Pilar Farjas salienta a mensaxe social da Lei de prevención do consumo de alcohol en menores para preservar ás xeracións futuras no momento máis vulnerable da súa vida

Farjas destacou a finalidade educativa, divulgativa e de concienciación social da norma, onde o importante non son os importes das sancións senón a posibilidade de conmutalas por traballos á comunidade que incidan nese obxectivo didáctico

A futura lei dotará ás administracións públicas de ferramentas de loita contra esta situación baseadas na ‘Estratexia da UE para axudar aos Estados membros a reducir os danos relacionados co alcohol’

Os datos estatísticos reflicten que o 81,2% dos escolares de entre 14 e 18 anos probaron algunha vez o alcohol, o 45% dos adolescentes que o consumen tamén consumen tabaco, o 38% cannabis e o 5% cocaína

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 26 de outubro de 2010.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, participou no Parlamento no debate de totalidade do Proxecto de lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, no que apostou por aproveitar a oportunidade “de ofrecerlles un futuro en plenitude a todos eses galegos que hoxe se atopan en construción, os nosos mozos e adolescentes”.

Na súa intervención, explicou que a idade de inicio do consumo de bebidas alcohólicas afecta aos problemas de alcoholismo que aparecen posteriormente na idade adulta. Segundo a Enquisa Estatal sobre o Uso de Drogas en Ensinos Secundarios (2008), o 81,2% dos escolares de entre 14 e 18 anos probou algunha vez o alcohol, mentres que a idade media de inicio mantíñase preto dos 14 anos de idade (13,8), sendo o consumo principalmente nas fins de semana. O 62,4% dos escolares de 14 anos tiñan probado as bebidas alcohólicas.

Ademais, segundo o Plan Nacional de Drogas, máis do 55% dos estudantes de 14 a 18 anos recoñece terse emborrachado algunha vez. “Os nosos datos, proporcionados polo 061, non fan senón confirmar esta situación: entre 500 e 600 menores de idade son atendidos por este servizo anualmente con procesos de intoxicación etílica. Algunhas situacións son moito máis graves aínda, cando falamos de nenos de 10 anos”, lamentou Pilar Farjas.

A isto, dixo, hai que sumarlle o problema do policonsumo, xa que o 45% dos adolescentes que consumen alcohol tamén consumen tabaco; o 38%, cannabis; e o 5%, cocaína. Preocupa tamén a percepción de risco dos adolescentes: só un 50% considera que o consumo de 6 copas nun fin de semana é unha conduta de risco.

“Temos así, definido de xeito contundente, un problema de saúde nun grupo de idade especialmente vulnerable –expuxo-. Un grupo de persoas que consume unha substancia que pode resultar tóxica nun momento clave no desenvolvemento do seu córtex cerebral e que terá, sen dúbida, consecuencias para toda a súa vida, xa a que ao impacto sobre a saúde en termos de enfermidade únese á importante potencialidade aditiva, contribuíndo a escasa percepción do risco asociado a este tipo de conduta.”

Factor social
A conselleira observou que o alcohol tense convertido entre os adolescentes nun sinal de identidade, de pertenza ao grupo; sen embargo, supón “unha verdadeira poda neuronal” porque entre os 13 e os 21 anos “a mocidade desenvolve as capacidades que lles ensinan a ser persoas”.

Neste sentido, estudos realizados neste eido demostran que a exposición ás bebidas alcohólicas en idades temperás inflúe en áreas do cerebro implicadas na toma de decisións - maduran máis lentamente- e que os mozos que consumen grandes cantidades de alcohol nun corto espazo de tempo poden ver afectada a súa capacidade de atención e de memoria de traballo que, de prolongarse, podería resultar irreversible.

“A lei quere converterse nunha mensaxe social clara de rexeita deste tipo de condutas claramente prexudiciais para os menores e que comprometen o seu futuro en saúde”, asegurou Pilar Farjas, engadindo que os cambios de condutas só se conseguen se o contorno deixa de ser permisivo coa conduta que se intenta modificar.

Por iso, dixo, o proxecto de lei responde á necesidade de adecuar a regulación ás pautas de consumo e aos perfís dos consumidores -perfil máis novo, con maior grao de integración familiar, social e escolar ou laboral e consumo abusivo en tempo e cantidade-; e vai dirixida aos menores polas complicacións asociadas a estas pautas de consumo -patoloxía aditiva e psiquiátrica- tanto máis canto máis cedo se inicie o consumo.

