Nunha reunión mantida coa Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada, salientou que o Goberno galego segue avanzando na tramitación desta infraestrutura

Hernández anuncia que a autovía A Ramallosa - A Estrada (AG-59) xa conta con proxecto de trazado aprobado e o vindeiro luns se someterá a información pública

O trazado foi modificado para mellorar a conectividade da autovía coa rede viaria actual e coas futuras vías de alta capacidade previstas, e para minimizar as afeccións

A autovía que construirá o actual Goberno ten unha lonxitude é de máis de 11 quilómetros e suporá un orzamento superior aos 90 millóns de euros

O conselleiro lembrou que é responsabilidade do concello lograr a aprobación do Plan Xeral, e que a Xunta xa informou fai dous meses dos pasos que tiña que dar para acadar dito obxectivo

Agustín Hernández afirmou que aprobar un plan xeral nas condicións actuais suporía unha grave irresponsabilidade, xa que saltarse a lei provocaría unha inseguridade xurídica evidente

No que se refire á Cidade do Moble, anunciou que, despois da aprobación do proxecto sectorial polo Consello da Xunta o pasado 24 de febreiro, estase a traballar na contratación da redacción do proxecto de expropiación

A Estrada (Pontevedra), 29 de abril de 2011
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, adiantou que o vindeiro luns se inicia o proceso de información pública do proxecto de trazado da Autovía A Ramallosa - A Estrada (AG-59). Nunha reunión mantida esta tarde coa Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada, salientou que o Goberno galego avanza un paso máis no proceso de tramitación desta actuación.

Cómpre lembrar que entre as indicacións recollidas na Declaración de Impacto Ambiental (DIA), trasladadas á resolución de aprobación definitiva do Estudo Informativo, atopábase a indicación de modificar lixeiramente o trazado en 3 zonas: no tramo entre os punto quilométrico 3+500 e 5+800, para afastar o trazado do castro de Vila Criste; no treito entre os pk 8+400 e 10+000, para afastar o trazado do lugar de Castro de Abaixo; e no tramo dende o punto 10+500 ao final (PK 11+500, aproximadamente), para mellorar a conectividade da vía, optando nese tramo pola alternativa B do trazado.

Para garantir unha mellor conectividade, a vía enlazará coa futura variante da Estrada do Ministerio de Fomento, actualmente en fase de expropiacións, en lugar de coa variante de Portela, tamén actuación da Administración do Estado.

A autovía comeza onde finaliza actualmente a AG-59, na Ramallosa e presenta dous enlaces intermedios, coas estradas autonómicas AC-241 e PO-841.

Para a conexión coa Variante da Estrada foi necesario considerar a coordinación co proxecto de construción desa obra, pero tamén co trazado do Estudo Informativo da Variante de Portela.

Tamén se estuda unha posible prolongación do corredor Santiago-A Estrada desde ese punto cara a Cerdedo e Forcarei, conectando coa estrada Ourense-Pontevedra (N-541), prolongación para o que é está a levar a cabo a redacción dun Estudo Informativo por parte da Xunta de Galicia.

Por iso, foi necesario deseñar un enlace que posibilite a súa construción modular, no que se recollan as conexións de todas as infraestruturas previstas sen que a construción de ningunha afecte ás actuacións executadas con anterioridade.

O deseño do enlace implica a previsión de 3 niveis de viarios. O máis baixo é o que se corresponde coa Variante da Estrada e a súa continuidade a través da futura Variante de Portela. No nivel intermedio deséñase unha glorieta que serve para resolver todos os movementos entre uns eixos e outros. No nivel superior déixase previsto o paso do corredor cara a Cerdedo e Forcarei, como continuidade da AG-59.

O trazado
A lonxitude deste tramo é de máis de 11 quilómetros e suporá un orzamento superior aos 90 millóns de euros. Contará con 3 enlaces, 4 viadutos, 16 pasos superiores e 12 inferiores. Coa posta en marcha deste proxecto búscase darlle continuidade á autovía AG-59 e conectar o Concello da Estrada e a súa comarca con Santiago e a autoestrada da AP-53.

Nese senso, os tempos de percorrido do trazado Santiago- A Estrada, respecto das alternativas da estrada actual (AC-841/ PO-841), reduciranse nun 58,6%, ao pasar de 29 minutos pola rede provincial a 12 minutos pola futura autovía.

A infraestrutura terá consideración de autovía, polo que se poderá circular a unha velocidade de 120 km/h, cun ancho total de 25,5 metros e dúas calzadas de 7 metros. Os concellos afectados pola construción deste vial son Santiago, Teo, Vedra, A Estrada e Cuntis, polo que o número de veciños beneficiados é de 144.085, cifra que se elevará a 150.771 cando se engadan Forcarei e Cerdedo.

PXOM da Estrada
O conselleiro de Medio Ambiente recordou que os plans de ordenación municipal son competencia das entidades locais, polo que destacou que é responsabilidade “única e exclusiva” do Concello da Estrada contar cun PXOM viable e un planeamento aprobado.

Hernández lembrou aos empresarios que a Xunta devolveu o PXOM ao concello o pasado mes de marzo para que o adapte á Lei do Solo antes da súa aprobación definitiva. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo non dá por válida a aprobación do Plan porque non contempla o procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

O concelleiro destacou que o Concello foi advertido ata en dúas ocasións das deficiencias existentes, pero aínda así remitiu á Xunta un PXOM a sabendas de que non cumpre a lei.

