O programa Bocaberta de Política Lingüística visitará desde hoxe ata o mércores as localidades de Chantada, Sarria e Quiroga coa actividade Detrás da canción
O resto da semana, Bocaberta levará esta e outras actividades a Forcarei, Poio, Ourense, Vigo, O Carballiño, Monforte, Quintela de Leirado e Celanova
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2010.- O programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta pola mellor música pop en galego para que os máis novos poidan gozar ao máximo nesta ponte da Constitución. Faino coa actividade Detrás da canción, un proxecto que busca achegarlles a lingua galega aos rapaces e rapazas de 12 a 18 anos da man dos grupos Projecto Mourente e The Homens.
Desde hoxe e ata o mércores 8 de decembro Política Lingüística, en colaboración coa empresa Eme2, levará Detrás da canción a tres localidades. A actividade estará hoxe en Chantada, mañá viaxará ata Sarria e o mércores aterrará en Quiroga. Nos tres concellos realizarase, a partir das 18:00 horas, no Telecentro correspondente, un obradoiro de música caseira, que lles permitirá aos máis novos coñecer as ferramentas básicas para compoñer, gravar e publicar en internet unha canción de pop, con materiais e programas facilmente manexables. Esta parte da iniciativa está dirixida por Carlos Valcárcel, alma máter do grupo de pop electrónico Projecto Mourente.
A actividade complétase cun concerto acústico do grupo de pop galego The Homens, que combina nos seus temas a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables. O concerto terá lugar nos tres concellos a partir das 20:00 horas.
O resto da semana, en idénticos horarios, Detrás da canción visitará a cidade de Ourense, onde estará o venres 10 de decembro; O Carballiño, o sábado día 11; e mais Celanova, a onde chegará xa o domingo día 12. Os rapaces e rapazas interesados en participar nos obradoiros de Detrás da canción poden inscribirse a través do enderezo electrónico www.detrasdacancion.info.
Monicreques, xincanas e espectáculos musicais para o resto da semana
Ademais de Detrás da canción, o programa Bocaberta achegaralles a lingua galega aos máis novos, durante esta semana, con outras actividades. É o caso de Vive os contos, unha representación de monicreques realizada pola compañía Títeres Cachirulo que estará o día 10 en Quintela de Leirado (Local Social, 17:30 horas) e o día 11, en Forcarei (Centro Social, 19:00 horas). Nesta representación, un monarca algo confuso terá que resolver un enigma: que é o que máis desexan as mulleres? O que no seu comezo parece unha resposta sinxela convértese nun quebracabezas e nunha chea de aventuras que levarán o monarca a interactuar co público e a reconsiderar o seu pensamento sobre o rol das mulleres.
Outra das actividades desta semana de Bocaberta é o obradoiro de banda deseñada Galimatías, que Política Lingüística desenvolve da man de El Patito Editorial. O prestixioso debuxante Fran Bueno estará o venres día 10 no concello pontevedrés de Poio, no Centro Cultural Xaime Illa Couto, a partir das 17:00 horas.
Finalmente, os máis novos poderán gozar esta semana a través da lingua galega coas actividades A guerra das bruxas e Ola, ola, la! A primeira delas, desenvolvida pola editorial Rodeira, levará diversas xincanas para mozos e mozas de 12 a 16 anos á Praza da Constitución do concello de Vigo. Farao o día 10 (ás 16:00 horas e 17:30 horas) e mais o día 11 (ás 11:00 horas e ás 12:30 horas).
Finalmente, Ola, ola, la!, realizada en colaboración coa Editorial Galaxia, visitará Monforte o día 11 (Edificio Multiusos, en horario de 12:30 horas e 17:00 horas) cun espectáculo musical para os máis pequerrechos a cargo do grupo Mamá Cabra.
Promover unha imaxe positiva do galego e sensibilizar sobre a utilidade do idioma
Ata maio de 2011, a Secretaría Xeral de Política Lingüística percorrerá todos os concellos de Galicia co programa Bocaberta a través de 747 actividades. Trátase dunha iniciativa que busca promover o uso do galego entre os máis novos, favorecer unha imaxe positiva do idioma e sensibilizar sobre a utilidade e o valor da lingua propia de Galicia.
Os horarios e as localidades poden consultarse no boletín electrónico semanal do programa, dispoñible no web da secretaría xeral (www.xunta.es/linguagalega). Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos seus contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.