Xunta de Galicia

No acto interviñeron, ademais do autor, a poeta Angelina Gatell, o catedrático José Luis Varela e o coordinadaor de actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez Pérez

O filólogo ourensano José Eduardo Valenzuela presentou hoxe en Madrid o seu libro 'Grita, cuerpo. Mis ochenta. Vida en falsa ficción'

A obra, editada por Edymion é unha recompilación dos "diálogos que ten un autor co seu vello corpo, a súa vida, a súa obra, presente, pasado, realidades e sonos entre Madrid e Galicia", en palabras de Jiménez

“¿Novela, autobiografía, diario, monólogo...?” para Angelina Gatell o libro de Valenzuela é “un compendio de todo iso”

"A nosa xeración tivo o privilexio de presenciar a vida e gran parte da obra dos principais creadores, Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco Amor, Valente... ", dixo José Luis Varela

Para o autor, José Eduardo Valenzuela o libro trata de reflectir "un continuo presente. O día a día da primavera de 2008", a punto de cumprir os oitenta

 

  • Un momento da presentación do libro de Valenzuela na Casa de Galicia
  • Portada do libro de José Eduardo Valenzuela

Madrid, 12 de abril de 2011. - Na presentación do libro “Grita cuerpo. Mis ochenta” co subtítulo "Vida en falsa ficción" do filólogo José Eduardo Valenzuela na Casa de Galicia, Jiménez expuxo: "A José Eduardo Valenzuela, ourensano nacido en Madrid en 1928, xa o coñecemos nesta Casa, porque presentou nesta mesma sala hai 4 anos, o 21 de marzo de 2007, outro libro seu, o titulado Ay Ourense, Ourense!, e que era un libro de cartas-memorias sobre a vella cidade. É autor, así mesmo, das novelas "Como a dos voces" e "Coré". Tamén é dramaturgo, pois escribiu polo menos dúas obras de teatro. O libro que presentamos agora trata dos diálogos que ten un autor co seu vello corpo, sobre a súa vida e a súa obra, presente e pasado, realidades e sonos entre Madrid e Galicia".

Angelina Gatell é barcelonesa de 1926, poeta e narradora. Publicou diversos poemarios dende 1955, o primeiro deles Poema do soldado, que foi Premio de Valencia de poesía en 1954; e o último Muller que son, de 2006. Obtivo tamén o Premio Hucha de Plata por un dos seus contos. É autora de dúas antoloxías poéticas e foi, ademais, no mundo do cine adaptadora de diálogos e actriz de dobraxe. Na presentación, Gatell preguntouse sobre o xénero da obra do seu compañeiro de faladoiro no Gijón onde "onde compartimos afeccións e sonos; e onde sempre se fala demasiado pouco". ¿Novela, autobiografía, diario, monólogo...? para Angelina Gatell o libro de Valenzuela é un compendio de todo iso.

Na súa intervención, José Luis Varela -ourensano de 1924, doutor en Filoloxía Románica, catedrático, decano e vicereitor na Universidade Complutense, decano tamén de Filosofía e Letras na de La Laguna e profesor nas Universidades de Austin (USA) e Colonia, en Alemaña- dixo que Valenzuela é tamén, ao igual que el mesmo, discípulo de Risco: "A nosa xeración tivo o privilexio de presenciar a vida e gran parte da obra dos principais creadores, Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco Amor, Valente... “.

Para o autor, José Eduardo Valenzuela o libro trata de reflectir "un continuo presente. O día a día da primavera de 2008", a punto de cumprir os oitenta, con referencias ao pasado e ao curto futuro que agarda. No libro confúndense realidade e ficción e mantén a esperanza en conseguir logros "que non chegaron pero que poden facelo aínda".

É un obra de "autoficción" exemplar, di José Luis Merino, da Real Academia Española no prólogo do libro: "O lector encontrarase ante unha autoficción -o termo, moi recente, aínda non foi recollido no Dicionario de RAE-, verdadeiramente exemplar de como o mero transcurso da idade, e os adversos avatares editoriais, non teñen por que erosionar a fe do escritor no seu traballo e a súa loita por construír unha obra que mesmo utiliza como materia prima esas mesmas contrariedades".
 

  • whatsapp