“Preténdese dar impulso a unha nova cultura social, baseada no respecto e na empatía cos demais, é dicir, de pensar nos outros”, explicou. A través dela búscase un fortalecemento das relacións entre os actores da sociedade galega, especialmente de cara á protección dos menores de idade, dando respostas aos novos retos que se plantexan no eido do consumo abusivo e indebido de bebidas alcohólicas.

Estratexia da Unión Europea
A responsable da carteira sanitaria do Executivo autonómico sinalou que Galicia traballa para cumprir os obxectivos que, no campo da saúde, marca a Unión Europea. Así, a Estratexia da UE para axudar aos Estados membros a reducir os danos relacionados co alcohol sinala a preocupación desta entidade pola tendencia á alza do consumo masivo ocasional por parte dos menores de idade e marca como prioridades a “protección dos mozos, nenos e bebés non natos” e o control do consumo de alcohol nos menores e a redución do consumo perigoso e nocivo entre os mozos.

Este texto, informou a conselleira, considera eficaces medidas como a introdución de restricións sobre a venda de alcohol, a dispoñibilidade de bebidas alcohólicas e as prácticas comerciais que podan influír nos mozos; a acción apoiada en grupos sociais concretos para previr os danos e comportamentos de risco; e a revisión das idades límite para o consumo de alcohol, especialmente cando estas están por debaixo dos dezaoito anos.

“Pois ben, con este proxecto de lei o Goberno galego dá un paso adiante, dentro do marco que a Constitución e o Estatuto de Autonomía outórganlle á Comunidade Autónoma no ámbito da protección da saúde, co obxectivo de dotar ás administracións públicas galegas, especialmente aos concellos, de ferramentas de loita contra o problema de saúde e social que deriva do consumo de alcohol por menores de idade baseadas nas iniciativas sinaladas pola Estratexia da UE para axudar aos Estados membros a reducir os danos relacionados co alcohol como eficaces no control de problema do alcohol nos menores”, aseverou.

Estrutura da lei
Farjas Abadía salientou da futura lei a súa finalidade educativa, divulgativa e de concienciación social. Así, o importante non son tanto os importes das sancións senón a posibilidade de conmutalas por traballos á comunidade que incidan nese obxectivo didáctico.

Relatou que o texto ten como principios reitores a participación activa da comunidade e dos sectores afectados na planificación e execución das actuacións encamiñadas á prevención do consumo; a integración e coordinación das actuacións por parte de todas as administracións públicas; a promoción de hábitos de vida saudables e a modificación de actitudes e comportamentos contrarios a eles; a consideración prioritaria das actuacións que se desenvolvan con carácter preventivo nesta materia; e a corresponsabilidade social.

Así, no que atinxe á prevención, a norma establece que as medidas que se establezan deberán combinar o carácter educativo e a protección da saúde, mediante a modificación dos contornos para a adopción de hábitos saudables e a limitación das actividades que podan incidir no inicio do consumo. Nela establécense como ámbitos prioritarios de actuación o educativo, o familiar, o comunitario e o sanitario.

Ademais, recóllense tanto as medidas de limitación da oferta de bebidas a menores e a prohibición do seu consumo como as limitacións das actividades publicitarias, de promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas cando estas actividades se dirixan a menores de idade. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na prohibición referida ao consumo de bebidas por rebaixa do prezo, “porque existen datos máis que suficientes de que esa forma de venda induce directa ou indirectamente a un consumo abusivo do alcohol totalmente prexudicial para a saúde”.

Tamén subliñou que os ingresos que se produzan pola imposición de sancións poderán destinarse ao financiamento de programas municipais de lecer e ao fomento de actividades destinadas á xuventude. Ademais, como novidade relacionada co carácter preventivo do texto normativa, inclúese a posibilidade de substitución das sancións pola realización de actividades educativas ou sociais.

Así, os infractores adultos poden substituír a sanción pola realización de traballos ou actividades en beneficio da comunidade; e as sancións a menores de idade poderanse substituír pola realización de programas preventivos de carácter formativo, informativo ou de tratamento que sexan compatibles coa actividade escolar.

Doutra banda, no referido á determinación das competencias das administracións locais no ámbito da lei, o articulado recolle que lles corresponden o establecemento de requisitos para a autorización dos establecementos que venden bebidas alcohólicas e os criterios e condicións do consumo de alcohol por adultos nos espazos de dominio público; así como o exercicio da potestade sancionadora.

“En definitiva, coa aprobación do presente proxecto de Lei, a Xunta de Galicia vai cubrir un baleiro normativo existente, xa que, a pesar de que a Lei de drogas de Galicia está vixente desde o ano 1996, a regulación das bebidas alcohólicas e a incidencia do consumo por menores é puramente testemuñal”, concluíu.

Imaxes relacionadas