Xunta de Galicia

O ciclo ‘En Xira’ de compositores galegos arranca mañá en Ferrol co quinteto de metais ‘Santa Cecilia’ acompañado polos solistas Antonio Queija, Irantzu Agirre e Gabriel López

O XVI Ciclo da Asociación Galega de Compositores ‘En Xira’ enmarcado no Ano da Música e no ciclo Galicia Classics ofrecerá desde mañá catro concertos nos que poderán escoitarse 23 estreas de 21 creadores actuais galegos

Santiago, 21 de marzo de 2011.- O XVI Ciclo da Asociación Galega de Compositores ‘En Xira’ enmarcado no Ano da Música e no ciclo Galicia Classics, bota a andar mañá 22 de marzo no conservatorio Xan Viaño de Ferrol coa actuación do quinteto de metais ‘Santa Cecilia’ acompañado polos solistas Antonio Queija Uz e Gabriel López ao piano e Irantzu Agirre Arrizubieta á arpa.

No concerto que terá lugar mañá no conservatorio Xan Viaño escoitaranse, a través do piano de Antonio Queija, obras de catro históricos da música galega como Anselmo González del Valle (Alborada de Veiga), Marcial del Adalid (3eme Vals Brillante. Poème d’amour), Andrés Gaos (Novos Aires Galegos) e Juan Montes (Doce soño e Negra sombra). Do mesmo xeito, o Grupo de Metais Santa Cecilia acompañado por Gabriel López Rodríguez ao piano e Irantzu Aguirre á arpa, interpretarán por vez primeira na segunda parte do concerto obras de compositores actuais galegos como Juan Pérez Berná (Elexía Nocturna), Yerko Ivànovic Barbeiro (Humoresque para trompeta e piano), Miguel Brotóns (Waldhorn, para trompa e piano), Margarita Viso (Fantasía para catro trompas), Juan Durán (O señor Biscuit) e Carlos Cambeiro (Tres dúos para trompeta e piano).

A través do XVI Ciclo da Asociación Galega de Compositores terán lugar tres novos concertos en Vigo, Lugo e Santiago. O quinteto de vento ‘Pentafonía’ levará a Vigo en abril o concerto ‘Música para Madeiras’, mentres que o cuarteto de cordas ‘Ginastera’ actuará en xuño en Lugo no concerto ‘Música para Corda’ e a orquestra e coro ‘Gaos’ levará a Santiago o espectáculo ‘Música para Orquestra’ no mes de xullo.

As obras interpretadas nestes concertos serán pezas de cinco históricos da música galega, Marcial del Adalid, Andrés Gaos, Juan Montes, Anselmo González del Valle e Sebastián Canuto Berea e 21 compositores de hoxe, Manuel Alejandre, Gabriel Bussi, Yerko Ivànovic, Antonio Peña, Joám Trillo, Xavier Comesanha, Carlos López García, Ermitas García Ríos, Iván Rodríguez Armán, Gloria Rodríguez Gil, Xoán Antón Vázquez Casas, Karolis Biveinis, José Ces Calvo, Jesús González, Javier Mª López Rodríguez, Eligio Vila, Carlos Cambeiro, Miguel Brotóns, Margarita Viso, Juan Pérez Berná e Juan Durán.

Grupo de metais Santa Cecilia
O Grupo de Metais Santa Cecilia Cidade de Ferrol está integrado por cinco músicos de diferentes agrupacións instrumentais e Conservatorios de Galicia. O Grupo baséase na formación típica de quinteto de vento metal con dúas trompetas, trombón, trompa e tuba. O Grupo de Metais Santa Cecilia xa ten estreado obras de compositores galegos no Ciclo de Concertos organizados pola Asociación Galega de Compositores. Para o orquestra ferrolá compuxeron música entre outros os compositores galegos Xan Viaño, Juan Durán, Pulino Pereiro, Miguel Brotóns ou Rudesindo Sotelo.

Desde a súa fundación no ano 1980, actuou nas principais cidades de Galicia. Asemade realizou gravacións para a TVG, Radio Nacional en Galicia (Radio 4) e Radio Nacional de España en Madrid (Radio 2). Ten actuado en diversas ocasións no Auditorio de Galicia, na ‘Semana da Música Sacra’ de Ourense, na Gala de Entrega de Premios de Teatro María Casares ou na Universidade da Coruña. En 2011 acadou o Premio da Música Gregorio Baudot concedido pola Sociedad Artística Ferrolana (SAF).

