Xunta de Galicia

A Xunta confirma o día 11 de xaneiro de 2011 como data oficial da inauguración da Biblioteca e do Arquivo da Cidade da Cultura

Santiago, 7 de decembro de 2010.- A Xunta de Galicia vén de confirmar a data de inauguración oficial dos edificios da Biblioteca e do Arquivo da Cidade da Cultura. Será o vindeiro martes 11 de xaneiro de 2011, unha data (11-1-11) que o Goberno galego cualifica como “histórica” para Galicia. A Cidade da Cultura de Galicia inicia así unha nova e esperanzadora etapa. Despois dun coidadoso proceso construtivo, dous dos seis edificios previstos foron xa rematados e é o momento de que esta magnífica infraestrutura cultural comece a percorrer o camiño que a levará a converterse nunha “cidade” para o coñecemento e a creatividade, que permita a Galicia afrontar os desafíos do futuro.

Coa inauguración oficial da Biblioteca e o Arquivo iníciase un tempo no que os galegos poderán sentirse orgullosos de contar con espazos de excelencia dedicados ao seu patrimonio bibliográfico e documental e, por tanto, ao coñecemento e a memoria colectiva. A prioridade da Xunta de Galicia é abrir o Gaiás á cidadanía e ir despregando todos os servizos do Arquivo e da Biblioteca que lle son propios ata alcanzar o seu pleno funcionamento. O Goberno galego segue adiante no seu esforzo por xuntar cultura e vangarda, reforzando a presenza das novas tecnoloxías na Cidade da Cultura co traslado do Centro do Proceso de Datos Integral, que permitirá ademais optimizar o gasto no sector.

A posta en marcha da Biblioteca e o Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia estase a acompañar dun completo programa de actividades culturais que inclúe exposicións, seminarios internacionais e intervencións artísticas de primeiro nivel. Desde o mes de xullo, os participantes no Programa de Visitas poden achegarse á exposición permanente “Peter Eisenman. A Cidade”, que permite “ler” a arquitectura da Cidade da Cultura e seguir as liñas que marcan e organizan o conxunto: seis grandes edificios que interactúan uns cos outros como se fose unha única obra, un gran sexteto. Comisariada por Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luis Axeitos, a exposición “Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia” amosa tamén no Arquivo unha aproximación á identidade de Galicia a través de crónicas manuscritas, libros impresos e documentos que, polo seu valor histórico, literario, legal ou científico contribuíron á construción do que hoxe entendemos como “galeguidade”. Do mesmo xeito, a Biblioteca de Galicia acolle desde o mes de outubro parte da exposición fotográfica “Espazos propios” de Cándida Höfer.

Como espazo de reflexión, a Biblioteca de Galicia foi o lugar escollido para a celebración do encontro internacional “Pasado, presente e futuro das bibliotecas”, que contou con expertos como o pensador italiano Claudio Magris, Premio Príncipe de Asturias das Letras, o poeta e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, ou Román Gubern, profesor Emérito da Universidade Autónoma de Barcelona.

Nesta liña de actuación, o edificio do Arquivo de Galicia acolleu entre o 18 e o 19 de novembro o seminario internacional “O futuro da memoria. Patrimonio arquivístico e dixital”, un encontro que contou coa participación de 120 especialistas nacionais e internacionais.

  • whatsapp