O PXOM que foi aprobado definitivamente polo Pleno municipal do 03/02/11 entrou na Secretaría Xeral de Urbanismo e Medio Ambiente o 18/02/11. A Xunta devolveu o PXOM en marzo comunicando que o Concello de A Estrada debe cumprir os seguintes requerimentos:

-Adaptar o PXOM ás determinacións da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da LOUG.
-Remitir á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o documento corrixido xunto coa proposta de memoria ambiental, para que o órgano ambiental emita a memoria ambiental, a cal ten carácter vinculante, e se incorpore no documento do plan que se aprobe provisional e definitivamente.

-Aprobar provisionalmente o PXOM, e remitilo á Consellería de MATI para a súa aprobación definitiva.

-Remitir o documento do PXOM e o expediente administrativo municipal completo: incluíndo a tramitación ambiental, resultado da información pública, solicitude e emisión dos informes sectoriais e toda a documentación que forme parte da tramitación do PXOM ata o momento.

Agustín Hernández afirmou que aprobar un plan xeral nesas condicións por parte da Xunta suporía unha grave irresponsabilidade, xa que saltarse a lei provocaría unha inseguridade xurídica evidente.

Hernández destacou que un plan xeral non debe ser visto unicamente como o documento reitor da construción, senón que define o concello que queren os veciños para o futuro. Neste documento de planeamento reflíctese a evolución dun concello ou dunha cidade, dotando de servizos ao núcleo urbano e aos rurais. Este documento establece unha política de conservación dos valores de especial interese patrimonial, ecolóxico e paisaxístico.

Argumentou que o planeamento tamén identifica e ordena as áreas de especial capacidade agrícola e forestal e potencia a consolidación e crecemento dos ordenado dos núcleos de poboación. Así, defínense as áreas de futuro crecemento residencial, industrial ou comercial.

Por elo, o conselleiro comprometeuse a colaborar lealmente co concello para resolver as deficiencias sinaladas e a axilizar a tramitación do Plan para a súa aprobación definitiva.

Cidade do Moble
No que se refire á Cidade do Moble, o conselleiro Agustín Hernández anunciou que, despois da aprobación do proxecto sectorial polo Consello da Xunta o pasado 24 de febreiro, estase a traballar na contratación da redacción do proxecto de expropiación. Ademais, este ano iniciaranse as negociacións coas empresas existentes no ámbito do parque, para integralas no proxecto.

O investimento total previsto na Cidade do Moble acada os 25,8 millóns de euros. O futuro parque ocupará unha superficie de 367.852,67 metros cadrados, dos que 224.751,55 serán de uso industrial e o resto corresponderá a servizos comúns, equipamento, zonas verdes, rede viaria ou de aparcamento.

Os criterios e obxectivos xerais do proxecto sectorial da Cidade do Moble da Estrada que guían a ordenación pódense resumir nos seguintes:

- Creación dunha nova área industrial que permita a conformación da futura Cidade do Moble da Estrada. Dáse resposta a unha análise previa de sinerxías e dotación de espazos de usos comúns para a localización de empresas relacionadas co sector do moble.
- Especialización do polígono. Establécense zonas específicas para actividades vinculadas ao sector do moble, con localización, xeometría, dimensións e usos especializados.
- Integración axeitada das industrias xa existentes. A ordenación formulada é compatible coas actividades en uso da zona, vinculadas principalmente á estrada N-640.
- Integración ambiental e paisaxística. Criterio e obxectivo clave dado o límite natural constituído polo río Liñares, así potenciarase o corredor ecolóxico existente.
- Dotar ao polígono dun acceso rodado adecuado. A idoneidade do desenvolvemento do polígono en ambas as marxes da estrada N-640 contraponse coa dificultade de dimensionar o acceso máis efectivo desde esta.

O conselleiro de Medio Ambiente reiterou aos empresarios que o acceso desde a estrada N-640 realízase a ambos os lados da vía de servizo que separan tráficos e serven de acceso a empresas xa localizadas eliminando o seu acceso directo desde a estrada, e aclarou que para permitir os accesos a esquerdas definiuse un paso elevado central con finalización en rotonda que permite o cambio de sentido.

Finalmente, na intersección prevista ao leste do polígono e co obxectivo de definir carrís de aceleración e deceleración de gran lonxitude, defínense dúas rotondas con modo de fondo de saco a ambos os lados da N-640, eliminando accesos ás vías de servizo na dita intersección.

Explicou que a estrutura viaria terá un eixe central distribuidor perpendicular á N-640 que na súa parte central asume a estrutura do paso elevado, dous eixes en paralelo á N-640 un ao norte e outro ao sur, como vías distribuidoras e estruturadoras de ambas as zonas (norte e sur), e un eixe perpendicular á N-640 que resolve accesos unidireccionais coa estrada nacional.

Tamén se reservará unha banda de protección ao longo da Regata Lagartóns que atravesa o lugar de sur a norte, con especial atención á zona húmida situada xunto á gasolineira, así como unha banda do bordo e no límite norte e leste do polígono, para posible paseo do bordo e como transición entre a zona industrial e a ribeira natural do río Liñares.