Javier Guerra reactiva o soterramento da liña de alta tensión no barrio pontevedrés de Monte Porreiro co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños

O conselleiro de Economía e Industria asinou coa empresa distribuidora un protocolo para desbloquear a situación de retraso herdada logo da caducidade do convenio asinado en 2007 sen que o Concello levara a cabo a execución da obra civil

O acordo implica un investimento estimado de 1,1 millóns de euros para que a obra esté rematada nos primeiros meses de 2012, e a empresa comprométese a levar a cabo todos os trámites para a obtención das autorizacións administrativas necesarias

O responsable autonómico avanza que o DOG publica mañá a orde que destinará finalmente un global de 3,4 millóns de euros a subvencionar aos concellos para o soterramento de liñas eléctricas xa existentes

Os obxectivos das axudas son a mellora da calidade do subministro eléctrico, o fomento da eliminación do impacto paisaxístico nas vilas galegas e o incremento da seguridade pública, posto que se priman os soterramentos nos solos urbanos

Compartir
  • whatsapp

Pontevedra, 14 de febreiro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asinou hoxe en Pontevedra o protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a empresa Unión Fenosa para reactivar o soterramento da liña de alta tensión no barrio pontevedrés de Monte Porreiro, logo dos problemas derivados pola caducidade do anterior convenio de data do 2007 sen que o Concello levase a cabo a execución da obra civil necesaria para iniciar os traballos.

O protocolo asinado hoxe, que “desbloquea a situación herdada”, segundo apuntou o conselleiro Javier Guerra, implica un investimento estimado de 1,1 millóns de euros para que a empresa, que “terá que levar a cabo todos os trámites para a obtención das autorizacións administrativas necesarias”, afronte as infraestruturas eléctricas que sexan precisas para o definitivo soterramento da liña aérea de alta tensión de Monte Porreiro, obra que deberá estar finalizada nos primeiros meses de 2012.

Javier Guerra explicou que tanto a “Consellería de Economía e Industria como a empresa constituirán unha comisión mixta para o seguimento do establecido no protocolo co obxectivo de que os traballos que se desenvolvan no barrio de Monte Porreiro permitan, dunha vez por todas, eliminar o impacto paisaxístico nesta zona de desenvolvemento urbanístico, e colaborar cos concellos para loitar contra a contaminación eléctrica e o feísmo contribuíndo ademais a un mellora da calidade de vida dos veciños da man dunha mellor subministración eléctrica”.

O conselleiro de Economía e Industria avanzou que o seu departamento leva investidos en dous anos máis de 11 millóns de euros en axudas aos concellos para o soterramento de liñas eléctricas, e anunciou que mañá mesmo sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a orde que destinará nun primeiro momento 2,3 millóns de euros, que se verán incrementados até chegar aos 3,4 millóns de euros totais coas novas incorporacións orzamentarias, a apoiar o soterramento de infraestruturas eléctricas xa existentes nos concellos de Galicia.

“Deste xeito –apuntou Javier Guerra-, a Consellería de Economía e Industria segue a traballar na mellora da calidade de vida dos galegos a través da mellora das infraestruturas de subministración eléctrica co obxectivo de beneficiar a todos os concellos e aos seus habitantes”.

Esta orde, “á que non concurriu o Concello de Pontevedra o pasado ano 2010”, lembrou o conselleiro, “inclúe de novo o pagamento de anticipos de até o 80% das subvencións concedidas sen esixencia de garantías, e incrementa a intensidade da subvención até o 80%, moi por riba do 30% que se viña subvencionado até o de agora”.

A inclusión da fórmula do prefinanciamento nesta orde de convocatoria de axudas ten como finalidade facer máis eficaz a aplicación das subvencións destinadas ao soterramento das infraestruturas eléctricas nos concellos, tendo en conta que as necesidades das entidades locais precisan dunha especial atención na actual conxuntura económica.

Os obxectivos das axudas, da que poden ser beneficiarios todos os concellos galegos, son a mellora da calidade do subministro eléctrico, o fomento da eliminación do impacto paisaxístico nas vilas galegas e o incremento da seguridade pública, posto que se priman os soterramentos nos solos urbanos.

As subvencións outorgaranse ademais en réxime de concorrencia competitiva, o que demostra a transparencia da actuación, e establece como criterios de valoración o tipo de actuación, a tensión da liña, a proximidade a centros de interese social como colexios ou centros de saúde, o tipo de solo ou o número de habitantes dos concellos, primando a aqueles que teñen unha menor poboación e polo tanto unha menor capacidade para levar adiante estas obras.

Este acordo, que xestiona a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, esta incluída dentro da estratexia do Goberno galego de cara á mellora das infraestruturas eléctricas de Galicia, o que implica fundamentalmente un incremento da calidade na subministración da enerxía a nivel autonómico, conxugada coa necesaria preservación do entorno.

Ademais, esta orde de axudas, que se repetirá ao longo da lexislatura, vai na mesma dirección e complementa ás Directrices de Ordenación do Territorio, onde tamén se contempla que os tendidos e redes de instalacións enerxéticas serán soterrados, o que permitirá combater o feísmo e a chamada contaminación eléctrica das nosas vilas.
 

Imaxes relacionadas