Antonio Queija Uz
Antonio Queija é un pianista nacionalizado español que naceu na Habana en 1963 e se graduou no Conservatorio ‘Alejandro García Caturla’. É un dos intérpretes actuais máis comprometidos coa música galega, que difunde no só a través dos seus concertos, senón tamén a través do seu labor docente.

Gabriel López tocou coa Sinfónica Nacional de Venezuela, Sinfónica Nacional de Cuba, Sinfónica de Matanzas e Sinfónica de Oriente. En 1993 foi seleccionado pola ‘Sigismund Thalberg Society’ (EEUU), como un dos tres pianistas máis distinguidos a nivel internacional na divulgación da música de Listz. Neste mesmo ano realizou unha extensa xira polo Extremo Oriente que rematou na Coruña actuando no ‘Beijing Hall’ de Pekín, onde tocou a Sonata en Si menor de Liszt e varias obras de Thalberg, con excelentes críticas nos medios de prensa.

Dende 1994 reside en España onde leva a cabo unha intensa actividade como concertista e docente. Ofreceu recitais de piano na ‘Fundación Juan March’ de Madrid, no Auditorio da Universidade de Santiago de Compostela ou no Círculo das Artes de Lugo. Destaca a súa gravación de 12 obras de Gottschalk para ‘Several Records’ que recibiu as máis eloxiosas críticas e foi destacada por ‘Música y Educación’ en outubro de 2001. Durante máis de 10 anos foi profesor de piano no Centro Autorizado de Grado Elemental e Medio ‘Cantiga’ en Sarria. Desde 2006 exerce como profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Lugo.

Irantzu Agirre Arrizubiet
Aclamada pola crítica como “unha artista con gran sensibilidade para a música de cámara así como tamén unha solista virtuosa" (New York Concert Review, USA), Irantzu Agirre ten dado concertos como solista no ‘Auditorio de Las Rozas’ de Madrid, na ‘Quincena Musical de San Sebastián’ e no ‘Weill Hall’ de Nova York, onde foi presentada por Artist International Inc.

Comezou a tocar en orquestras profesionais aos dezaseis anos e colaborou coa Orquestra Sinfónica de Bilbao, a Sinfónica de Euskadi, a Orquestra Millenium e a Orquestra Freixenet en España; a Philarmonia of the Nations, Riverside Symphony Middletown Symphony Orchestra en Estados Unidos e a Orquestra Spoleto Music Festival en Italia. O seu interés pola música contemporánea levouna a traballar cos compositores Osvaldo Golijov, John Adams y Yanov-Yanovsky. Tamén colaborou coas compositoras Cynthia Lee Wong e Angélica Negrón na elaboración e estrea das obras Song of Gernika (2009) e Technicolor (2008).

Irantzu rematou a carreira de arpa con ‘Premio de Honra’ no Conservatorio Superior de Música ‘Reina Sofía’ de Madrid e continuou os seus estudos en Nova York. Hoxe en día, é profesora de arpa no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Gabriel López Rodríguez
Gabriel López naceu en Fene en 1980, iniciando os seus estudios de piano no Conservatorio Profesional de Ferrol e rematándoos no Conservatorio Superior da Coruña. Durante o seu período formativo ten acadado as máximas cualificacións e galardóns

En 1999 obtén o primeiro premio do concurso ‘Real Club Nátuico de Vigo’ e o segundo premio no II ‘Certame Galego de Xoves Concertistas’ convocado pola Xunta de Galicia, que supuxo ademais a gravación dun CD. As súas actividades como concertista inícianse coa súa participación no Ciclo de Concertos da Fundación Caixa Galicia, así como no Ciclo de Xoves Intérpretes da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Entre os seus concertos destacan os ofrecidos no Casino Cultural e na Casa de Galicia de Madrid, e na Filarmónica da Coruña. Gabriel López gravou varios CDs acompañando a novos valores galegos da interpretación, e estreou obras de diversos compositores galegos. Na actualidade é profesor titular de piano no Conservatorio Profesional da Coruña.
 

  • whatsapp