. Neste traballo, segundo aclarou, a actual Xunta aboou máis de 8.000 euros para a súa distribución, o resto, 60.000 euros foron aboados polo goberno bipartito.

Respecto da autoría deste estudo, o secretario xeral lembrou que foi a propia USC quen designou libremente a súa elaboración a Pedro Arias, moito antes de que fose deputado, e a Miguel Cancio. Vidal Pardo lembrou que foi a actual Xunta, no ano 2009 a que difundiu este traballo obedecendo a unha das cláusulas do convenio.

Pescada, bocareu e ourizo
Por outra banda o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández, anunciou que a Consellería do Mar traballa na defensa dun plan de xestión da pescada adaptado ás necesidades reais do sector co obxectivo de garantir a conservación do recurso a través dunha pesca responsable. Pablo Fernández informou de que a Consellería está “intentando con argumentos científicos que se pase dun plan de recuperación a un plan de xestión e demostrar ademais que os TAC que se teñen nestes momentos non están ben establecidos”. O director xeral expresou ademais a necesidade dunha orde de xestión desta pesquería, esta xorde segundo dixo, debido a que a posibilidade de incremento dun 15% do TAC para o 2011 “non vai a ser unha solución total ao problema”.

O titular de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños explicou os pasos dados dende a Xunta en relación á xestión da pesqueira desta especie e deu conta das reivindicacións do sector expostas nas reunións mantidas co MARM. En canto ao reparto das cotas, o director xeral lembrou que a Consellería do Mar, os representantes do arrastre e das artes fixas, e as federacións que representan ás artes menores, coinciden en que debe establecerse baseándose nos datos comprendidos entre o período 2002 -2009, e non soamente cos datos comprendidos entre 2005 e 2009, dende que se iniciou o plan de recuperación. Fernández Asensio incidiu en que “eses datos son máis uniformes e, polo contrario, os outros variaban bastante e favorecían aos que sobrepescaron”.

No referente aos topes de captura e desembarque, o director xeral remarcou que a administración galega defende os topes por día e ademais nas modalidades que se puidese establecer que sexa por tripulante/enrolado e a bordo/día cun máximo diario por embarcación. Pablo Fernández informou que na última das xuntanzas de traballo co MARM, o 14 de xullo, o ministerio quedou en convocar unha reunión tanto coas administracións pesqueiras autonómicas como cos representantes do sector para a primeira quincena de setembro, onde se tratarían as posibilidades que se poden liderar de cara ao Consello de Ministros de decembro. Esa reunión segundo lembrou , de momento, “non tivo lugar”.

En canto á pesqueira do bocareu, o director xeral, recordou que o regulamento europeo fixa as posibilidades de pesca da anchoa no Golfo de Vizcaia para a campaña de pesca 2010/2011 nun TAC de 6.300 toneladas e tamén deu conta das accións da administración galega na súa xestión. Entre elas salientou a incidencia na necesidade de establecer un plan de xestión da cota desta especie e de regular a súa captura e desembarque para garantir unha pesca responsable.

En relación á diminución das capturas do ourizo na Mariña, Fernández Asensio espuxo que a Consellería está traballando para recuperar os stocks da especie naquelas zonas tradicionais de extracción a través de repoboacións. Entre as causas do descenso, o director xeral destacou que puideron ser “a apertura á súa extracción por parte de afeccionados” e o “cambio e inclusión de novas fórmulas de explotación”. Ademais engadiu que a decisión do bipartito de establecer un plan conxunto e aberto á extracción mediante mergullo puido ser inaxeitada para o recurso.

Marisqueo en Ferrol e Fisterra
Por outra banda, o director xeral explicou que a Consellería está a desenvolver o Plan de acción para a dinamización do marisqueo na Ría de Ferrol co que pretende incrementar as opcións de traballo. Así, explicou que a rexeneración do banco de “As Pías”, que se realizou hai catro meses para incrementar a produtividade deste banco marisqueiro, beneficiou a 170 mariscadores a pé e a preto de 90 embarcacións. Ademais sinalou que o seu departamento está a estudar o estado do recurso nesa zona cuxos primeiros informes “indican a posibilidade de apertura de novos bancos marisqueiros” na parte externa da ría. Fernández Asensio dixo que na recuperación dos bancos marisqueiros ferroláns tamén colabora a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutuas coa posta en funcionamento das EDAR e a través dos controis e sancións dos vertidos procedentes da actividade industrial.

No relativo ao o plan de explotación presentado pola Confraría de pescadores de Fisterra, o responsable de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños indicou que a Consellería o aprobou en base aos informes técnicos, “que confirmaron a existencia dun banco de ameixa”. Na liña da Consellería do Mar de xerar postos de traballo baixo a premisa da conservación do recursos, a dirección xeral da que está ao fronte Fernández Asensio recomendou a apertura deste plan de marisqueo nos meses nos que cesa a actividade da navalla e longueirón, para evitar a simultaneidade da extracción destas especies. O número máximo de embarcacións autorizadas para a extracción de ameixa é de 10, cun máximo de 20 tripulantes, aínda que “estes números poderían incrementarse en función das avaliacións dos topes de capturas por parte dos técnicos”.